Os supermercados británicos anuncian que pagarán máis polo leite

As protestas gandeiras nas cadeas da distribución forzan a compromisos concretos de aumento dos prezos

Os supermercados británicos anuncian que pagarán máis polo leite

Bloqueo de tractores dun hipermercado de Tesco.

Catro grupos de distribución británicos anunciaron nos últimos días que aumentarán o prezo que lle pagan polo leite os seus suministradores. As protestas gandeiras, que nas últimas semanas bloquearon con tractores o acceso a hipermercados e retiraron leite do seu interior , forzaron os compromisos de cadeas como Asda, Lidl, Aldi ou Morrisons.

Tanto os grupos de ‘hard discount’ (Lidl, Aldi) como Asda veñen de fixar un prezo mínimo de compra de 28 peniques (39 céntimos de euro). Esa é a cantidade que lle pagarán a partir de agora as súas industrias suministradoras, se ben renunciaron a dicir o que estaban abonando con anterioridade. Os aumentos nos pagos, alomenos no caso de Asda, non repercutirán no prezo de venda final.

Outra das cadeas afectadas polas protestas, Morrisons, sinalou que pagará un mínimo de 26 peniques (36,6 céntimos de euro). A maiores, Morrisons anunciou que en outubro comezará a vender unha nova marca de leite 10 peniques máis cara por litro (14 céntimos de euro), unha cantidade extra que asegura que irá íntegra para os gandeiros. Tamén ten previsto sacar un queixo premium cun sobreprezo que se destinará igualmente a remunerar ós produtores.

Queda por ver como se canalizan eses cartos cara os gandeiros, se ben, que a principal suministradora de Morrisons sexa unha cooperativa (Arla) facilitará en principio esa transferencia. Outra incógnita radica no grao de compromiso dos consumidores británicos con esta gama de produtos premium, que se comercializarán baixo o nome de ‘Morrisons Milk for farmers’.

Nova marca de Morrisons, que lle pagará máis ó gandeiro.

Nova marca de Morrisons, que lle pagará máis ó gandeiro.

Valoracións
Os movementos das cadeas de distribución de Gran Bretaña son ben recibidos polas organizacións locais de gandeiros, se ben o sector entende que os supermercados aínda pagan o leite por baixo dos custos de produción agregados de gandeiros e industrias. Os gandeiros tamén bloquearon nos últimos días o acceso a centros da cadea Tesco para protestar polas importacións de produtos lácteos.

Sainsbury’s, unha das cadeas de supermercados que quedou á marxe das protestas gandeiras, revelou que está a abonar máis polo leite que as cantidades comprometidas estes días por Asda, Lidl e Aldi. No caso de Sainsbury’s, o seu prezo de compra actual sitúase nos 30,87 peniques (43,47 céntimos de euro), segundo informou a compañía en medios británicos.

O caso español
En España, o sector gandeiro está a presionar tamén á distribución para lograr un aumento dos pagos que recibe a industria, de xeito que esta poida aumentar o prezo do leite no campo. Para hoxe á tarde está prevista unha reunión clave no Ministerio, no que cooperativas e organizacións agrarias agardan a ver a que compromisos está disposta a chegar a distribución.

A proposta das organizacións agrarias pasa por un acordo similar ó francés, onde as cadeas de distribución se comprometeron a subir 4 céntimos o prezo de venda ó público, coa idea de que esa cantidade repercuta directamente tanto na industria como nos gandeiros.

Outra alternativa sería o modelo británico, un compromiso da distribución para subir os pagos ás industrias pero sen que esa suba repercutise no consumidor. Desde o sector enténdese que as cadeas de distribución que operan en España terían marxe para optar tamén por este movemento. Os pagos dos supermercados ás industrias sitúanse en España por baixo dos 40 céntimos, segundo fontes do sector, o que permite marxes de movemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información