Os propietarios forestais, opostos á moratoria do eucalipto pero favorables a regulalo

Un avance dunha enquisa do Grupo de Certificación Forestal Alvariza revela que unha maioría de silvicultores percibe de xeito negativo a moratoria, pero aínda así, hai empate técnico entre os que queren que se retire e os que defenden a súa continuidade ou evitan pronunciarse

Publicidade
Os propietarios forestais, opostos á moratoria do eucalipto pero favorables a regulalo

Parcela de 1,5 hectáreas ubicada no Val do Ulla e plantada este inverno a eucalipto, malia estar clasificada no Sigpac como terra agraria.

Ao propietario forestal, a moratoria do eucalipto gústalle cada vez menos. Se no 2022, había unha maioría do 60% que a consideraba unha medida regular, un 32% mala e un 8% boa, agora, con catro anos de moratoria ás costas, as opinións empeoraron. Hai un 56% de propietarios que considera a moratoria unha medida mala, por un 36% que a ve regular e un 8% boa.

Son datos avanzados dunha enquisa que está a elaborar o Grupo de Certificación Alvariza (Asefor) entre propietarios forestais particulares que cortan madeira e a certifican a través do Grupo. O resultado das preguntas sobre a moratoria amosa unha certa unanimidade no disgusto con esa norma, pero a pesar diso, non hai unha maioría de silvicultores que pida a súa eliminación.

Preguntados os propietarios sobre si están a favor ou en contra da continuidade da moratoria, só un 50% afirma estar en contra, un 26% di estar a favor e un 24% evita pronunciarse (non sabe – non contesta). Hai, por tanto, un empate técnico entre os que apoian a moratoria e os que queren que continúe ou evitan pronunciarse contra ela.

Este é un resultado interpretable, se ben no sector apúntanse dúas cuestións a considerar sobre estes datos.

Primeiro, malia a caricatura que en ocasións se fai dos propietarios forestais desde ámbitos ecoloxistas, hai unha parte de silvicultores que, a maiores dos factores económicos, ten tamén en conta cuestións como a ordenación do territorio, a biodiversidade do monte ou a prevención de incendios.

E segundo, se ben hai unha oposición xeralizada á moratoria do eucalipto, o propietario é consciente de que é precisa unha terceira vía para regular as novas plantacións do eucalipto, como veñen suxerindo as asociacións de propietarios forestais.

Un dato da enquisa que semella apoiar estas interpretacións é que un 73% dos enquisados considera o eucalipto como unha especie boa para o monte. O consenso maioritario en torno ás bondades do eucalipto, sen embargo, non se traslada a unha unanimidade de oposición á continuidade da moratoria. Ao contrario, semella haber un certo empate técnico.

Opinión por especie principal de silvicultura
A actual moratoria, na práctica, só está a restrinxir que se plante eucalipto cando se corta piñeiro ou se ten un monte raso, pois xa existía con anterioridade a 2021 unha normativa que prohibía os outros cambios de usos (de terras agrarias ou frondosas caducifolias a eucalipto).

Poderíase pensar, por tanto, que os propietarios forestais que cortan piñeiro son os máis favorables ao fin da moratoria. Pero tampouco é así. Hai un 38% de propietarios de piñeiro que están a favor de que continúe, por un 43% que pide que se derogue e un 19% que non sabe ou non contesta, segundo o avance de datos da enquisa que manexa o Grupo de Certificación Forestal Alvariza (Asefor).

Entre os propietarios de eucalipto, o apoio á continuidade da moratoria descende a un 20%, en tanto pide a súa derogación un 56% e non se pronuncia outro 23%.

Por último, a indecisión é maioritaria entre os propietarios que cortan frondosas, cun 44% que evitan pronunciarse, probablemente porque a continuidade ou non da moratoria non lles afecta nas súas propiedades. Un 33% sí apoia a continuidade da moratoria e un 22% oponse.

Opinión por provincias sobre a actual moratoria
O descontento coa actual moratoria é xeralizado nas provincias da Coruña e Lugo, en tanto en Ourense, unha provincia pouco apta para o eucalipto e con escasa actividade forestal (e menos silvicultores enquisados), sí hai unha opinión favorable á súa continuidade.

En Pontevedra, como caso singular en Galicia, chaman a atención as comarcas de Deza e Tabeirós – Montes. Nelas, a diferenza de Ourense, sí prosperan as plantacións de eucalipto, pero existe un apoio maioritario á actual moratoria. O resto de comarcas de Pontevedra comparten unha visión semellante ós propietarios da Coruña e Lugo, contraria á moratoria.

Que regulación acometer do eucalipto?
O debate sobre como regular o eucalipto estase a producir esta primavera entre a Administración autonómica e tódolos colectivos de empresas forestais e propietarios. Hoxe mesmo, a conselleira do Medio Rural mantivo unha reunión co Clúster da Madeira para abordar temas de actualidade da entidade e do propio sector.

Unha idea forza do debate que se está a dar no sector é a de permitir que tódolos propietarios poidan ter unha porcentaxe de parcelas con eucalipto, pois se continúa a moratoria tal cal está, un silvicultor que tivese ata agora todo a piñeiros e frondosas, non tería posibilidade de plantar eucaliptos, en tanto outros produtores teñen o 100% das parcelas plantadas a eucaliptos. A cuestión é como facer esa regulación.

As sancións por plantacións ilegais de eucalipto redúcense un 69% desde o 2021

O control da Administración autonómica sobre plantacións ilegais de eucalipto levou a impoñer un total de 240 sancións a propietarios forestais ao longo do 2024. É unha cifra moi inferior ás 756 que se impuxeron no primeiro ano de vixencia da moratoria, no 2021, que foi o ano con máis multas no periodo 2019-2024.

No 2022, as multas baixaron a 511, en liña coas cifras de sancións que xa se viñan impoñendo antes da moratoria por cuestións como a plantación en terras agrarias, en masas de frondosas ou por non respetar as distancias marcadas na lexislación a vivendas ou vías de comunicación. No 2020, por este tipo de cuestións houbera 557 multas e no 2019 un total de 495.

Nos últimos anos, sen embargo, as sancións baixaron a mínimos: 364 no 2023 e 240 no 2024. Desde o sector forestal recoñecen que esa baixada é debida en parte a que en determinadas comarcas existe unha certa impunidade en pequenas plantacións irregulares de eucaliptos. Son plantacións, en todo caso, sometidas á incerteza e a posibles denuncias entre particulares.

No sector destácase que boa parte dos propietarios está a optar por cumprir a normativa, en tanto son habituais tamén os casos de propietarios con parcelas cortadas e paradas, á espera de ver como se resolve a moratoria.

‘Eucaliptos e piñeiros en Galicia: notas e reflexións para un debate razoado’

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información