Os socios de Acruga poderán levar touros e xovencas ás poxas organizadas pola asociación

O centro de recría da Granxa Gayoso Castro atópase inmobilizado á espera de repetir o saneamento do gando logo de ter que sacrificar un animal dubidoso o mes de xuño

poxa acruga becerrea estandarAs ganderías socias de Acruga poderán vender os seus animais nas distintas poxas organizadas pola Asociación en distintos municipios galegos ao longo do ano, segundo confirma a Campo Galego Laura Arias, secretaria executiva de Acruga,

A decisión de abrir as subastas, nas que até agora só se podían adquirir xovencas procedentes da Granxa Gayoso Castro, veu motivada pola alta demanda e a imposibilidade de levar ás últimas citas celebradas animais do centro de recría, que se atopa inmobilizado tralas últimas probas de saneamento gandeiro.

En Adai xa se facía e vemos que hai bastante demanda (Laura Arias, secretaria executiva de Acruga)

Na última poxa realizada, celebrada no Cádavo e organizada polo Concello coa supervisión de Acruga, vendéronse un total de 7 xatas e 4 xatos de entre 7 e 15 meses aportados polos socios de Acruga. Para a vindeira, que terá lugar na Fonsagrada o 3 de setembro, Acruga enviou unha comunicación a todos os socios para apuntar animais dando un prazo dunha semana, que finalizou o pasado día 12 de agosto sen que fose inscrito ningún, pero esta posibilidade será habitual a partir de agora, segundp confirman desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega.

Xovencas preñadas e machos de máis de 14 meses

A diferenza cos animais que se subastaron en Baleira, nesta ocasión, para A Fonsagrada Acruga non permitía inscribir animais de curta idade, senón que fixaba como requisito para as xatas que estivesen preñadas e para os machos que fosen maiores de 14 meses.

Para a poxa da Fonsagrada, que será o 3 de setembro, demos unha semana de prazo pero non se apuntou ninguén

“A axuda que aporta Caixa Rural para a compra dos animais nas subastas vai destinada a animais para recriar”, argumenta a secretaria executiva de Acruga, que avanza que os criterios fixados para que os socios puideran levar animais á Fonsagrada se manterán tamén nas sucesivas citas.

Laura Arias confía tamén en que á Fonsagrada xa se podan levar xovencas procedentes da Granxa Gayoso Castro, unha vez os servizos veterinarios da Consellería volvan realizar as probas de saneamento ao gando, logo de que no mes de xuño saltase un caso dubidoso que se mandou a sacrificar e que deu negativo posteriormente no matadoiro. “Estamos pendentes de repetir as probas de saneamento nos vindeiros días, pero eu espero que se poidan subastar 4 ou 5 animais, como se fai habitualmente”, avanza.

Permitir a subasta de animais máis pequenos

A decisión da Asociación de abrir as subastas para que os socios podan acudir con animais suscita consenso no seo de Acruga, mesmo por parte da candidatura crítica, que xa levaba esta medida no programa co que os seus membros se presentaron ás eleccións á Xunta Directiva.

Sen embargo, desde a candidatura alternativa non comparten os criterios fixados para levar animais e piden que se podan inscribir nas poxas xatos e xatas de menor idade. “É unha maneira de que se unha gandería ten un animal bo, teña a opción de subastalo para vida antes de que cumpra a idade de envíalo ao matadoiro marcado como Ternera Gallega”, argumenta David López, integrante da candidatura crítica coa xestión de César Dorado á fronte de Acruga.

Que haxa máis animais nas poxas tamén axuda a vender as xovencas da Granxa Gayoso Castro (David López, gandeiro)

Segundo di, “que haxa máis oferta nas subastas é bo para todos: para quen vende, porque logra revalorizar o xato ou a xata máis que se fose enviado para carne; para quen compra, que consegue animais de alto valor xenético procedentes doutras ganderías, ben por necesidades de reemprazo ou para ampliar o número de cabezas;  e tamén para as propias poxas, que deste xeito gañan interese e afluencia”, asegura.

En canto ao argumento de que a subvención que outorga Caixa Rural debe ir destinada unicamente á adquisición de animais de recría, David López propón que se permita igualmente a compra-venda de becerros e becerras non preñadas, aínda que se exclúan da axuda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información