Cada ano, as campañas levan ó limite a xestión dos parques de maquinaria en cooperativas, cumas ou empresas de servizos. Alomenos dúas veces ó ano, durante a campaña de ensilado da herba na primavera e ó final do verán co ensilado do millo, a carga de traballo multiplícase de maneira exponencial e conseguir unha optimización do traballo, dos recursos e do persoal é todo un reto.
Así o recoñecen dende cooperativas e cumas nunha xornada organizada por Agaca na que analizaron os retos que se lle presentan ás cooperativas.
A actividade incluíase nun ciclo organizado por Agaca sobre as oportunidades laborais no agro e, precisamente, tanto as cooperativas como as empresas de servizos son un nicho de oportunidades laborais crecente, pois nos últimos anos as ganderías delegan cada vez máis os traballos de maquinaria a terceiros.
Só na cooperativa Clun, no parque de maquinaria pasaron de facturar unhas 4.300 horas no 2001 a máis 24.500 horas nas campañas do 2019. Unha tendencia semellante experimentaron na cooperativa Aira onde no ano 2023 superaron as 89.000 horas facturadas dos seus equipos de maquinaria, logo de rexistrar un incremento dos servizos solicitados nestes anos. Así, as hectáreas de herba colleitada incrementáronse entre 2018 e 2023 nun 54%, acadando máis de 8.000 hectáreas. Tamén colleitaron máis superficie de millo, así incrementouse nun 21% nos últimos 5 anos e lograron máis de 4.000 hectáreas.
Traballos suxeitos ó tempo
Un dos factores que condiciona en gran medida ás campañas e que dificulta a súa xestión é o suxeitas que están á meteoroloxía, que obriga a que os traballos se deban realizar en períodos moi curtos, o que leva a optimizar ó máximo o traballo. Con todo, pese a que a inestabilidade meteorolóxica da primavera e do outono pode facer apurar os traballos ou as chuvias poden atrasar o seu inicio, as campañas amosan unha evolución semellante cada ano.
Así o amosa o control das horas facturadas dos tractores ó longo do ano na cooperativa Clun, onde pasan dunha media dunhas 300 horas nos primeiros meses do ano a situarse arredor das 2.500 horas durante os meses de abril a xuño. Dado que nesa cooperativa non traballaban apenas coa herba seca, o pico de traballo volve a situarse arredor dos meses de setembro e outubro para a colleita do millo.
“A flexibilidade é imperativa para manexar unha inxente carga de traballo, concentrada en momentos puntuais e limitada polas condicións de cultivo da terra”, apunta Santiago Sousa, director do servizo técnico de Maquinaria Durán e experto en xestión de maquinaria, que traballou durante 40 campañas no servizo de maquinaria dos Irmandiños, cooperativa integrada na actualidade en Clun.
Outro dos factores que dificulta a xestión dos traballos da campaña é a falta dunha estimación axustada das hectáreas que se traballarán en cada colleita. Como os traballos se encargan por tempadas, cunha antelación mínima, as cooperativas ou empresas de servizo non teñen unha previsión exacta do volume de traballo que terán en concreto en cada campaña.
O compromiso dos socios é fundamental para lograr unha estimación axustada das hectáreas por campaña, que permita optimizar a xestión da campaña e contribúa a rendibilizar os investimentos
Neste senso, dende a cooperativa Aira cada ano insisten ós seus socios na necesidade de reservar con antelación os servizos de maquinaria para o ensilado, tanto de herba seca como do millo e deben ademais proporcionar unha estimación das hectáreas que se colleitarán. Dende Clun coinciden en sinalar a importancia de dispoñer desa estimación. “Igual as cooperativas temos que pedir un compromiso previo ós socios con estes servizos para poder ter unha previsión das hectáreas a traballar”, valora Ángel Miranda, director da división agrogandeira de Clun.
