Os restos da poda de vides, fonte de produtos de valor engadido para a industria

Publicidade
Os restos da poda de vides, fonte de produtos de valor engadido para a industria

Membros dos grupos EQ2 e BV1 que participan no traballo

O aproveitamento e valorización de residuos procedentes do agro na provincia de Ourense, concretamente restos da poda de vides, para a obtención de produtos de valor engadido. Este foi o obxectivo dun proxecto de investigación desenvolvido recentemente por persoal investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Nel abordouse con bos resultados a recuperación, mediante o uso de disolventes intelixentes, de compostos bioactivos desta biomasa e a obtención nela de furfural, unha molécula de base que se emprega na síntese de produtos químicos de interese no sector industrial e de biocombustibles.

O proxecto é un dos beneficiarios da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. Na iniciativa participaron investigadoras e investigadores dos grupos das Universidade de Vigo Enxeñaría Química EQ2 e Plantas, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1, sendo Sandra Rivas, investigadora posdoutoral Juan de la Cierva, e Beatriz Gullón, investigadora Ramón y Cajal, as líderes do proxecto.

Segundo explican as súas responsables, a súa proposta consistiu “nunha novidosa investigación multidisciplinar orientada ao desenvolvemento de alternativas sostibles para o aproveitamento e valorización de restos de poda de vide”. Esta biomasa, detallan, “ten un custe como residuo e é xerada en grandes cantidades dado o elevado potencial que representa o sector vitivinícola en Ourense”.  Neste senso apuntan como “por cada hectárea de cultivo prodúcense entre dúas e catro toneladas destes residuos” e como “o almacenamento e eliminación destes subprodutos representa un importante problema económico e ambiental”.

Fronte a esta problemática, subliñan as responsables da iniciativa, “unha alternativa de gran potencial é o aproveitamento e valorización dos restos da poda de vide baseándose no concepto de biorrefinaría, fundamentada na separación dos constituíntes da biomasa (celulosa, hemicelulosas, lignina e extractos) para súa valorización individualizada”. Neste senso, explican, o desenvolvemento de novas estratexias de procesos para unha separación eficiente dos constituíntes da biomasa seguindo a filosofía de biorrefinaría é un dos obxectivos do proxecto levado a cabo ao longo de 2020.

Combinando o científico e o tecnolóxico

A proposta desenvolvida, recalcan as investigadoras do campus de Ourense, non só incide nas materias primas senón que tamén que o fai nos procesos e nos produtos baseados en recursos naturais, abranguendo dúas liñas de traballo interrelacionadas. A primeira destas liñas, de carácter tecnolóxico, centrouse no aproveitamento e valorización destes restos de podas para a obtención de “compostos de base”, útiles para a síntese de produtos químicos de interese industrial e biocombustibles. O traballo das investigadoras e investigadores concretamente “focalizouse no fraccionamento integral dos compoñentes estruturais da poda de vide e a produción de furfural en medios bifásicos catalizados”. Froito do traballo realizado, o proxecto propón un proceso eficiente para a produción de furfural mediante a aplicación de tecnoloxías que empregan mesturas de auga e disolventes orgánicos. O furfural, indican as responsables da iniciativa, é “un precursor natural dunha ampla gama de produtos químicos renovables de interese industrial e biocombustibles”.

No traballo realizado, comentan as súas coordinadoras, tamén se obtiveron resultados satisfactorios no que respecta á separación dos tres constituíntes principais da biomasa (celulosa, hemicelulosas e lignina). A separación selectiva dos distintos constituíntes das podas de vide realizada no proxecto, engaden, “permite a súa valorización integral individualizada e ampliar a liña de investigación de cara a futuros traballos”.

A segunda liña de traballo do proxecto, de carácter científico, foi a de recuperación e extracción de compostos bioactivos con interese nas industrias alimentaria e farmacéutica nesta biomasa mediante o uso de disolventes intelixentes, de diferentes disolventes eutécticos. Concretamente desenvolveuse un método de extracción eficiente para a recuperación de compostos antioxidantes a partir das podas de vide utilizando Nades (disolventes eutécticos naturais) como disolventes de extracción “seguros e eficaces”. “Varios Nades con diferentes polaridades, viscosidades e composicións foron avaliados e combinados cun método innovador de extracción mediante microondas (MAE) co fin de minimizar o tempo de extracción e maximizar o rendemento, así como para obter biomoléculas con bioactividades máis altas que as das extraídas con métodos convencionais”, comentan as responsables da iniciativa.

As alternativas propostas no proxecto, engaden, implicaron o uso de tecnoloxías emerxentes de extracción (microondas) e disolventes de nova xeración para unha separación selectiva e eficiente dos constituíntes da biomasa en base á súa diferente reactividade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información