Os propietarios forestais de Galicia ingresaron no 2022 un total de 356 millóns de euros por cortas de madeira

Galicia contou en 2022 con máis de 11 millóns (11.016.649,58) de metros cúbicos de aproveitamentos madeireiros, un 9,92% máis que en 2021

Os propietarios forestais de Galicia ingresaron no 2022 un total de 356 millóns de euros por cortas de madeira

Galicia contou en 2022 con máis de 11 millóns (11.016.649,58) de metros cúbicos de aproveitamentos madeireiros. Así se recolle no informe elaborado pola Consellería do Medio Rural que coñeceu hoxe o Consello da Xunta. O documento sinala que con esta cifra se supera amplamente o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’ para o final do ano 2025, que establecía un nivel de cortas de madeira de 10 millóns de metros cúbicos por ano.

Neste senso, en 2022 o volume de madeira dos expedientes de aproveitamentos madeireiros en Galicia tivo un incremento do 9,92 % respecto ao ano anterior (10.022.184,47 m³), unha tendencia á alza que se mantén desde o ano 2015. Precisamente, Galicia aglutina a metade das cortas de madeira que se realizan no territorio español.

Ademais, tal e como se desprende do informe, o obxectivo é que, dentro de 10 anos, se teña acadado o nivel de cortas de madeira de 12 millóns de metros cúbicos ao ano.

O número total de expedientes rexistrados en 2022 en aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada foron 58.921, dos cales 41.136 foron de tipo declaración responsable e 17.785 de tipo autorización. En canto a montes de xestión pública, os expedientes foron 183.

Desagregación dos datos

Destes máis de 11 millóns de m³ de madeira do ano 2022, uns 10,7 millóns de m³ pertencen a aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada e 253.303,11 m³ a aproveitamentos madeireiros en montes de xestión pública.

O valor destas cortas supuxo un ingreso duns 356 millóns de euros, dos cales 350 millóns de euros corresponden ás cortas privadas.

Se analizamos estes datos a nivel de provincia, A Coruña foi a que rexistrou un maior volume nos expedientes de aproveitamentos madeireiros cun total 4,7 millóns de m³, seguida de Lugo, con case 4,4 millóns de m³, Pontevedra con 1,3 millóns de m³ e Ourense con case 500.000 m³.

No tocante aos distritos forestais, o de Santiago-Meseta Interior (distrito III) é o que rexistra o maior volume nos expedientes de cortas de madeira de Galicia, cun total de 1,4 millóns de m³, seguido polo distrito II Bergantiños-Mariñas Coruñesas (con 1,3 millóns de m³) e polo VI A Mariña lucense (1,2 millóns de m³).

Por último, tendo en conta o volume nos expedientes de cortas por formacións específicas, cabe destacar as cortas de eucalipto (Eucalyptus spp.) (un 56,55% con 6.229.792,88 m³), seguidas polas de piñeiro (Pinus pinaster) (un 19,72 %, con 2.172.193,29 m³) e Pinus radiata (un 17,99 %, con 1.981.622,32 m³).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información