Os segredos dunha boa transición na vaca de leite

O profesor da Universidade de Illinois Fabio Lima analiza como se produce a mobilización das reservas de graxa durante o inicio da lactación, cal é o papel da nutrición neste periodo e como se pode optimizar a saúde e a produción mediante a suplementación de colina con protección rumial

Fabio Lima durante a súa intervención en Vilalba

Fabio Lima durante a súa intervención nas xornadas organizadas por Kemin en Vilalba

Unha boa saúde animal é a pedra angular para lograr unha gandeiría rendible e sustentable. A fase de transición, establecida como o periodo que vai desde as tres semanas anteriores ao parto ás tres semanas posteriores, é unha das máis importantes, xa que vai ser determinante no rendimento durante a nova lactación.

“É importante optimizar a saúde da vaca durante esta fase de transición porque é o seu periodo máis crítico”, asegura Fabio Lima, profesor do Departamento de Medicamento Clínico Veterinario da Universidade de Illinois, nos EEUU, e que participou en outubro nas xornadas sobre nutrición animal organizadas por Kemin en Vilalba.

Ao comezo da lactación as vacas leiteiras transitan por unha fase que se caracteriza por un balance negativo de enerxía. A razón deste desaxuste é que a saída de enerxía para a produción de leite supera a que o animal puidese recuperar coa inxesta de alimento.

Ao comezo da lactación dase un balance negativo de enerxía, xa que as necesidades para a produción de leite non son cubertas mediante a inxesta de alimento, tendo que botar man das reservas de graxa corporal, o que compromete a saúde hepática da vaca

Nesta fase de transición do periodo seco á produción normalizada de leite a saúde hepática da vaca vese comprometida. As vacas están suxeitas neste momento a un incremento na mobilización das reservas de graxa corporal, co que se relaciona a presenza de cetose. A esta graxa corporal chámaselle tamén tecido adiposo, onde a graxa está presente en forma de triglicéridos. Estes triglicéridos son liberados do tecido adiposo cara ao sangue na forma de ácidos graxos libres (NEFAs) para alcanzar o fígado, onde poden ser oxidados e obter enerxía (resultando altos niveis de cetonas) ou ben novamente mobilizados na forma de VLDL (lipoproteínas de moi baixa densidade).

“Até 5 semanas despois do parto a vaca mobiliza 54 quilos de graxa e 21 de proteína que van ao fígado para obter maior cantidade de enerxía e manter deste xeito o pico de leite”

Con todo, a taxa de absorción de graxa polo fígado pode ser maior que a oxidación ou que a súa mobilización, producíndose así a síndrome do fígado graxo. Resultados de investigacións levadas a cabo no ano 2004 demostran que entre o 50 e o 60% das vacas experimentan neste momento crítico posterior ao parto fígado graxo.

A absorción diaria de ácidos graxos no fígado aumenta 13 veces no momento do parto, pasando de 100 gramos a 1.300 gramos por día. Durante o pico de concentración de ácidos graxos libres (NEFAs) no torrente sanguíneo como consecuencia da liberación dos triglicéridos acumulados no tecido adiposo deposítanse aproximadamente 600 gramos de graxa en 24 horas, o que se corresponde cun incremento de entre o 6 e o 7% en peso de graxa hepática. “Até 5 semanas despois do parto a vaca mobiliza 54 quilos de graxa e 21 de proteína que van ao fígado para obter maior cantidade de enerxía e manter deste xeito o pico de leite”, explica Fabio.

Trastornos metabólicos no periodo de transición: cetose e fígado graxo

As reservas corporais en forma de graxa son mobilizadas para atender as necesidades de enerxía, podendo derivar en enfermidades como o fígado graxo e a cetose. A cetose é unha desorde de tipo metabólico que se caracteriza por elevadas concentracións de corpos cetónicos no sangue, os ouriños e o leite. A enfermidade ocorre principalmente na lactación temperá, cando as reservas corporais son utilizadas para manter a lactación.

