Os viñedos encaran a recta final antes da vendima con boa sanidade

Publicidade
Os viñedos encaran a recta final antes da vendima con boa sanidade

Acio de Albariño en bo estado. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

As chuvias rexistradas en toda Galicia ó longo dos últimos días case non tiveron incidencia no estado sanitario dos viñedos. Así o recolle o último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, entidade dependente da Deputación de Pontevedra.

As viñas apenas presentan incidencia de patoloxías habituais coma o mildio. Detectaron moi poucos síntomas nos brotes terminais, mesmo na plantas de viñas que levaban máis dun mes sen aplicar tratamentos ou naquelas que manteñen sen intervención en toda a campaña. Os ventos do norte e a previsión de tempo seco para os próximo día fan que siga sendo improvable a aparición de danos por mildio.

Os síntomas de oídio que detectara o persoal de Areeiro na revisión da semana anterior tampouco evolucionaron durante estes días, e só detectaron danos mínimos e casos puntuais.

Aínda que as chuvias podían favorecer os danos por botrite, na maioría dos casos foron precipitacións moi lixeiras e a humidade non se mantivo durante moito tempo na vexetación, polo que non se aprecian danos de importancia. A previsión de tempo seco tamén reduce ó mínimo o risco para os próximos días. Se se producen danos para os que sexa preciso tratar e tendo en conta a proximidade da vendima nalgunhas zonas, dende Areeiro recordan que existen funxicidas antibotríticos con 14 días de prazo de seguridade e outras solucións naturais que ou ben non teñen tempo de espera ou só se debe agardar un día.

Esta semana incrementouse a presenza e capturas de machos de couza do acio, en especial nunha das trampas xestionadas por Areeiro en viñas de O Condado, onde capturaron 72 exemplares. Tamén se incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda así atópase por debaixo dos limiares nos que sería preciso realizar un tratamento.

Malia as precipitacións rexistradas esta semana, as viñas seguen acusando estrés hídrico e patoloxías de madeira. Ademais, a forte insolación fai que se manifesten de xeito máis notorio os golpes de sol nas uvas. Esta semana, o persoal de Areeiro xa detectou os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información