Os usos gandeiros do monte, con problemas nas axudas da PAC

O Sindicato Labrego advirte de que centos de hectáreas de aproveitamentos silvopastorais en montes veciñais atópanse con dificultades no acceso ás subvencións

Os usos gandeiros do monte, con problemas nas axudas da PAC

As explotacións con superficies en montes veciñais están a rexistrar problemas na solicitude da PAC.

A utilización do monte para pasto do gando, un uso tradicional en Galicia, enfróntase a serios problemas na solicitude das axudas da Política Agraria Común (PAC). No caso dos aproveitamentos silvopastorais, que combinan a utilización forestal coa gandeira, centos de hectáreas están a quedar excluídos das subvencións, segundo critica o Sindicato Labrego. En canto ás pradarías, habituais en montes veciñais, tamén se están a rexistrar dificultades pola aplicación de coeficientes que reducen a superficie que pode optar ás axudas.

Os criterios seguidos pola Administración á hora de determinar as superficies subvencionables están a provocar problemas na solicitude da PAC deste ano, que conclúe o 15 de xuño. En Abadín, por exemplo, o sistema de solicitude das subvencións deixaba fóra todos os aproveitamentos gandeiros que se estaban a facer nun monte veciñal, tanto os silvopastorais coma os realizados en pastos permanentes. Logo da correspondente reclamación, as pradarías pasaron a ser subvencionables case no 100% da superficie, sen a penas aplicación de coeficientes de minoración; pero os usos silvopastorais correron peor sorte.

Se hai máis de 100 árbores por hectárea, o monte considérase so de uso forestal

O pasto de gando en superficies arboradas enfróntase ós criterios máis restrictivos. Se hai máis de 100 árbores por hectárea, o monte considérase só de uso forestal. O mesmo sucede se a superficie herbácea é inferior á metade, segundo os datos que manexa o Sindicato Labrego. “Son uns requisitos que non teñen nada que ver coa realidade de Galicia, xa que os montes de uso exclusivamente forestal poden ter máis de 1000 pés por hectárea”, cuestionan desde o Sindicato Labrego. “O propio modelo silvícola da Xunta dirixido a sistemas silvopastorais determina unha densidade de arborado de 300 a 500 pés por hectárea, moi superior ós 100 pés cos que se limita o acceso a axudas”.

Xestións coa Administración
A organización agraria está a facer xestións ó respecto tanto no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) como no seu homólogo estatal, o Fega. “Pola información que nos dan, estes requisitos veñen de Bruxelas e as administracións están sometidas a auditorías rigurosas sobre estas cuestións, pero habería que tratar de buscar unha solución, xa que hai moitos produtores que poden sufrir unha perda importante de ingresos”, valora Diego Sánchez, responsable do Sindicato Labrego en materia forestal.

“O aproveitamento do mato é útil para previr os lumes, pero penalízase no acceso a axudas”

O aproveitamento do mato polo gando, coa conseguinte redución de combustible no monte ante posibles lumes forestais, é outra das cuestións sobre as que chama a atención o Sindicato Labrego: “É un uso especialmente útil en Galicia, xa que contribúe a previr os lumes; sen embargo o consumo de mato é penalizado á hora de solicitar as axudas da PAC, xa que se esixe que máis do 50% do monte estea con especies herbáceas”.

Ante esta situación, o Sindicato Labrego está a facer xestións coas Administracións e tamén anima ós afectados a reclamar caso por caso para buscar solucións ós problemas específicos que se poidan detectar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información