Os propietarios forestais manteñen as cortas, con 222,5 millóns de ingresos no 2020

A Asociación Forestal de Galicia subliña que comunidades de montes e particulares continuaron coa xestión habitual do monte durante a pandemia, incluíndo accións de prevención de lumes, tratamentos silvícolas e plantacións

Os propietarios forestais manteñen as cortas, con 222,5 millóns de ingresos no 2020

Cortas en monte. / Arquivo.

O monte en Galicia demóstrase unha vez máis como un sector resiliente ás cíclicas crises, con capacidade para aportar uns ingresos extra cando veñen mal dadas. Durante a pandemia da Covid-19, os propietarios forestais de Galicia mantiveron as cortas nun volume similar ó ano anterior e lograron no 2020 unha facturación de 222,5 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados a partir dos datos de cortas da Consellería do Medio Rural.

Fóra dos primeiros meses de confinamento, que ralentizaron a actividade de toda a cadea da madeira, comunidades de montes e propietarios particulares mantiveron a xestión do monte dun xeito similar a outros exercicios, continuando cos traballos silvícolas, accións de prevención de lumes, plantacións e cortas habituais.

A facturación total por venda de madeira no 2020 ascendeu a 222,5 millóns de euros, dos que 157,4 millóns corresponden ó eucalipto e 65,1 millóns ó piñeiro, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia. En comparación co 2019, a facturación dos propietarios baixou un 8,5%, principalmente pola baixada de prezo do eucalipto, en tanto o piñeiro mantívose en cifras similares ós últimos anos.

Comarcas con maior facturación
Por comarcas, a de maior facturación para os propietarios forestais é a de Bergantiños – Mariñas Coruñesas, con 31,2 millóns de euros ingresados por vendas de madeira no 2020. Séguenlle Ferrol – Ortegal, con 29,7 millóns de euros, e a Mariña lucense, con 29,6 millóns de euros.

Por especies, Ferrol – Ortegal lidera a facturación en eucaliptos (27,2 millóns de euros), seguido da Mariña lucense (26,2 millóns) e Bergantiños – Mariñas Coruñesas (26). En piñeiro, destaca a comarca de Lugo – Sarria, con 11,6 millóns de facturación en coníferas, seguido da Terra Cha (7,3 millóns de euros) e da Fonsagrada – Ancares (6,2 millóns de euros).

En canto ás frondosas caducifolias, a Asociación Forestal de Galicia (AFG) sinala que non é posible precisar datos fiables de facturación, xa que supoñen menos dun 3% das cortas comerciais de Galicia e ademais, presentan diversidade de especies e calidades. O principal aproveitamento das frondosas continúan a ser as leñas domésticas.

Máis alá do escaso valor comercial das frondosas, a AFG destaca que comunidades de montes e propietarios particulares son parte protagonista da conservación das más de 400.000 hectáreas de frondosas caducifolias en Galicia, contribuíndo así á conservación da biodiversidade e ós usos sociais destas masas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información