Os robots de muxido fomentan unha maior intensificación da produción láctea

Un informe sobre o impacto da implantación da muxidura robotizada nas ganderías de Francia destaca a maior dependencia de insumos externos e o incremento dos custos de produción, que estima en 5,7 céntimos por litro de leite

Neste momento están a muxir 170 vacas en tres robots e están a facer as obras para instalar o cuarto

No seu informe Robot de muxido: impactos técnicos, económicos e laborais, o instituto de gandería francés Idele analiza as consecuencias do cambio ao sistema de muxidura robotizada das ganderías en aspectos como produción de leite, tempo de traballo e manexo do gando, alimentación e racionamento, sistema forraxeiro e rotación de cultivos e custo de produción e beneficio dispoñible.

“As salas de muxidura seguen sendo maioría en Francia pero cada vez hai máis robots instalados”, recoñece o Institut de l’Elevage. Analizando o parque de máquinas de muxidura do país en 2023, os robots de muxidura representaban o 18,9% fronte ao 55,7% de salas de muxidura, aínda que o 72% das novas máquinas instaladas ese ano foron xa robots.

De 2014 a 2022 o porcentaxe de granxas con robot de muxidura duplicouse, pasando do 10 ao 20%. A falta de man de obra nas ganderías é o principal impulsor da instalación de robots de muxidura nas granxas francesas.

Analizar caso a caso

“Hai que ter en conta moitos parámetros para medir o impacto de instalar un robot de muxidura nunha explotación e deben estudarse especificamente para cada caso”, indican as técnicas do Idele Mathilde Jouffroy e Gwendoline Elluin, autoras do estudo.

“Os análises que aquí se presentan pretenden ser unha guía para a reflexión, exemplos de enfoques sobre os que construír, pero os resultados en cada caso son específicos de cada gandaría”, insisten.

Ao seu xuízo, as principais preguntas á hora de instalar un robot de muxidura nunha explotación serían:

  • As miñas vacas producirán máis?
  • Débense espazar os partos?
  • Debemos adaptarnos con antelación?
  • Que pasará coa calidade do leite?
  • As miñas vacas van poder seguir pasteando o mesmo?
  • Sistema de tráfico guiado ou libre?
  • Como evolucionará a ración?
  • Podo usar cereais no robot?
  • Cal é o custo operativo de funcionamento do robot?
  • Cal é a vida útil dun robot?
  • Canto custa un robot?
  • Que investimentos teño que facer en paralelo?

Maior eficiencia da man de obra

estudo robot de muxido Francia man de obra e producion

Os investigadores do instituto francés conclúen que, en materia de man de obra, as granxas con robot teñen a mesma carga de traballo ca aquelas que posúen sala de muxidura, aínda que a distribución do tempo ao longo da xornada laboral cambia, dedicando máis tempo ao seguimento e menos a tarefas de limpeza e muxidura.

Pola contra, o gandeiro con robot debe soportar a “carga mental” que supón a posibilidade de ser avisado a calquera hora do día ante un problema no robot, debe adaptarse ao seu funcionamento e dominar as novas tecnoloxías.

A implantación do robot require dun maior dominio das novas tecnoloxías por parte dos gandeiros

“Nun sistema robotizado requírense aproximadamente 2 horas para realizar as seguintes tarefas, polo menos pola mañá e pola tarde (excluíndo as alertas): 5 minutos para a visualización dos datos no ordenador sobre produción individual e do rabaño e consulta de alertas de atrasos, celos, condutividade, etc; de 5 a 15 minutos para meter atrasos; 25 minutos para mirar vacas con alertas e 15 minutos para lavado e mantemento da zona do robot”, detallan.

En granxas con robot, os tempos de consulta de datos distribúense xeralmente en franxas horarias de 10 a 15 minutos, de 2 a 4 veces ao día

A comparación de datos técnicos e económicos entre ganderías con sala de muxidura e con robot en 126 explotacións monitorizadas entre 2010 e 2019 arroxa as seguintes conclusións:

  • as ganderías con sala de muxidura dispoñían dunha media de 1,71 traballadores fronte a 1,61 das granxas con robot.
  • un empregado nunha granxa con sala de muxidura producía 310.145 litros de leite, fronte aos 405.053 dun empregado nunha granxa con robot.

Impacto do robot sobre o sistema leiteiro e os cultivos

estudo robot de muxido Francia alimentacion

En canto á produción e calidade do leite, a media por lactación en explotacións con sala é de 7.838 litros, fronte aos 8.292 en robot, aínda que a produción de sólidos descende: 4,02% de graxa e 3,31% de proteína en sala fronte a 4,00% e 3,29% en robot. En canto á calidade hixiénico-sanitaria, as células aumentan en robot (226.000 en sala fronte a 257.000 en robot), pero os gastos veterinarios redúcense: 14,95 € por tonelada de leite en sala fronte a 14,27 € en robot, debido a unha maior dispoñibilidade de datos, que permiten anticiparse na detección e tratamento de enfermidades.

