Os puntos críticos no cultivo do millo

Neste artigo, Adrián Varela Pérez, técnico agronómico de ICOS, aborda os puntos clave no cultivo do millo forraxeiro. Nesta primeira parte analiza a planificación, a sementeira e o desenrolo inicial desta forraxe clave para as explotacións de vacún de leite

Os puntos críticos no cultivo do millo

Plantación de millo

O millo forraxeiro é neste momento o principal cultivo das explotacións de vacún de leite de Galicia. Trátase dun cultivo no que o gandeiro inviste unha importante cantidade de diñeiro, polo que convén priorizar os coidados para lograr unha boa colleita e, deste xeito, poder baixar os custos de produción.

Para iso, recoméndase seguir o seguinte esquema lóxico de cultivo do millo:

-Análise de prezos e evolución de materias primas alimentación

-Análise de custes de cultivo

-Deseño estratexia de nutrición anual

-Análise de parcelas dispoñibles e medios

-Deseño da estratexia de cultivo

-Análise de solo

-Determinación de correccións de solo e necesidades cultivo

-Proposta de abonado

-Elección da variedade

-Definición da estratexia protección cultivo

-Seguimento do cultivo (ver se hai deficiencias)

-Determinación da data óptima ensilado

-Colleita óptima (picado e procesado)

-Manexo no silo (pisar, pisar e pisar…)

-Cubicación do silo e análise de custes

Análise de prezos e evolución materias primas alimentación animal

Este debe ser o punto de partida de cara a optimizar os resultados do cultivo de millo. Debemos de partir do custe máximo por unidade de enerxía, no caso deste cultivo, ou en certas explotacións o custe combinado de unidades de enerxía e kilogramos de fibra forraxeira efectiva.

Hai explotacións nas que o millo úsase como fonte de enerxía (a maioría), mentres que noutras tamén interesa como base de fibra (sobre todo se o forraxe na explotación é un limitante). Debemos ter claro en que situación nos atopamos.

Ao final de este punto debemos ter claros:

Prezo €/UFL de Fariña de millo en fórmula

Prezo €/ UFL de outras materias primas ( Ddgs, pulpa, etc)

Prezo en €/kg FND (fibra neutro deterxente) palla cebada

Análise de custes de cultivo:

Unha vez determinados os custes máximos por unidade de fibra ou enerxía, debemos calcular o que nos costa producir a forraxe. O ideal sería traballar con custes medios de cando menos 3 anos, sendo o ideal 5 anos. Aínda que non teñamos eses datos, moitas veces son recuperables das bases de datos e facturación de quen subministra os servizos e insumos necesarios.

O indice que máis nos influe coste por tonelada de millo, ou por UFL, é o rendemento por ha, tal e como se pode ver no gráfico seguinte. A maior producción de materia seca por ha, menor custe por tonelada e por unidade de enerxía.

ICOS_MILLO_GRAFICA

Datos obtidos socios ICOS, ano 2015.

Non deberiamos partir de custes dun só ano.

Debemos coñecer:

Custe €/UFL Silo de Millo

Custe €/ FND Silo de Millo

Decisión e estratexia de alimentación:

Debe haber unha planificación de que tipo de ración é a óptima economicamente para a nosa explotación. Para iso debemos analizar os custes de cultivos e escenarios de materias primas. Isto débese facer de xeito personalizado, e antes de decidir a estratexia de cultivos, analizar que cantidades e calidades farán óptima a nosa alimentación. Isto por suposto é unha ciencia aproximada onde os cálculos poden variar significativamente, sobre todo en función da climatoloxía. Para evitar no posible este factor á hora de definir as cantidades a producir debemos traballar con marxes de seguridade.

Estas estratexias deberanse elaborar entre o nutrólogo- técnico agronómico e gandeiro.

Un aspecto básico neste punto, é comparar os valores de €/UFL con fariña de millo formulada e o custe €/UFL con silo de millo. Esa comparativa vai ser o punto de partida de cara ao deseño e definición da estratexia de cultivo.

Debemos definir as cantidades e calidades dos alimentos que farán óptima a nosa ración, partindo dos custes xa analizados.

Análise de parcelas dispoñibles e medios

No punto anterior coñecemos as nosas necesidades para alimentar do xeito máis barato posible. Neste punto debemos analizar se somos capaces de dar producido todo o que necesitamos, e determinar en que superficie podemos sementar, incluíndo aquí as limitacións pola PAC, etc.

Se a superficie da que dispoñemos non é suficiente, podemos intentar conseguir máis, comprar, ou adicar menos a outro cultivo, e incluso valorar outros cultivos substitutos do millo en zonas con limitacións.

Neste punto debemos deixar definidas as parcelas nas que imos a sementar.

Hai que ter en moi en conta as características do solo, sobre todo a capacidade de retención de auga ou a posibilidade de rega no verán. Non todas as parcelas serven para o cultivo do millo.

Análise de solo

Unha vez fixadas a fincas sobre as que imos actuar, debemos coñecer con algo de antelación cales son os niveis de nutrientes que presenta ese solo. Isto permitiranos optimizar a estratexia de abonado.

Abonar o millo sen facer unha analítica de terras é como facer unha ración para animais de alta produción ben axustada sen ter a correspondente analítica de silos. Podemos estar tirando cuns nutrientes e faltar outros en función de se abonamos con purín, de que tipo é, etc.

