Os produtos lácteos de Kalekói súmanse ao selo Artesanía Alimentaria de Galicia

Os produtos lácteos de Kalekói súmanse ao selo Artesanía Alimentaria de Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, confirmou hoxe a adhesión da empresa láctea lalinense Kalekói ao selo de calidade Artesanía Alimentaria, ao facerlle entrega aos seus responsables das licenzas de uso da marca e das cartas de artesáns.

Así, esta firma lalinense súmase á trintena de empresas e ás arredor de 50 persoas artesás rexistradas neste distintivo de calidade promovido para diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como para protexer os seus produtores.

O director destacou que os produtos lácteos da firma lalinense Kalekói poderán diferenciarse agora no mercado co selo de Artesanía Alimentaria. Este distintivo garantirá que a obtención das producións se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas e aos procesos de elaboración autorizados, ao seu modo de presentación e a como deben ser a rastrexabilidade e o control.

Na súa intervención, José Luis Cabarcos lembrou que este selo de calidade diferenciada busca promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás de alimentos de alta calidade, facilitar a diversificación económica das explotacións agrarias e o incremento do valor engadido das producións locais e mellorar as rendas e fixar poboación nos medios rural e litoral. Tamén fomentar métodos tradicionais de elaboración e desenvolver unha gama de produtos diferenciados de calidade, potenciar circuítos curtos de comercialización que permitan o contacto directo entre as persoas produtoras e as consumidoras e promover a visibilización e a participación activa das mulleres en todas as dimensións da actividade artesanal alimentaria.

No caso de Kalekói, cuxas instalacións están situadas en Lalín e a gandaría familiar da que se abastecen en Rodeiro, a principal materia prima é o leite, co que diariamente elaboran iogur e quefir, ademais de envasar leite pasteurizado. En 2020 apostaron por vacas cunha xenética seleccionada que permite obter leite carente de beta-caseína A1, e que dá lugar ao coñecido como leite A2, converténdose na primeira empresa galega que sacou ao mercado unha gama de iogures elaborados con este leite que permite unha mellor asimilación dos nutrientes ao noso organismo. Nos produtos manteñen a esencia dunha elaboración natural, conservando a receita familiar e coidando especialmente a materia prima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información