A campaña “Discover the European Cheestories with cheeses from Spain”, impulsada pola Organización Interprofesional Láctea (InLac) co apoio da Unión Europea, continúa avanzando no seu terceiro e último ano de execución cun calendario cheo de novas actividades previstas para 2025.
Entre elas destaca a participación na feira NRA de Chicago, celebrada entre o 17 e o 20 de maio. Trátase dun dos encontros máis importantes para a industria da restauración e a alimentación nos Estados Unidos.
Este evento reúne a expositores, compradores, chefs e expertos para presentar as últimas innovacións en produtos, servizos e tecnoloxías destinadas ao sector gastronómico.
Arzúa – Ulloa e Tetilla participan no evento promocional
Segundo explican desde InLac, a feira é unha plataforma clave para descubrir tendencias, intercambiar ideas e avanzar en innovación alimentaria.
InLac contou cun stand propio no certame, no que se promocionaron dez queixos europeos de orixe español, coa colaboración da mestra queixeira Erin T. Connolly.
As variedades protagonistas foron: DOP Arzúa-Ulloa, DOP Murcia al Vino, DOP Idiazabal, Queso Mezcla, DOP Manchego, Rulo de Cabra, DOP Mahón-Menorca, DOP Tetilla, IGP Valdeón e DOP Zamorano.
“Estamos moi satisfeitos coa acollida que tiveron os nosos queixos neste certame, un foro onde poidemos dar a coñecer a variedade, calidade e versatilidade dos queixos europeos de orixe español e axudar con iso a súa maior internacionalización”, afirmou Nuria María Arribas, directora xerente de InLac.
A participación en feiras ten sido unha das prioridades da campaña “Cheestories”, que xa estivo presente noutros eventos relevantes como a Good Food Mercantile, a Summer Fancy Food ou a Winter Fancy Food.
O obxectivo principal é dar a coñecer os queixos europeos de orixe español e facilitar a súa expansión nos Estados Unidos, o seu principal mercado fóra da Unión Europea. A campaña, que se estende de marzo de 2023 a febreiro de 2026, abrangue accións de divulgación en cidades como Nova York, Las Vegas ou Chicago.
En 2024, as exportacións de queixo español aumentaron un 6,95 % en volume e un 4,57 % en valor. Os envíos aos Estados Unidos representaron o 14,45 % do valor e case o 8 % do volume total.
InLac é unha entidade sen ánimo de lucro recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que agrupa a asociacións de produtores e transformadores de leite de vaca, ovella e cabra.
Galego










Control OJD