Os socios de Clun reelixen a José Ángel Blanco como presidente para os vindeiros catro anos

O Consello Reitor electo foi apoiado polo 85% das socias e socios que participaron na Asemblea Extraordinaria da cooperativa celebrada este mércores en Melide

José Ángel Blanco, durante a Asemblea Extraordinaria de CLUN celebrada este mércores en Melide

José Ángel Blanco, durante a Asemblea Extraordinaria de CLUN celebrada este mércores en Melide

As socias e socios da cooperativa CLUN reuníronse este mércores en Asemblea Extraordinaria en Melide para elixir o Consello Reitor da cooperativa durante os próximos catro anos e a candidatura encabezada polo actual presidente, José Ángel Blanco Purriños, obtivo o 85% dos votos dos participantes.

Esta lista foi a única que se presentou á Asemblea e está formada por José Ángel Blanco Purriños (presidente); Carmen Rodríguez Rodríguez (vicepresidenta); Pablo Costoya Varela (secretario); Jesús Antonio París Carballo (vogal); José Manuel Couto Rego (vogal); Jesús María Pena Becerra (vogal); Faustino Díaz López (vogal); Javier Teixeiro Álvarez (vogal); Faustino López Río (vogal).

A candidatura reflicte a idiosincrasia da cooperativa, xa que está integrada por representantes de explotacións de menor e maior tamaño provintes das distintas zonas territoriais onde traballa CLUN, que está presente en máis de 80 concellos galegos. Ademais, responde a un criterio de equilibrio respecto á orixe da representación, debido a que na lista hai integrantes que proceden de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, as cooperativas orixinarias que conformaron CLUN fai cinco anos.

A cooperativa reafirma o seu compromiso cun sector “ao que mereza a pena dedicarse” e cun rural galego “do que se poida vivir”

Todos os membros do novo Consello Reitor xa formaban parte do órgano de goberno con anterioridade e no seu nome e no propio, José Ángel Blanco Purriños agradeceu a confianza das socias e socios de CLUN pola reelección e sinalou que esta confianza “non é polo feito estes anos senón polo moito que aínda temos que facer”.

Blanco Purriños é presidente de CLUN desde que esta empresa social se formou en 2017 trala suma das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, unha unión que supón “estar máis equipados que hai cinco anos para facer fronte ás dificultades e nunha situación de vantaxe por ter os deberes feitos”, sinalou o reelixido presidente, que comprometeu todos os esforzos do Consello Reitor para lograr “que mereza a pena dedicarse a este sector e que mereza a pena pertencer a CLUN”.

Nun mundo globalizado, pódese competir cun proxecto 100% galego como é CLUN porque con Feiraco, Únicla e Clesa somos quen de dar aos nosos clientes a máxima calidade sen que todo o proceso saia de Galicia

O presidente da cooperativa comprometeuse a “corresponder o apoio recibido das socias e socios con dedicación, lealdade ao proxecto, honestidade e transparencia” para “dar a maior estabilidade ás socias e socios nun momento de inestabilidade dun sector que, de por si, sempre é inestable”.

Así mesmo, a cooperativa CLUN reafirmou o seu compromiso co sector e cun rural galego “do que se poida vivir e no que se poida vivir”. “Estamos convencidos de que dedicarse ao gando ou ao campo pode ser rendible”, sinalou Blanco Purriños, que reivindicou que, “nun mundo globalizado, pódese competir cun proxecto 100% galego como é CLUN” porque “con Feiraco, Únicla e Clesa somos quen de dar aos nosos clientes a máxima calidade sen que todo o proceso saia de Galicia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información