Determinación de correccións de solo e necesidades cultivo

Unha vez obtidos os niveis de nutrientes no solo debemos valorar se é necesario facer algún tipo de corrección. O máis habitual é que haxa que corrixir o pH ou os niveis de aluminio no solo. Isto, como é ben sabido, corríxese con emendas calizas. A parte da corrección destes parámetros tamén nos aumenta a capacidade de retención de nutrientes e favorece a mineralización da materia orgánica, entre outros moitos efectos beneficiosos.

Se houbese niveis baixos de fósforo ou potasio, tamén habería que actuar sobre eles, ben facendo con antelación ou tendo en conta as carencias no momento de elección do abono. Outra cousa que debemos deixar ben definida son as extraccións que imos ter do cultivo, posto que son ben distintas. Se nos fixamos como obxectivo producir 40 Tm de MV/ha debemos ser consecuentes con eso, e asegurar de que a planta teña dispoñibles os nutrientes que necesita. Non é lóxico esixir unha produción de, por exemplo 50 Tm de MV e facer un abonado que cubra as necesidades de 25 Tm de MV.

Non nos podemos esquecer da Lei de mínimos na fertilización. A producción sempre se verá limitada polod nutrinte que se encontre menos dispoñible para as plantas.

Proposta de abonado

O enterrado do xurro permite reter máis nitróxeno

O enterrado do xurro permite reter máis nitróxeno

Chegados a este punto temos os datos para facer unha fertilización racional. Debemos determinar que cantidade e que tipo de xurro imos empregar. Unha vez analizados ou estimados estes parámetros debemos calcular que tipo de abono se axusta á maior parte das nosas parcelas.

En explotacións de certas dimensión onde se manexen volumes importantes de fertilizante é máis que recomendable o uso de fórmulas personalizadas de fertilizante, se así é necesario. Esta práctica supón un aforro importante de custes e sempre se abona coa formula máis adecuada, asegurando que se cobren as necesidades e non se tiran nutrientes.

Cabe facer mención ao uso de abonos starter. Os efectos deste tipo de adubos están máis que demostrados, sendo case fundamental o seu emprego en solos de media ou baixa fertilidade, ou en sementeiras temperás, onde o fósforo poida ter problemas de mobilidade.

Non se debe nunca substituír o emprego de abonos tradicionais, polo uso de starter, posto que non é a súa función. A función dos starter é a de proporcionar nutrientes durante a fase de establecemento, única e exclusivamente. Ademais, se buscamos cubrir necesidades do cultivo con este tipo de abonos é antieconómico.

Custe kg Unidade fertilizante abono starter 3.5-4 €/ UF

Custe kg Unidade fertilizante abono complexo lib. lenta 0,75-1 €/UF

Custe kg Unidade fertilizante formula personalizada 0,65-1 €/UF

Elección de variedades:

A elección das variedades ten que ser acorde coa zona e coa data de sementeira. En zonas onde haxa alta probabilidade de estrés hídrico adáptanse mellor os ciclos curtos, posto que a floración é máis temperá e soe haber máis reserva de auga no solo.

Nos últimos tempos houbo unha clara selección cara as variedades máis produtivas e dixestibles do mercado, sendo as avaliacións dos centros públicos de investigación unha ferramenta de selección.

É acertado buscar nas probas un alto rendemento, pero ¿é en realidade tan importante analizar se unha variedade pode producir 20-22 Tm de Materia seca (>60 tm MV/ha), cando no campo traballamos de media con produtividades de 12-14 Tm de MS?

Para os niveis produtivos que manexamos debemos fixarnos en moitos parámetros, e para moitos deles non temos probas (regularidade de produción, resistencia a estrés hídrico, sanidade de planta, resistencia a encamado…). Por iso debemos ser cautelosos á hora de elixir unha variedade e non só elixir aquela con maior rendemento/ha nos ensaios oficiais.

Isto ultimo faise máis patente canto máis limitado estea o cultivo. En xeral, canto máis produtiva é unha variedade, menos rústica é. Temos o exemplo claro nas vacas lactantes: se temos adversidade na explotación ¿que animais serían os primeiros en caer: os que dan 25 litros/día ou os que dan 60 litros/día?

Por outra parte, ¿Ten sentido buscar unha variedade o máis dixestible posible, e despois deixar que o picado e o procesado do gran no ensilado non sexa óptimo? Non debemos esquecer que o procesado físico tanto da planta coma o do gran vainos condicionar a dixestibilidade ademais doutros factores.

Estratexia de protección de cultivo

Este punto quizá sexa o que máis quebradeiros de cabeza dá. Unha das primeiras decisións que debemos tomar é a protección contra herbas adventicias. Dada a complexidade deste aspecto, débese tomar a decisión en cada caso concreto, avaliando todos os condicionantes particulares.

En xeral, hai descoñecemento da técnica porque se fai unha vez ao ano e con máquinas pouco precisas e sen axustar por problemas de tempo, etc.

Seguimento do cultivo

É de gran importancia facer un seguimento semanal da evolución do cultivo, polo menos ata as oito follas. Debemos observar posibles síntomas de carencias, mais visibles nos primeiros estadios, ou posibles ataques de insectos.

Ás veces, plantas que aparentemente están ben se tiramos delas aparecen comidas por insectos. Hai que pasear polas fincas.

Ante calquera coloración anormal das follas débese pedir asesoramento a un técnico competente na materia, de cara a corrixilas, con adubos foliares, ou facer unha planificación de abonado máis axustada para a campaña seguinte.

Sería ideal facer unha mostraxe do cultivo e facer análise foliar de macro e microelementos, para saber se as concentracións que ten a planta son óptimas.

Calquera dúbida ou recomendación personalizada, podedes contactar no correo: adrian@icos.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información