«Os sistemas de trampeo da Vespa Velutina son ineficaces e pouco selectivos»

Entrevista a Karine Monceau, investigadora da Université da Rochelle (Francia) e unha referencia mundial no estudo da Vespa Velutina. Asegura que “os atraientes a base de feromonas sexuais son a liña de investigación máis prometedora para loitar contra a Velutina”

«Os sistemas de trampeo da Vespa Velutina son ineficaces e pouco selectivos»

Karine Monceau durante a súa conferencia en Lugo

A Vespa Velutina é unha especia exótica procedente de Asia e en expansión na Unión Europea que está a provocar importantes danos nos sectores apícola, vitícola e na produción de froitas. Desde a súa chegada a Bordeus a comezos deste século, en poucos anos xa colonizou boa parte da costa atlántica Europea e xa chegou a Italia e a Alemaña.

O seu avance imparable vese favorecido pola falta de produtos tóxicos que a combatan de forma eficaz e selectiva, sen perigo para outros insectos. Para coñecer as últimas investigacións sobre sistemas de loita contra a Vespa Velutina, a Asociación Galega de Apicultura (Aga), en colaboración coa Universidade de Santiago, celebrou recentemente en Lugo un curso invernacional no que interveu Karine Monceau, investigadora da Université da Rochelle (Francia) e unha referencia mundial no estudo da Vespa Velutina.

Cal é a situación da Vespa Velutina en Europa e cales son as previsións de expansión desta especie invasora para os próximos anos?
A fronte de expansión avanza ao redor dun cento de quilómetros ao ano, segundo as últimas estimacións. Dado que de feito non existen medidas para conter a invasión, deduzo que a Vespa Velutina continuará avanzando nas áreas que lle son favorables

En Nova Zelandia e en América Latina levan loitando sen moito éxito contra a invasión da Vespa Germánica desde hai décadas. Podemos dicir que este é un problema de difícil solución e a longo prazo?
É certo. A mellor solución é a prevención para evitar a introdución, pero isto é certo para todas as especies exóticas. Na actualidade, está a apostarse por protexer áreas que non están aínda invadidas e aquelas nas que a súa presenza aínda é baixa, como son as Illas Baleares. En canto ás zonas altamente invadidas, é urxente mellorar a capacidade para detectar e destruír os niños de Velutina e protexer as colmeas.

Asegura que a alta consanguinidade da Vespa Velutina en Europa pode axudar a limitar a súa expansión. En que sentido?
O nivel de endogamia na poboación de V. Vlutina en Europa é alto, como demostrou Mariangela Arca na súa tese, así como nun estudo recente realizado por Eric Darrouzet. Os seus resultados conclúen que toda a poboación invasora de Vespa Velutina en Europa procede dunha soa femia fecundada por 4 machos. A endogamia é inevitable, pero con todo non foi un obstáculo para a súa expansión, polo menos ata agora. Por outra banda, as femias axústanse con múltiples machos, o que pode limitar o efecto da endogamia, ao recrear a diversidade xenética.

Cales son as liñas de investigación máis prometedoras na loita contra a propagación da Vespa Velutina en Europa? O fungo Beauveria Baussiana é unha destas liñas de investigación?
O problema coa Vespa velutina é que existe unha especie autóctona de Europa, a Vespa Crabro, que é moi parecida e ocupa o mesmo nicho ecolóxico. O obxectivo é apuntar á Velutina pero non á Crabro, polo que o atraente debe ser moi específico. As feromonas son probablemente a mellor pista para traballar xa que son un método de loita limpo. Tamén se poderían considerar outros axentes de control que teñan un alto nivel de especificidade.

“Os atraentes a base de feromonas sexuais son a mellor pista para loitar contra a Velutina”

O tráxico sería utilizar un axente de control biolóxico coa capacidade de infectar tamén a outras especies, incluídas as abellas, dada a relación da Vespa Velutina coas abellas, tanto domésticas como salvaxes.

A destrución dos niños é tamén unha moi boa estratexia de loita. O niño asegura a supervivencia dunha colonia polo que se o destruímos xunto á raíña no outono, antes de que saian os futuros machos e raíñas, o ciclo de expansión córtase. O problema é que tanto a procura como a destrución dos niños é complicada. Por iso, é necesario realizar avances técnicos nesta área, aínda que xa está a haber avances como o radar harmónico para a detección ou o uso de avións non tripulados (drons) para a destrución de niños.

Vespa Velutina no seu niño

Vespa Velutina no seu niño

Cando está previsto que cheguen estas solucións ao apicultor?
A investigación ten varios tipos de limitacións. A primeira é de tipo biolóxico. O noso período de actuación redúcese ao período de actividade das avespas: nas raíñas, que traballan principalmente de marzo a maio; nas colonias, principalmente de xullo a outubro, e nos machos entre setembro e outubro.

A segunda limitación son os medios financeiros. A investigación é como todas as actividades reguladas por diñeiro. A título persoal, non me faltan ideas pero si recursos económicos, sobre todo para contratar a estudantes de doutoramento ou post-doutorado nas investigacións. É difícil predicir, por tanto, en canto tempo podería presentarse unha solución.

Na súa conferencia en Lugo asegurou que a selección xenética de Apis mellifera en Europa para lograr abellas máis dóciles provocou que se defenden peor fronte á Vespa Velutina. Que recomendaría neste sentido?
É un tema bastante delicado. É un feito que se realizou unha selección en función da docilidade das abellas. Con todo, hai grandes variacións entre as colonias. Apis mellifera é de todos os xeitos “máis mansa” que a Apis cerana, o tipo de abella presente en Asia, de onde é orixinaria a Vespa Velutina. Isto explica por que en Asia a A. mellifera é máis atacada que a A. cerana. Isto é parte dos proxectos de investigación que me gustaría realizar, pero de todos os xeitos non haberá resposta a curto prazo para esta situación.

