Os tractores usados duplican o seu peso no mercado de maquinaria agrícola

No 2007 mercábanse en Galicia preto de tres máquinas de ocasión por cada nova; no 2014 foron 6 usadas por cada nova

Os tractores usados duplican o seu peso no mercado de maquinaria agrícola

A compra de tractores usados resulta máis rendible con poucas horas de uso.

O mercado de tractores experimentou un cambio de tendencia nos últimos anos. Cada vez mércanse máis tractores usados e menos novos, tanto a nivel español como sobre todo en Galicia. O fenómeno , segundo os expertos, débese principalmente ao aumento do prezo da maquinaria de fábrica nos últimos anos, un encarecemento derivado dos custos engadidos que xeraron as obrigas comunitarias de reducir emisións de dióxido de carbono.

O sobrecusto chegou ata os 10.000 euros por tractor nalgúns casos, segundo detallou o presidente de Aenor Tractores, Luís Márquez, durante a feira Gandagro-Cimag, que se celebrou ata o pasado sábado en Silleda. En Galicia, a tendencia cara ao tractor usado ten máis peso que no resto de España, unha cuestión que os técnicos atribúen ao menor tamaño das explotacións na comunidade e ao menor número de horas de uso do tractor.

“En España, un tractor emprégase de media unhas 460 horas ao ano; en Galicia faino unhas 350 horas e a superficie media de manexo rolda as 11 hectáreas” – calcula Luís Márquez.- “Con esas cifras, resulta máis rendible a compra dun tractor usado”, valora. “Se facemos números aplicados a Galicia, calculando custos de amortización, de combustible e de mantemento para un tractor novo medio, de 80 cabalos e valorado en 32.000 euros, vemos que con 350 horas de traballo o custo anual rolda os 7.463 euros ao ano. As mesmas cifras para un tractor usado de 110 cabalos que custou 13.000 euros arroxan un gasto medio anual de 6.734 euros. Xa que logo, nas condicións de Galicia a miúdo compensa a adquisición do tractor usado”, explica Márquez.

“En Galicia, con arredor de 350 horas de uso ó ano, é máis rendible mercar un tractor usado que un novo” (Luis Márquez)

Os datos do mercado galego apuntan nesa dirección. Se no 2007 se mercaron preto de 1.400 tractores novos e 3.600 usados; no 2014 as cifras foron de 725 novos e uns 4.350 usados. No 2007 mercábase un tractor novo por cada 2,6 usados e no 2014, o diferencial escapouse ata un novo por cada seis usados, máis do dobre da media española.

Seguridade
O mercado de tractores usados caracterízase pola antigüidade da maioría das máquinas que pasan dunhas mans a outras. En Galicia, un 74% dos tractores usados que se venderon no 2014 excedía os 20 anos, segundo os datos ministeriales, unha circunstancia que preocupa a nivel de seguridade. “Os tractores están obrigados a contar con estruturas antienvorcamento, pero os anteriores, os de máis de 20 anos, non as teñen en moitos casos”, advirte o secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria (Ansemat), Ignacio Ruíz.

O 74% dos tractores que se vende no mercado de segunda man ten máis de 20 anos

“A normativa de redución de emisións repercutiu en maiores custos para o tractor novo, nun maior emprego do usado e, en consecuencia, nun aumento dos problemas de seguridade laboral”, valora Ruíz. “Prodúcese ademais o paradoxo de que un propietario dun tractor usado pode substituír o seu motor por outro novo correspondente a ese modelo e que, xa que logo, non cumpre coa nova normativa de emisións”.

Zona gandeira e zona vitícola

Así as cousas, en Galicia o mercado de tractores novos mantense á baixa, salvo no caso de cooperativas e empresas de servizos. “Na comunidade hai que distinguir ó gran usuario, tipo cooperativa ou empresa de servizos, do pequeno usuario”, incide Luís Márquez. “E tamén hai que diferenciar entre as compras do sector gandeiro e as compras da zona sur orientadas ao viñedo. Se en Coruña e Lugo, os tractores novos que se adquiren superan os 100 cabalos de media; en Ourense e Pontevedra roldan os 60 cabalos e son máis baixos e estreitos”, expón o presidente de Aenor Maquinaria.

“Galicia non vende tractores, pero é líder en colleitadoras de forraxe e cisternas de purín” (Luis Márquez)

O sector gandeiro de Lugo, Coruña e norte de Pontevedra tira tamén das vendas de maquinaria especializada. “Galicia non vende tractores, pero destaca en maquinaria”, resume Luís Márquez. “En colleitadoras de forraxe, en Galicia vendéronse no 2014 18 das 26 colleitadoras que se venderon en todo o estado; en cisternas de purín, a comunidade representa o 43% do mercado estatal; en rotoempacadoras ten o 18% do mercado estatal e tamén destaca noutros campos, como en autocargadores ou motocultores”, resume o presidente de Aenor Tractores e Maquinaria Agrícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información