O Salón Gourmets, unha das feiras alimentarias máis importantes do panorama internacional, entregou este xoves os galardóns do Campionato dos Mellores Queixos de España 2026, onde se premiou a Savel da queixería Airas Moniz, do concello lucense de Chantada, como o mellor queixo de España. De feito, recibiu tamén o ouro e a distinción gold ICEX dentro da categoría de queixos azuis.
Ademais, o Salón Gourmets concedeu 12 galardóns a 10 pezas elaboradas por 8 queixerías galegas, entre as 20 categorías que contempla o certame. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, estivo presente nesta cerimonia e entregou galardóns aos queixos galegos premiados. Alí, destacou a importancia desta clase de recoñecementos, que poñen en valor o bo facer dos produtores agroalimentarios galegos. A maiores, contribúen a consolidar o papel de Galicia como un referente gastronómico, especialmente no eido da calidade diferenciada.
A Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla estivo moi presente na categoría de queixos elaborados con leite cru ou pasteurizada de vaca nova. Neste sentido, Prestes, da queixería homónima localizada en Vilalba, recibiu o galardón de prata e o gold ICEX; mentres que Eume, de Queixerías do Eume, do concello das Pontes, foi premiado co bronce. Nos queixos curados de vaca con leite cru, Mourelo, da gandaría lucense Quintián, foi recoñecido coa prata.
Por outra banda, Doña Cobiña curado, de Cobideza, en Agolada, recibiu a prata; e Palo Santo do camiño 200 días, da Central Lechera Gallega de Cuntis, o bronce; ambos dentro da categoría de queixos de vaca curados con leite pasteurizada.
Seguindo esta liña, na sección destinada aos mestura semicurados, Palo Santo do Camiño Selección, de Central Lechera Gallega, alzouse co premio de prata. Nos queixos de pasta branda e casca amofada, o bronce foi para Trisquell de Queixos Feijoo, de Celanova. Esta queixería ourensá foi tamén galardoada cun bronce polo seu 1949 Oveja semicurado con leite pasteurizada. O último queixo galego premiado foi o Fontelas DOP San Simón da Costa de Javier López Piñedo, de Vilalba, que levou o ouro na sección de afumados.
Presenza da Consellería do Medio Rural en Gourmets
A Consellería do Medio Rural participou nesta 39 edición do Salón Gourmets da man dunha trintena de produtores galegos acollidos a algún selo de calidade. Contou tamén cun espazo propio de 547 metros cadrados no que, ata o día de hoxe, se están desenvolvendo un amplo programa de actividades que teñen como obxectivo promocionar e dar a coñecer os produtos agroalimentarios galegos.
Galego





Control OJD