Unha diferenza entre a porcentaxe de graxa e a porcentaxe de proteína maior a 1,25 é considerado como de alto risco para padecer unha cetose subclínica

A cetose pode ser subclínica ou clínica. A cetose subclínica preséntase a nivel de rabaño e é un desorde metabólico de gran impacto na produción leiteira. Asóciase á caída na eficiencia reprodutiva e a un claro aumento das probabilidades de descarte da vaca.

Un nivel elevado de graxa no leite sumado a un nivel normal de proteína está asociado coa cetose. Unha diferenza entre a porcentaxe de graxa e a porcentaxe de proteína maior a 1,25 é considerado como de alto risco para padecer unha cetose subclínica. Os animais con cetose subclínica presentan maior probabilidade de sufrir cetose clínica e mesmo desprazamento de abomaso. Tamén está relacionada con outros trastornos metabólicos, como a retención de placenta.

Por cada vaca afectada por cetose subclínica estímase unha diminución de ingresos por lactación de 700 euros

En estudos realizados a nivel mundial, a incidencia de cetose subclínica fluctúa entre o 20% e o 30% e con custos asociados moi altos. Segundo un experimento realizado en 10 países da UE no ano 2012 cun total de 5.500 vacas estudadas, a cetosis subclínica oscilaba entre o 11 e o 36% sendo a prevalencia media do 21,8%.

A cetose pode derivar en altos custos para as explotacións lácteas. Ademais dunha menor produción directa de leite e dun maior risco de sufrir diversas enfermidades (maior gasto veterinario e en medicamentos e leite non apto para a entrega á industria), a caída da fertilidade, o incremento do intervalo entre partos e o aumento da porcentaxe de descartes eleva os gastos derivados. Por cada vaca afectada por cetose subclínica calculouse unha diminución de ingresos de 700 euros por lactación.

grafico colina

A función da colina

A colina é un compoñente da fosfatidilcolina, a cal é necesaria para a síntese de VLDL, polo que esta xoga un rol crucial para a mobilización da graxa. “A colina non é unha vitamina, é un nutrinte fundamental e de vital importancia nesta fase. Forma parte da membrana celular e é un transportador de triglicéridos cara a glándula mamaria para a produción de leite, evitando a súa acumulación no fígado. Sendo ademais donante de metilo, a colina é precursora da síntese de metionina, un dos aminoácidos esenciais que limitan a produción de leite“, explicou Fabio Lima.

“A necesidade de suplementación con colina é un problema da vaca leiteira moderna, con grandes producións de leite e grandes necesidades de enerxía”

As necesidades de colina das vacas de alta produción leiteira foron amplamente estudadas nos últimos anos debido ao seu papel na mellora da función hepática na fase de transición e de lactación temperá. Ademais de niveis de produción máis altos, o papel da colina na inmunidade, saúde e reprodución fixo que moitos gandeiros se decantasen pola súa utilización.

“A necesidade de colina é un problema da vaca leiteira moderna. Fai décadas, cando as vacas non eran tan produtivas, non tiñan tanta necesidade de mobilizar graxa corporal para poder manter o nivel enerxético que precisa. Se esa graxa que chega ao fígado non se transporta cara a outras zonas do corpo acumúlase no fígado, derivando no problema do fígado graxo”, asegurou o profesor estadounidense, que engadiu que “as vacas con fígado graxo producen menos leite e teñen máis risco de xerar cetose e desprazamento de abomaso”.

“As vacas con fígado graxo producen menos leite e teñen máis risco de xerar cetose e desprazamento de abomaso”

A colina é considerada como un nutriente non esencial en ruminantes, o que quere dicir que a vaca é capaz por ela mesma de producila. Con todo, a cantidade de colina producida polo animal é limitada e pode non ser suficiente para mobilizar a graxa a través do torrente sanguíneo, polo que agregar unha cantidade extra na ración é unha boa estratexia para optimizar a saúde do rabaño. “Os rumiantes son pouco eficientes á hora de sintetizar VLDL, que é o que transporta a graxa, polo que a vaca precisa unha axuda con aportes extra de colina”, indicou.

