Os propietarios de terras eólicas perciben o 1,46% da facturación dos parques

Unha tese de doutoramento de Damián Copena (Universidade de Vigo) advirte de que a lexislación favoreceu ás grandes empresas fronte á dinamización do rural. O marco regulador freou os parques comunitarios e a participación dos axentes locais nas instalacións

Os propietarios de terras eólicas perciben o 1,46% da facturación dos parques

Parque eólico en terreos de Silleda e A Estrada.

O marco regulador da enerxía eólica en Galicia favoreceu ás grandes empresas promotoras en detrimento dos axentes locais. Esa é unha das principais conclusións dunha tese de doutoramento de Damián Copena (Universidade de Vigo), que analizou os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego.

A lexislación concedeulle ás empresas promotoras importantes dereitos, entre os que destaca a posibilidade de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos parques. Pola contra -destaca o investigador-, ese marco regulatorio imposibilitou a promoción de parques eólicos comunitarios, unha figura relevante noutros lugares do mundo, e limitou a participación dos axentes locais nos procesos de planificación e no negocio da venda de electricidade.

A tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xavier Simón e elaborada no marco do grupo de investigación Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, analiza os resultados económicos obtidos polos propietarios das terras eólicas. A tese conclúe que hai unha gran variabilidade nos ingresos, sendo sempre a mellor opción o alugueiro dos terreos fronte á compravenda ou á expropiación.

Ingresos
Os ingresos medios por alugueiro sitúanse nunha media de 3.000 euros por megawatio, segundo os datos correspondentes ó ano 2011. Ese mesmo ano, a tese estima que as rendas eólicas para os propietarios con respecto á facturación total dos parques foi do 1,46%. Traducido a euros, no conxunto de Galicia os propietarios percibiron no 2011 un total de 9,8 millóns de euros.

O investigador tamén analizou o destino das rendas eólicas, estudando algunhas iniciativas dinamizadoras no mundo rural que xurdiron a partir dos ingresos xerados pola ocupación eólica. Copena conclúe, non obstante, que o nulo desenvolvemento de parques comunitarios coartou en gran medida as posibilidades de dinamización do rural que podería levar consigo a enerxía eólica.

Políticas públicas
De cara ó futuro, a tese propón novas políticas públicas que regulen os procesos de autorización de parques co obxectivo de priorizar o desenvolvemento do mundo rural. Existe actualmente unha bolsa de 4.300 megawatios en tramitación administrativa en Galicia, se ben a baixada das primas gubernamentais á produción de enerxía eólica mantén o desenvolvemento de novas instalacións baixo mínimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información