Os retrasos na fabricación de tractores poñen en risco o cobro de axudas para maquinaria

O prazo de xustificación das subvencións para maquinaria en réxime asociativo conclúe o 1 de maio, pero concesionarios e organizacións agrarias advirten de que é preciso flexibilizalo

Os retrasos na fabricación de tractores poñen en risco o cobro de axudas para maquinaria

New Holland T6 cunha rotoempacadora. / Arquivo.

A fabricación de tractores está a verse afectada polas consecuencias que deixou a crise da Covid. Faltan compoñentes no mercado, en especial chips, que proceden na súa maioría do mercado asiático, polo que todas as plantas de maquinaria agrícola están aumentando os prazos de entrega dos pedidos. Os concesionarios galegos de maquinaria consultados recoñecen que os prazos das fábricas incrementáronse nun mínimo de 2 meses, con casos de 6 meses adicionais ou superiores, en función do modelo e planta de fabricación.

A cuestión é que estes retrasos están afectando de cheo a unha parte dos beneficiarios das axudas para maquinaria en réxime asociativo, concedidas por Medio Rural. O prazo para xustificar esas axudas remata o día 1 de maio, pero os sucesivos retrasos das cadeas de produción están a impedir que parte da maquinaria chegue a tempo. Trátase na maioría dos casos de maquinaria de elevado prezo, pois vai destinada a Cumas, cooperativas ou Sats, que precisan de equipos de gran potencia, polo que a perda de axudas pode supoñer un descalabro significativo.

Organizacións agrarias e concesionarios constatan o problema e avogan por unha flexibilización de prazos. “Temos constancia de dous casos, ambos con axudas que rondan ou superan os 100.000 euros” -explica Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “Estamos ante un problema serio e dada a situación, sería preciso que a Administración buscase unha fórmula de solucionalo” -valora-. “Tamén hai que dicir que se podía pedir unha prórroga da xustificación, pero nestes dous casos concretos non se pediu en tempo porque se esperaba a chegada da maquinaria nun prazo que ao final non se puido cumprir”, apunta.

“Se a entrega ten que ser ese día concreto e non se flexibiliza, haberá problemas serios” (Manto Maquinaria)

O problema é tamén recoñecido por concesionarios galegos consultados. En Manto Maquinaria (New Holland, Lugo) sinalan que teñen clientes nesa situación, igual que sucede noutros concesionarios. “Se a entrega ten que ser nese día concreto e non se flexibiliza unha semana ou 15 días, vai haber clientes que se vexan nun apuro serio porque a entrega de tractores retrasouse moito en tódalas fábricas, o que impide cumprir cos prazos que estaban previstos”, explican.

Tecnor Lalín Maquinaria (Claas, Lalín) confirma igualmente que ten varios clientes con subvención aprobada e á espera de recibir os equipos, se ben no seu caso, en previsión dos retrasos na entrega, xa se pediran prórrogas na xustificación. “Aínda así, é probable que nos vexamos con apuros para cumprir cos prazos das prórrogas. Hai que dicir que nun ano normal, os prazos que marcou a Administración serían perfectos, pero nun ano como este, cos problemas que todos coñecemos de falta de compoñentes para as fábricas e de colapso do transporte marítimo, a situación é a que é”, explica Manuel Gómez, de Tecnor Lalín.

“Nun ano normal, os prazos que marcou a Consellería serían perfectos, pero este ano temos os problemas que todos coñecemos de falta de compoñentes e de colapso do transporte marítimo” (Manuel Gómez, Tecnor Lalín Maquinaria)

O responsable do concesionario lalinense precisa tamén que outros anos en que tivo casos delicados de prazos, “o persoal da Consellería puxo todas as facilidades para resolvelos”. Este ano, en vista da situación de retrasos en toda a cadea de maquinaria agrícola, o concesionario incluso tomou a decisión no seu día de perder algunha venda por non poder cumprir cos prazos que marcaban as axudas.

Outros concesionarios atopáronse igualmente con dificultades nos últimos meses, aínda que conseguiron subsanalas. En Fariña Maquinaria (New Holland, Carballo) explican que tiveron situacións de clientes obrigados a xustificar subvencións, o que conseguiron solucionar nalgún caso logrando cesións de maquinaria doutros concesionarios. “A nós cedéronnos tractores e nós tamén os cedemos para casos así”, sinalan.

“Estamos sen stock de antenas de guiado GPS desde hai 6 meses. Quen teña hoxe en día unha antena de guiado GPS ten un tesouro” (Maquinaria Agrícola Noroeste)

Desde Maquinaria Agrícola Noroeste (John Deere, Santiago) confirman igualmente os retrasos na entrega de tractores, que se dilataron nun mínimo de 2 – 4 meses, se ben no seu caso non detectaron problemas con clientes que estean pendentes de xustificar as axudas. “Hai dificultades claras de compoñentes e de materias primas no mercado. Por poñer un exemplo, estamos sen stock de antenas de guiado de GPS desde hai 6 meses. Quen teña unha antena de guiado de GPS ten un tesouro”, sinalan.

Outra cuestión a ter en conta que apuntan en Maquinaria Agrícola Noroeste é a suba progresiva de prezos dos compoñentes, en consonancia coa suba das materias primas metálicas e dos plásticos, así como do transporte e da electricidade.

Cada tractor ten de media arredor de 1.700 compoñentes, un 80% deles metálicos (ferro, cobre, etc.), un 10% plásticos e outro 10% de polímeros, cauchos e outros materiais, segundo os datos que manexan as asociacións de fabricantes. Ese volume de compoñentes dá unha idea do porqué das dificultades que hai no mercado nas cadeas de transporte e produción de maquinaria agrícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información