Os serradoiros galegos quedaranse sen suficiente piñeiro para cortar en monte nun prazo aproximado de dez anos. Así o calculan as empresas afectadas, que lle trasladaron á Xunta a súa preocupación. Un conxunto de 66 serradoiros, que representan o 90% da transformación do piñeiro en Galicia, emitiron unha nota de prensa na que advirten de problemas para a “viabilidade do sector do aserrío en Galicia”.
Na comunidade hai na actualidade arredor de 120 serradoiros, que transforman anualmente uns 3,5 millóns de toneladas de piñeiro, un volume que representa o 40% da madeira serrada en España. Son pois peza clave para garantir o abastecemento de madeira a nivel estatal, pois cómpre lembrar que España é deficitaria en madeira, unha materia prima renovable que ademais está a gañar protagonismo na chamada era da bioeconomía.
Para os serradoiros galegos, os piñeiros son a súa materia prima por excelencia, pois representan o 95% da madeira que procesan, en tanto eucaliptos e frondosas caducifolias son anecdóticas, limitados a destinos puntuais para os que se adaptan.
A progresiva perda de superficie dos piñeirais preocupa no sector. A industria sinala como causa principal desta situación ás pragas que, de maneira perentoria, están afectando ás masas de piñeiro; no norte de Galicia, atacadas pola banda marrón e no sur, polo nematodo.
Ademáis, os serradoiros engaden que as existencias minguaron debido ó avance do eucalipto polo que, “sen estar en contra das plantacións”, consideran que a moratoria “debería manterse vixente, como medida para potenciar e protexer as plantacións de piñeiro”.
Comprometidos co rural
Baixo o título ‘Comprometidos co desenvolvemento sostible do rural galego’, os serradoiros expuxeron aos departamentos de Medio Rural e Economía e Industria da Xunta de Galicia unha radiografía da situación do sector e amosaron o seu compromiso de seguir apostando polo rural de Galicia.
O 52% destes serradoiros están situados en concellos da provincia de A Coruña, o 20%, en Lugo, o 15% en Ourense e o 13% restante na provincia de Pontevedra.
A industria dos serradoiros -lembran- naceu en Galicia hai máis de 180 anos e foise desenvolvendo grazas ao compromiso co rural das sucesivas xeracións de empresas familiares que ampliaron as instalación industriais alí onde naceron. Na actualidade, os serradoiros están inmersos no relevo da quinta xeración.
Perspectiva social
Esta industria reivindica que promove a fixación de poboación no rural de maneira directa co emprego de profesionais e tamén de maneira indirecta, ao demandar servizos doutros negocios auxiliares como aprovisionamentos, reparacións e hostalería.
Aportación medioambiental
Na nota de prensa emitida, sinalan ademais o compromiso desta industria coa xestión forestal sostible nos montes galegos, que queda acreditado co consumo de madeira certificados por selos como PEFC e FSC e a implantación das cadeas de custodia.
Dentro do seu compromiso medioambiental esta industria ten realizado tamén investimentos en fontes de enerxías renovables como a fotovoltaica ou a biomasa.