Os socios de Cusoviame deciden non integrarse en Aira

Pese a que gañaron os votos a favor, non se acadaron os dous terzos necesarios para ratificar a fusión de ambas cooperativas

Os socios de Cusoviame deciden non integrarse en Aira

Instalacións de Cusoviame.

Esta mañá os socios das cooperativas Cusoviame e Aira someteron a votación o proceso de fusión das dúas entidades que fora presentado polos presidentes de ambas cooperativas hai un mes e no que levaban tempo traballando. Nesta votación, os socios da cooperativa coruñesa Cusoviame decidiron non integrarse en Aira. Pese a que os votos a favor da integración foron maioritarios (89) fronte ás opinións en contra (86), non se acadaron os dous terzos que se precisaban para ratificar a fusión. No proceso de votación tamén se contabilizaron 3 abstencións.

Pola contra, a maioría dos socios da cooperativa lucense Aira, que tamén consultou ós seus integrantes a opción da fusión, apoiou maioritariamente o proceso.

De terse apoiado a fusión, AIRA ampliaría a súa base de socios fóra da provincia de Lugo, e nunha zona con gran actividade e potencial no sector lácteo como é a de Curtis. AIRA agrupa a unhas 1.200 explotacións de vacún de leite profesionais procedentes das fusións das cooperativas Agris, Coelplan, Cogasar, Icos e Aira. Pola súa banda, Cusoviame conta con 200 socios activos dos concellos coruñeses de Curtis, Aranga, Monfero, Sobrado dos Monxes, Guitiriz, Irixoa ou Oza dos Ríos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información