A colina engadida debe estar dispoñible a nivel intestinal polo que a colina sen protección será degradada a nivel ruminal, perdendo o seu efecto. “Os aportes de colina a través da dieta non resolven o problema porque o 80% da colina degrádase no rumen pola acción dos microbios do rumen, que desfán esa colina que se aporta na dieta e non chega ao intestino para que sexa aproveitada”, explicou.

Colina protexida para evitar a degradación no rumen

Público asistente ás xornadas organizadas por Kemin en Vilalba

Público asistente á charla de Fabio Lima

Para evitar a degradación no rumen, distintos produtos existentes no mercado engaden á colina unha capa protectora, xeralmente a través dunha película de ácidos graxos que evitan que os microbios ruminais a utilicen e que debe ser fragmentada unha vez chega ao tracto dixestivo por acción das encimas sobre os ácidos graxos, liberando a colina e lográndose así a súa posterior absorción polo organismo.

A clave está en lograr un nivel de protección axeitado (nin subprotección que faga que a colina se degrade no rumen nin sobreprotección que faga que non poida ser absorbida no intestino delgado). A cantidade de colina dispoñible para o animal será, deste xeito, o resultado da cantidade de colina estable no rumen multiplicada pola porcentaxe de dixestibilidade desta a nivel intestinal.

“Os resultados da probas prácticas efectuadas mostran que o uso de colina protexida é unha medida preventiva para evitar o fígado graxo e os casos de cetose posteriores ao parto, mellorando igualmente a produción de leite e os parámetros reprodutivos”, asegura Fabio.

Os aportes de colina durante o preparto e o postparto reducen á metade o risco de cetose e diminúen a incidencia da mamite nun 2,7% e a retención de placenta nun 3,8%

A nutrición é a clave para previr a cetose, di, e onde a colina xoga un importante rol. “A súa adición en forma protexida no rumen pero dispoñible no intestino pode ser unha ferramenta práctica para o produtor que busca diminuír a incidencia de cetose subclínica. Se a damos no preparto e no postparto reduciremos a incidencia de cetose entre un 40 e un 50% porque o suplemento con colina de protección rumial logra unha mellora na saúde hepática da vaca, reducindo nun terzo a cantidade de graxa presente no fígado”, indicou.

Sen embargo, dixo, se só damos colina no periodo seco non haberá resultados na lactación. Explicou que a colina “mellora a concentración do calostro e a transmisión ao tenreiro, polo que aumenta o seu crecemento” pero dixo que “a suplementación con colina hai que mantela, porque se só damos no preparto non nos vai axudar no postparto”, asegurou. “Os estudos que hai feitos céntranse nos beneficios de subministrar colina no periodo de transición, é dicir, nas tres semanas posteriores ao parto, pero podería subministrarse até os 60 ou 70 días en leite”, indicou.

As vacas comen máis e producen máis

Segundo Fabio Lima, as vacas non perden tanto peso durante a lactación cando reciben colina e hai un aumento que cuantificou en 200 gramos de inxesta de materia seca no preparto de de medio quilo no postparto. “As vacas atópanse mellor, comen máis e hai un incremento de entre un 3 e un 10% na produción de leite e nas calidades. A mellora da inxesta de materia seca é do 4,2% de media na fase de transición e iso motiva un aumento na produción de leite do 3,5%”, asegura.

“Cando se aporta colina a produción aumenta até as 15 semanas posteriores ao parto en até 2 quilos de leite máis”

“As vacas ás que aportamos colina teñen máis glucosa, é dicir, máis enerxía durante o preparto e o postparto e vólvese máis eficientes porque mellora o seu perfil metabólico e a nivel sanitario redúcese a cetose clínica, a mamite (que diminúe nun 2,7%) e o risco de retención de placenta (que é un 3,8% menor)”, afirmou.

“Hai unha acumulación de beneficios en metabolismo e saúde que fan que o retorno producido polo uso da colina sexa 4 veces o gasto feito”, asegurou. “Compensa o investimento feito porque vas obter máis leite (máis produción ao comezo da lactación que se mantén até o remate e máis saúde, peso e crecimento dos xatos) e vas aforrar en enfermidades (menos medicamentos, menos chamadas ao veterinario, menos perdas de leite, menos vacas ao matadoiro)”, resumiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información