Os tractores saen de Santiago para bloquear as industrias lácteas

Os gandeiros bloquearán 15 industrias lácteas de Galicia. Manteñen o bloqueo do Centro de Distribución de DIA e amplíano ano de VEGALSA-EROSKI e ao de GADIS. Din que o acordo non establece sancións para industria e distribución en caso de incumprimento e que non se define o prezo sostible.

Os tractores saen de Santiago para bloquear as industrias lácteas

Tractores saíndo de Santiago esta tarde

Os gandeiros bloquearán entre esta noite e mañá 15 industrias lácteas de Galicia, entre elas Leite Río, Celta, FEIRACO ou LACTALIS. Tamén intentarán ampliar o bloqueo ás plataformas loxísticas de GADIS, en Betanzos, e de VEGALSA-Eroski, en Sigueiro (Oroso), ao tempo que manterán o de DIA, aínda que rebaixando a presión para evitar que a multinacional despida aos 120 traballadores do seu centro de distribución. Ademais, bloquearanse as rutas de reparto dos camións que recollen o leite.

Así se anunciou esta tarde en Santiago nunha reunión dos gandeiros na que se repartiu o bloqueo das 15 industrias por comarcas, cun coordinador para cada unha delas. O obxectivo é lograr que “non entre nin saia un litro de leite”, segundo o representante da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, Anxo Escariz, para presionar a industria e distribución para que lles paguen uns prezos polo leite que lles cubran os custos de produción.

En concreto, con esta medida os gandeiros pretenden que o preacordo para a estabilidade do sector lácteo que presentou o Ministerio de Agricultura recolla tamén dous aspectos que consideran fundamentais para que sexa efectivo: sancións para industria e distribución para garantir o seu cumprimento e unha definición do que é prezo sostible para o gandeiro.

A esta hora xa se retiraron a maioría dos tractores das rúas de Santiago para ir bloquear as industrias. Iso, si, mantense o bloqueo da sede da Xunta de Galicia en San Caetano.

“Non podemos perder o apoio da sociedade”

Reunión desta tarde.

Reunión desta tarde.

Na reunión desta tarde, Anxo Escariz insistiu en que “non podemos perder o apoio da sociedade” polo que lles pediu aos gandeiros que “os bloqueos se fagan civilizadamente, sen derramar leite e ou ben con tractores ou como se poda”.

O representante da Plataforma destacou que “se conseguimos bloquear as industrias podemos ter éxito”. “Todos sabedes o que nos di o representante de ventas da industria cando nos queixamos do prezo do leite: que despois de noviembre ven jodiembre, pois se non loitamos agora teremos un jodiembre permanente”, concluíu.

ASAJA-Galicia “desvincúlase totalmente das mobilizacións”

Por último, ASAJA-Galicia emitiu un comunicado no que asegura que “ante as últimas informacións e rumores sobre novas medidas de presión que grupos de gandeiros poden tomar nas próximas horas, ASAJA Galicia quere manifestar que se desvincula totalmente desas accións, que a asociación non comparte en absoluto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información