Ese compromiso debe afianzarse non só no caso das cooperativas senón nas Cumas para lograr unha optimización tamén dos investimentos que supón a compra da maquinaria. “O compromiso dos usuarios dun servizo de maquinaria en común resulta fundamental para unha xestión eficiente dos recursos, sendo un aspecto limitante para a optimización dos custos”, apunta Santiago Sousa.
Na procura de profesionais
A falta de profesionais cualificados é outro dos condicionantes que dificultan a xestión das campañas e no que coinciden plenamente dende cooperativas, empresas de servizos ou as cumas. Cada vez resulta máis complicado contar con profesionais para estes traballos, pese a que os seus contratos non sexan estacionais e vinculados á campaña.
“A principal problemática é a falta de man de obra cualificada, pero esta é unha problemática que afecta non só ó departamento de maquinaria da cooperativa senón que afecta a outras seccións, ós talleres ou ás propias granxas”, apunta Enrique Otero, director de suministros e servizos Agro na cooperativa Aira.
Está a desaparecer un perfil de profesional moi valorado nos parques de maquinaria, o de condutor con certas nocións de mecánica, que axiliza as reparacións mínimas
Ademais, nos últimos anos está a desaparecer un perfil de profesional que combinaba os coñecementos de manexo da maquinaria con certas nocións de mecánica, que é moi apreciado neste ámbito. “Era un profesional que nos parques de maquinaria sabía facer 2 cousas: mecánico e chófer e que axilizaba moito o traballo. Agora ó contar só con condutores, ves que ás veces unha avaría que se pode resolver por teléfono acaba sendo de 3 horas porque ese condutor non ten unhas mínimas nocións de mecánica. É un hándicap tanto económico como de tempo”, explica Santiago Sousa.
Ante esta problemática para atopar persoal, as cooperativas e empresas de servizos buscan distintas solucións. Así, en AIRA e ante as dificultades que atoparon nos últimos meses para cubrir varios postos de traballo están a piques de formalizar un convenio que lles permitirá contar cuns 8 mecánicos procedentes de Perú.
Dende o sector apuntan tamén que os últimos cambios na lexislación laboral tamén supón outro atranco para a xestión destes traballos. “A actual lexislación laboral, en canto ó rexistro da xornada, ven de engadir novas dificultades á xestión do persoal nos parques de maquinaria”, indica Santiago Sousa.
Claves para mellorar a xestión nos parques de maquinaria
O experto en maquinaria Santiago Sousa apunta algunhas claves para lograr unha xestión eficiente da maquinaria agrícola en común. Un dos aspectos fundamentais a ter en conta é a avaliación e control tanto dos traballos como dos custos. “Xestionar con eficiencia un parque de maquinaria en común implica unha avaliación continua das necesidades dos usuarios e un control esixente dos custos operativos”, apunta.
Ademais, dados os altos investimentos necesarios para dispoñer de maquinaria de alto rendemento deben realizarse previamente estudos económicos e ser continuamente analizados ó longo do tempo, coa fin de lograr unha maior rendibilidade da maquinaria.
A incorporación de novas tecnoloxías e maquinarias cara unha agricultura de precisión tamén é unha ferramenta de utilidade para lograr unha xestión máis eficaz dos parques de maquinaria.
Ofrecer unha formación profesional axeitada ós operarios é fundamental. “Falta un ciclo de formación profesional no que ofrecer esa formación e ó mesmo tempo é imprescindible que os profesionais estean implicados co traballo”, reivindica Sousa.
Con esta concentración do traballo en meses concretos do ano, tamén resulta indispensable contar con maquinaria axeitada. “É clave dispoñer de equipos de maquinaria agrícola de alto rendemento que permitan acadar producións optimizadas e manexar o crecente volume de traballo asociado á mecanización agraria na gandería”, apunta Sousa.
Combinar estratexias de xestión de maquinaria e a colaboración entre parques de maquinaria é outra das claves para lograr que as campañas sexan máis levadeiras e non se convertan nun momento crítico.