O leite sobe nos supermercados, pero non nas granxas

As organizacions agrarias constatan unha revalorización das marcas brancas na práctica totalidade das cadeas de distribución. Agardan agora movementos das industrias para trasladar esas subas ó agro. De non producirse alzas nos contratos lácteos, espérase un outono ‘quente’ de mobilizacións

O leite sobe nos supermercados, pero non nas granxas

Cisterna no acceso a unha industria. / Arquivo.

O prezo do leite levaba anos enquistado no supermercado, mesmo con tendencia á baixa, ata o punto de que no primeiro semestre do ano arredor dun 40% do leite se vendía por debaixo dos 60 céntimos nas cadeas de distribución. Ese escenario de baixos prezos, nun contexto de aumento de custos de produción no campo, deixaba un panorama complicado. Coas granxas contra as cordas, as industrias argumentaban que os supermercados bloqueaban calquera posible revalorización do leite no campo. Tal problema, sen embargo, xa desapareceu.

Tralo movemento iniciado por Mercadona, que anunciou este verán unha suba de 3 céntimos nos briks da súa marca branca, o resto de cadeas da distribución tomaron unha dirección similar. Encamiñadas pola presión das organizacións agrarias e pola intermediación no diálogo que prestaron as Administracións, a gran maioría de cadeas da distribución optou por elevar o prezo dos briks de leite ata un mínimo de 60 céntimos.

A gran maioría dos supermercados vende o leite agora a un mínimo de 60 céntimos

O sector agrario valora de xeito positivo eses movementos, pero espera agora que a suba de prezos do leite no supermercado se traslade ó campo. “Estamos mantendo rondas de contactos con todas as cadeas de distribución e, salvo casos concretos, nos que quizais sexa preciso actuar, comprobamos que a gran maioría revalorizaron o leite nos lineais” -explica Öscar Pose, de Unións Agrarias-. “O problema é que as industrias, que xa están cobrando máis polo leite que lle venden ós supermercados, non están trasladando esa suba ó campo”, advirte.

Coa excepción das industrias interproveedoras de Mercadona, como Naturleite, que xa anunciaran subas no verán, hai escasos movementos das empresas transformadoras. Entrepinares, tamén interproveedora de Mercadona, confirmou estes días unha suba no campo de arredor de 2 céntimos, con contratos cun prezo base de 35,5 céntimos /Kg. para un leite de 3,80 de graxa e 3,30 de proteína. Ese prezo aplicarase ó 90% do leite, en tanto o outro 10% ten un prezo variable ligado ás cotizacións dos queixos industriais (Edam, Gouda, Cheddar, Emmental), se ben o valor dese 10% nunca superará ó do prezo base.

As subas coñecidas complétanse coa anunciada por Leche Celta. A súa matriz, Lactogal, xa comunicara en Portugal que ía subir 1,5 céntimos, se ben aquí en Galicia a suba a aplicar será menor. “É certo que Leche Celta tamén está a anunciar unha suba de 0,5 céntimos para as pequenas granxas e de 1 céntimo para as de maior dimensión, pero trátase dun movemento insuficiente. Outras empresas, como Larsa -propiedade da asturiana Capsa-, nin sequera iso. Están cobrando máis polo leite, pero quédanse cos cartos, non llos trasladan ás granxas”, resume Óscar Pose.

Celta anunciou unha suba no campo de 0,5 – 1 céntimo, pero o sector considéraa insuficiente, dado que os custos de produción subiron xa en máis de 3 céntimos por litro de leite

Desde Unións Agrarias esperan inminentes movementos por parte das industrias lácteas, pero de non chegar ou de ser insuficientes, pronostican un ‘outono quente’ de mobilizacións. “Os custos de produción das granxas continúan disparándose, en especial os do penso. Entre penso, factura da luz, gasóleo, abono e plásticos, estamos cun aumento de custos que equivale a máis de 3 céntimos por litro de leite, co problema de que os aumentos de custos continúan” -advirte Pose-. “As granxas estanse vendo apuradas e precisan solucións inmediatas”.

Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, está mantendo contactos coas industrias lácteas en demanda dunha modificación dos contratos vixentes no campo, aínda que polo de agora con escasos resultados. “Con Lactalis teremos que sentarnos en breve, xa que pechamos con eles no verán un contrato por 3 meses e antes de finais de novembro temos que negociar para renovalo, pero do resto de industrias polo de agora non temos noticias”, recoñece Óscar Pose.

Entre tanto, no campo, os traballos de ensilado do millo e de sementeira das praderías obrigan a aprazar posibles mobilizacións; pero as distintas organizacións do sector dan por seguras inminentes protestas no outono se a situación non cambia. Agromuralla xa anunciou a súa intención de convocar mobilizacións, un escenario que tamén baralla Unións Agrarias.

O mesmo escenario se lle presenta a outras organizacións como o Sindicato Labrego e a Fruga, que tamén tiveran un papel activo este verán na presión sobre as cadeas de distribución polos baixos prezos do leite, incluso cunha concentración simbólica ante un supermercado en Lugo coorganizada pola Fruga.

Os prezos no campo soben 1,8 céntimos en Europa no que vai de ano e baixan 0,2 céntimos en España

O contexto do mercado lácteo europeo mantén unha tendencia positiva ao longo de todo este ano. Os prezos do leite no campo subiron unha media de 1,8 céntimos desde o mes de xaneiro, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo. Esa mellora contrasta coa situación de España, onde os prezos caeron no que vai de ano 0,2 céntimos (0,3 en Galicia), segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

A liña que seguen os produtos lácteos industrias é tamén positiva. Nos últimos 12 meses, a manteiga revalorizouse un 17%, o leite en po un 24% e a maioría de queixos (Edam, Gouda, Chedddar) entre un 6 e un 9%.

Con ese contexto de prezos, do que se benefician os derivados das industrias lácteas españolas, as organizacións agrarias non se explican o bloqueo de prezos que se mantén en España no campo.

Os últimos datos mensuais de prezos do leite, correspondentes a agosto, amosan unha suba de 0,4 céntimos en relación a xullo (0,2 en Galicia), pero trátase de variacións anecdóticas no actual contexto.

En canto á produción, España mantén a tendencia de crecemento das entregas. No que vai de ano, sitúase cun 0,6% máis de leite producido que no mesmo periodo do ano pasado. Destaca o dato de agosto, mes no que se entregou un 4% máis de leite que no mesmo mes do ano pasado, unha porcentaxe que en Galicia se elevou ó 6%. A comunidade segue sendo a que lidera o aumento de entregas en España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información