Os propietarios forestais do interior de Lugo reafirman o seu interese no eucalipto

As asociacións de produtores silvícolas de Castroverde, Baralla e Baleira, que agrupan a 700 socios, mantiveron un encontro con representantes da empresa Ence para analizar as perspectivas da variedade nitens

Publicidade
Os propietarios forestais do interior de Lugo reafirman o seu interese no eucalipto

Os colectivos de propietarios queren ter dereito a seguir plantando eucalipto.

As executivas das asociacións de propietarios forestais de Castroverde, Baralla e Baleira, que agrupan a uns 700 veciños destes concellos, mantiveron unha reunión con representantes da empresa Ence para analizar as perspectivas de mercado do eucalipto de cara ó futuro. Tras o encontro, os colectivos de produtores silvícolas reafirman o seu interese no cultivo do eucalipto nitens, entre outras especies.

A reunión das asociacións de propietarios con Ence enmárcase na campaña que están a facer estes colectivos contra a prohibición da plantación de eucalipto en 21 concellos do interior de Lugo e en toda a provincia de Ourense. Medio Rural elaborou un borrador de decreto que restrinxe o cultivo da especie en 21 municipios do centro e sur de Lugo e en Ourense, unha cuestión que suscita críticas entre parte dos silvicultores.

Do encontro con Ence, as asociacións de propietarios de Castroverde, Baralla e Baleira tiran unha conclusión: “En Europa, dentro de 12-13 anos, tempo estimado para cortar as plantacións de eucalipto que se realicen neste 2017, o déficit de madeira será de 300 millóns de toneladas. Tendo en conta esta circunstancia, territorios como os dos nosos concellos poden exercer un importante papel produtivo, fundamentado, entre outras especies, no eucalipto nitens”, valoran en nota de prensa.

O eucalipto nitens, ao contrario que o globulus, é apto para cultivar en altitudes superiores ós 400 metros, como as que predominan no interior de Lugo e na provincia de Ourense. O seu interese para a industria de pasta de papel é menor que o do globulus, que ofrece un maior rendemento e maior calidade, pero os colectivos de propietarios forestais pensan que haberá nun futuro demanda para esta especie, tanto para pasta de papel como para usos madeireiros.

Respeto á lexislación

Por último, as asociacións de produtores silvícolas lembran o papel que xoga o monte na xeración de rendas e na creación de emprego. Tamén manifestaron a súa disposición a cumprir a actual lexislación, que impide a plantación de eucaliptos en terras agrarias e en masas de frondosas, como carballeiras.

Os colectivos silvícolas de Baralla, Castroverde e Baleira consideran que a Administración Forestal e outros colectivos manteñen unha actitude belixerante contraria á xestión forestal dos montes do interior de Lugo. “É unha xestión que contribúe á mellora da sociedade e do territorio, co que nos sentimos comprometidos como o que máis”, rematan.

Una idea sobre “Os propietarios forestais do interior de Lugo reafirman o seu interese no eucalipto

  1. Francisco Santiago López

    Penso que as plantacións masivas de eucaliptos constitúen un desastre ambiental de primeira magnitude que sólo beneficia a un determinado clúster que non repara na riqueza medioambiental de Galicia, que coa súa actividade industrial ocupa a meirande parte da extensión do noso territorio. Por iso mesmo xa que este avance consolídase sen apenas resistencia, este sector forestal debería pagar un cánon medioambiental polo nocivo que supoñen as súas actividades no medio ambiente en Galicia. Si outros sectores industriais pagan ese cánon por que non o pode facer a industria maderera-papelera desta Comunidade Autónoma.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información