É difícil producir máis de 650.000 l/ano por unidade de muxidura robotizada sen que aumenten os problemas

“A produción que consiga unha granxa con robot dependerá da saturación do robot e do nivel de produción previo da explotación antes da instalación do robot”, afirman as autoras do estudo, aínda que consideran que “un robot con 2.200-2.300 litros de leite ao día alcanza o seu teito”.

“É difícil producir máis de 650.000 l/ano por unidade de muxidura robotizada e canto maior sexa o porcentaxe de ocupación do robot, máis atrasos dos animais. Ademais, iso fai que as avarías sexan máis frecuentes e que o tempo de garda aumente”, engaden.

Maior grao de intensificación

A comparación do sistema de alimentación en ganderías con sala de muxidura respecto das granxas con robot mostra que tras a instalación da muxidura robotizada diminúe a cantidade de herba na ración e aumenta a cantidade de concentrados, incrementándose de 1.698 kg de penso por vaca e ano a 2.131 kg.

A carga gandeira increméntase lixeiramente en explotacións robotizadas (2,17 vacas por hectárea fronte a 2,07 en sala de muxidura) e a produción media de leite por hectárea de superficie agrícola sitúase en 8.877 litros en granxas con sala de muxidura e en 10.518 en granxas con robot.

O consumo de penso por vaca increméntase un 25% ao pasar de sala de muxidura a robot

A maior intensificación das granxas robotizadas deriva tamén nunha maior dependencia de insumos externos, dado que o custo dos alimentos comprados pasa de 91,93 € por tonelada de leite producida a 107,49 €.

Nas granxas leiteiras francesas, que habitualmente colleitan importantes cantidades de cereais para autoconsumo, o paso a robot obrígaas a depender máis de concentrados comprados, reducindo o porcentaxe de consumo de cereais propios.

Menos pastoreo

As autoras do estudo centran boa parte do seu traballo no impacto do robot de muxidura no sistema de alimentación da granxa, a evolución da proporción de pastos na dieta das vacas e os impactos na ración de alimentación no comedeiro.

O cambio a robot implica un descenso no pastoreo e un aumento dos forraxes conservados e do penso. Ademais, o porcentaxe de superficie agrícola destinada a produción de herba descende do 66% en explotacións con sala ao 57% en ganderías con robot.

Ao instalar robots de muxidura a miúdo redúcese a proporción de herba na ración

“Para explotacións en extensivo onde a proporción de pastoreo diminuirá coa robotización da muxidura desencadéanse unha serie de cambios estruturais na granxa, xa que menos pastoreo implica máis forraxe no comedeiro, maior necesidade de redimensionar silos e áreas de forraxe e tamén un aumento dos volumes de xurro e maior capacidade de almacenamento”, argumenta o estudo do Idele.

En granxas en pastoreo prevense máis custos de mecanización e investimentos adicionais

“Que pasará coas zonas que antes estaban dedicadas ao pastoreo se non se poden mecanizar?”, pregúntanse as autoras do informe, que propoñen o establecemento doutro rabaño paralelo co que facer pastoreo, como por exemplo xovencas ou gando de carne.

Incremento de custos de produción e menor renda dispoñible debido aos custos de amortización

Os custos de produción increméntanse en granxas con muxidura robotizada debido ao custo da alimentación (+18 €/1.000 litros de leite producidos), da fertilización de cultivos (+2 €/1.000 litros) e de produtos de limpeza (+5 €/1.000 litros).

Ademais, tamén se incrementan os consumos de auga e electricidade (+2 €/1.000 litros), o custo do mantemento do robot (+13 €/1.000 litros respecto da sala). Estes gastos vense compensados co aforro en man de obra e custos de persoal (-24 €/1.000 litros).

O mantemento do robot supón 1,3 céntimos por litro, máis medio céntimo para os produtos de limpeza, e o custo de alimentación do gando increméntase en 1,8 céntimos por litro, pero afórranse 2,4 céntimos en persoal.

O mantemento dun robot supón un custo anual de 8.000 € e o gasto en consumibles e produtos de limpeza increméntase en 3.000 € respecto dunha sala

Entre os custos de investimento, hai que ter en conta o custo de adquisición e instalación do robot (uns 185.000 €) máis os custos de albanelaría na adaptación do establo.

En total, nas granxas que instalan un robot prodúcese unha diminución da renda dispoñible, cuantificada polo Idele no caso francés en 35.800 € ao ano ou 57 €/1.000 litros de leite producidos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información