Os tecores piden que non se reduzan as cotas de caza de xabarín nas zonas queimadas

Alegan que en caso de que diminúan as capturas, como establece a lexislación, as poboacións dispararíanse nas zonas non afectadas polos lumes, aumentando os danos nos cultivos

Robleda que sobrevivió al fuego en el Courel.

O pasado sábado 6 de setembro celebrouse unha reunión en O Riós á que asistiron 80 representantes das xuntas directivas de 16 tecores afectados polos incendios forestais en agosto.

Coas achegas de todos eles, a Unión de Asociacións Titulares de Tecores de Galicia (Unitega) elaborou unha proposta de medidas para “aliviar as situación na que se atopan”, pedindo á Consellería de Medio Ambiente que adopte “medidas sensatas”. 

“Esta batería de propostas elaborouse tendo en conta a lexislación vixente en materia de caza e de prevención de incendios, polo que en ningún caso sería necesario facer modificacións legais, afectando soamente a criterios que vén aplicando a Administración en base a protocolos internos de actuación”, aseguran. 

Entre as principais medidas que piden os tecores é que se manteñan as cotas establecidas para a caza do xabarín onde houbo lumes. A lexislación establece que os tecores afectados en máis dun 15% da súa superficie polo lume están obrigados a recudir as súas cotas de captura pero consideran que de levarse a cabo “as poboacións de xabarín concentraranse nas zonas non afectadas polos incendios, o que aumenta o risco de danos aos cultivos”. “Non parece lóxico que a Administración reduza as cotas para despois ter que autorizar a caza de novo a través de batidas por danos ou mediante a declaración da emerxencia cinexética nestas comarcas”, argumentan. 

Piden que se priorice a recuperación de coello e perdiz vermella nas zonas ardidas así como as sementeiras de cereal e a construción de tobos artificiais

En canto á caza menor, aínda que a lexislación contra incendios establece que os terreos afectados polo lume deben permanecer vedados para a caza menor durante catro tempadas consecutivas, os tecores piden que se flexibilice esta prohibición autorizando o adestramento de cans e permitindo a caza naquelas áreas que se teñan recuperado correctamente antes desta data. 

Solicitan tamén que nas liñas de axudas para sementeiras de cereais e construción de tobos artificiais (biotopos) nos montes se outorgue prioridade aos tecores que sufriron incendios. Do mesmo xeito, consideran que é necesario que a Consellería do Medio Ambiente desenvolva programas específicos para a recuperación da fauna cinexética, nomeadamente coello e perdiz vermella, naquelas zonas onde houbo grandes extensións queimadas e nas que se produciu unha perda significativa das colonias locais destas especies.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información