Os viños da Denominación de Orixe Monterrei chegan a Valencia este 9 de xuño para presentar a súa nova colleita. Farase nun evento profesional que reunirá 19 adegas no espazo gastronómico Mercader, unha antiga tonelería do século XIX situada ás portas da Valencia mariñeira.
As adegas participantes darán a coñecer viños elaborados coas variedades emblemáticas da denominación: Godello, en brancos, e Mencía, en tintos. Trátase dunha acción que busca consolidar o crecemento dunha zona con longa tradición vitivinícola.
Por primeira vez, a D.O. Monterrei lanza tamén a “Ruta Viño do Verán D.O. Monterrei”, unha proposta que durante dous meses levará estes viños galegos a locais como Mercader, La Marítima, La Ferrera, Bodega Biosca, Vinostrum e Travieso. O obxectivo é achegar os viños ao público local e visitante, poñendo en valor a súa versatilidade coa gastronomía mediterránea.
O feito de estar presentes en terrazas e mesas durante o verán “suporá unha gran oportunidade para as nosas adegas”, afirma Manuel Vázquez, presidente do Consello Regulador, quen salienta tamén o papel de embaixadores que asumirán Godellos e Mencías nesta iniciativa.
A autenticidade dos viños de Monterrei é clave do seu éxito nacional e internacional. A súa frescura, mineralidade e equilibrio foron recoñecidas pola crítica especializada, tanto en brancos como en tintos. Os Mencías destacan polo seu corpo, acidez equilibrada e boa evolución en botella.
A diferenza doutras rexións galegas máis atlánticas, Monterrei conta cun clima continental e unha diversidade de solos que permite elaborar viños con estrutura e capacidade de garda, sen perder frescura.
Outro valor engadido da denominación é a súa versatilidade gastronómica. Brancos e tintos de Monterrei encaixan en diversos estilos culinarios, converténdose nunha opción atractiva para o sector da restauración.