O que é seguro é que a Vespa velutina está a realizar unha presión de selección sobre as colonias de abellas e as colmeas que sobreviven son teoricamente máis fortes e sábense defender mellor fronte aos ataques, polo que deberiamos conservalas.

“Deberiamos reproducir as colmeas que sobreviven aos ataques de Velutina”

Mentres non se poida resolver o problema da Velutina, ¿Cal dos sistemas de protección dos colmeares aconsella aos apicultores nese momento?
Hai varios mecanismos posibles para combater á Vespa Velutina: trampeo alimentario con peixe, por exemplo; rebaixar as reixiñas na entrada para que non entre a Velutina na colmea; poñer unha alambrada da protección á entrada da colmea para que as abellas non sexan atacas na piqueira….etc.

Un aspecto sobre o que realmente aínda non temos datos é a altitude á que a Velutina xa non ataca ás abellas. Sabemos que as colmeas de altitude non son atacas, pero ¿é porque a Velutina aínda non chegou a esas zonas ou é porque non ascenden ás montañas?

Pola contra, hai medidas que os apicultores deberían evitar, como disparar aos niños, posto que o que se fai é dispersar a colonia. Non ten ningún sentido se non se mata á raíña, e pola contra o que se crearán son niños satélites que, aínda que non evolucionen, seguirán albergando avespas obreiras.

 “Débese evitar o uso de cebos tóxicos neste momento”

Ademais, o uso de cebos tóxicos (tipo fipronil) mesturados cun atraente alimentario poderían funcionar, pero só se a V. velutina é a única especie que acode a alimentarse dese cebo. O problema é que non existe ningún atraente específico de V. velutina na actualidade, polo que é probable que moitas outras especies se alimenten do cebo, o que tería un efecto catastrófico na fauna de insectos, incluídas as abellas domésticas e silvestres. Por tanto, estou totalmente en contra do uso de cebos tóxicos neste momento.

O trampeo de raíñas de Vespa velutina é unha das formas máis estendidas para reducir a súa poboación. Considera que son realmente eficaces? Cal son as súas recomendacións neste sentido?
Ata a data non temos realmente probas da eficacia do trampeo, senón máis ben evidencias científicas sobre a súa ineficacia e sobre o seu impacto sobre a fauna de insectos. Unha vez máis, xa que non dispoñemos neste momento dun atraente altamente selectivo, os danos colaterais son importantes. Só o 5% da capturas que se realizan nos trampeos son de V. velutina …

Velutina atacando unha colema

Velutina atacando unha colema

O outro problema é a apetencia do cebo. Só contamos nestes momentos con cebos alimentarios, que teñen unha duración limitada, o que significa que tería que existir unha ampla rede con numerosas trampas para que isto funcione. Pola contra, se só trampeamos nunha zona, produciríase unha reinvasión por parte de raíñas de Velutina situadas fóra da zona tratada.

Os apicultores demandan unha resposta rápida a un problema inmediato e con todo os investigadores non ofrecen unha solución. Como se pode mellorar a relación entre os investigadores, os apicultores e a administración? Cal é a situación en Francia a este respecto?
Con esta especie empezamos a investigar partindo practicamente de cero e, como dixen antes, vémonos limitados por un período de actuación moi breve. Entendo perfectamente a situación na que están os apicultores e facemos todo o posible para avanzar cos medios que temos ao noso alcance. Os investigadores progresamos nos últimos anos pero está claro que non é suficiente.

Os apicultores son actores fundamentais no proceso de investigación debido a que viven e observan o problema a diario. Traballamos con eles e ás veces non facemos o suficiente para que a información flúa de nós cara a eles, pero para nada é a nosa intención mantelos á marxe.

O problema é que o tempo asignado á comunicación é tempo restado á investigación. A título persoal, eu son tamén conferenciante, polo que dedico a metade do meu tempo de traballo a divulgar e a outra metade á investigación. Encántame compartir os meus coñecementos cos apicultores, pero iso supón tempo. Poida que falte un elo na cadea que permita difundir a información tanto desde os investigadores cara aos apicultores como viceversa, e é algo que debería estar mellor coordinado.

Existe coordinación entre os investigadores da Vespa Velutina a nivel europeo?
Isto é en realidade outro punto feble. Creo que hai que desenvolver a cooperación entre os equipos, pero o problema é que estamos a competir polo financiamento nacional e internacional. A mellor maneira de gañar é o financiamento para proxectos de colaboración internacional, e aí a Unión Europea ten un papel moi importante. Neste momento estamos á espera do que vai propoñer a Comisión Europea para combater a Vespa Velutina e para financiar investigacións.

“Estamos a esperar as medidas concretas da Comisión Europea contra a Vespa Velutina”

Considera que a Comisión Europea tómase en serio o problema da Vespa Velutina?
A Vespa velutina é parte das 37 especies recoñecidas pola UE que presentan un problema real. Así que si, o problema está a ser tomado en serio. Pero, como sempre, o problema son os medios que se poden a disposición dos investigadores e dos apicultores para facer fronte a esta situación.

A investigación está a desenvolvela case exclusivamente o sector público. Na súa opinión, ¿cal é a razón pola que as empresas non están interesadas en achar produtos contra a Velutina?
Existen varias empresas privadas que traballan na V. velutina, por exemplo VetoPharma, un xigante farmacéutico francés, ou a Bayer coa súa división de apicultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información