Os propietarios de eucalipto tratan de aglutinar unha oferta conxunta de 100.000 toneladas

Promagal, preocupada pola escasa competencia que hai no mercado, ofrecerá a madeira ó mellor postor en busca de novos compradores e mellores prezos. O colectivo demanda a actualización do Catastro

Os propietarios de eucalipto tratan de aglutinar unha oferta conxunta de 100.000 toneladas

Os propietarios tratan de mellorar prezos para o eucalipto.

Os propietarios de eucalipto buscan fórmulas para mellorar os prezos que obteñen pola madeira. Promagal, a federación que agrupa a máis dunha vintena de asociacións forestais do norte de Galicia, tratará de aglutinar unha oferta conxunta de 100.000 toneladas, ofrecidas ó mellor postor, co obxectivo de atraer a novos compradores e introducir maior competencia no mercado.

As escasas alternativas que hai en zonas como a Mariña lucense para a venda de eucalipto é unha das preocupacións recurrentes entre os propietarios forestais. Tras a saída o pasado ano das pasteiras portuguesas de Lugo, Ence Navia queda na práctica como principal e case único comprador na zona. Promagal entende que esa falta de competencia perxudica ós propietarios, polo que na súa última reunión, a pasada semana, na que estiveron representadas unha quincena de asociacións, acordou explorar a posibilidade de sacar ó mercado unha oferta conxunta de 100.000 toneladas, unha iniciativa que se tratará de concretar de cara á primavera.

Promagal avanza tamén no desenvolvemento da súa cooperativa, coa que podería asumir a corta e saca da madeira do monte

De xeito paralelo, Promagal continúa a avanzar no proxecto da cooperativa de venda de madeira, constituida hai algo máis dun ano. Coa cooperativa, os propietarios forestais poderían asumir a corta e saca da madeira do monte e negociar a súa venda en cargadeiro. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende tamén unha mellora da rendibilidade da explotación forestal.

Catastro
A última reunión de Promagal serviu tamén para constatar unha preocupación común das asociacións forestais en relación ó Catastro, pois detéctase que non está actualizado e que se dan problemas na localización das parcelas e na superficie que se lles atribúe. Ó longo dos últimos anos, houbo reclamacións e cambios que se lle comunicaron ó Catastro pero que non foron actualizados.

Os propietarios piden que haxa un traballo de oficina para poñer ó día eses datos e tamén consideran de interese que se emprenda de novo un traballo de campo para mellorar o Catastro. Solicitan ademais un acceso informático que permita unha consulta áxil por parte dos silvicultores.

Contactos institucionais
No encontro de Promagal da pasada semana, o secretario da federación, Óscar Piñón, deu conta da reunión mantida recentemente polas asociacións co director xeral de Ordenación e Producción Forestal, Tomás Fernández Couto, ó que se lle trasladou a preocupación dos propietarios forestais en relación a cuestións como a praga do gorgullo, as incertidumes sobre o eucalipto nitens, os problemas que se están a dar cos permisos de cortas ou a necesidade de abrir vías de exportación para o eucalipto.

Para hoxe está prevista unha nova reunión de todas as asociacións forestais de Galicia coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información