Santiago de Compostela converteuse este luns no punto de encontro dos responsables de calidade das fábricas de alimentación animal de Galicia coa celebración da XVIII Xornada Técnica GALIS, organizada por Agafac. O encontro serviu para analizar os principais desafíos aos que se enfronta actualmente o sector nun contexto marcado polo reforzo das esixencias normativas e dos estándares de seguridade alimentaria.
Durante a xornada abordáronse cuestións de especial relevancia para a industria, como a actualización dos protocolos de bioseguridade no transporte de materias primas e pensos, as medidas de prevención e control da Legionella nas instalacións industriais e o manexo seguro de aditivos e premezclas. O programa incluíu tamén varias intervencións de representantes da Xunta de Galicia centradas nas obrigas de etiquetaxe, os erros máis frecuentes detectados nas inspeccións e os resultados dos controis oficiais realizados durante o último ano.
Con case dúas décadas de traxectoria, as Xornadas Técnicas GALIS consolidáronse como un foro de referencia para a formación, a actualización normativa e o intercambio de coñecemento entre os profesionais da alimentación animal. A iniciativa contribúe a reforzar a competitividade e a profesionalización dun sector estratéxico para a cadea agrogandeira galega.
Galego









Control OJD