Os produtos galegos con DO ou IXP facturaron máis de 660 millóns de euros en 2023, un 5% máis

produtos galegos agacal 1A Consellería do Medio Rural destaca o valor da produción agroalimentaria de calidade certificada galega, na que se inclúen 35 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas e os produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). O seu valor en 2023 ascendeu a máis de 660 millóns de euros, superando nun 4,6 % o acadado no ano anterior, dos cales preto de 548 millóns se corresponden coas DOP e IXP e algo máis de 113 coa produción ecolóxica.

O sector vitivinícola e o cárnico constitúen o 73 % do valor total das producións agroalimentarias de calidade galegas. Dentro destes ámbitos, destacan a Denominación de Orixe Rías Baixas e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Por outro lado, o ámbito da produción ecolóxica liderado polo Craega supuxo o 17 %, achegando 113 millóns de euros. En consecuencia, o 10 % restante pertence a produtos de orixe animal (queixos e mel), bebidas espirituosas, produtos de orixe vexetal e produtos de panadería e repostería. En cada un destes grupos, os produtos máis salientables en función do seu valor do mercado son os que se atopan baixo a DOP Arzúa-Ulloa, a IXP Licor Café de Galicia, a IXP Pataca de Galicia e a IXP Pan de Cea.

Actualmente existen amparadas á produción alimentaria de calidade máis de 23.500 explotacións agrarias e case 1.250 industrias transformadoras e comercializadoras. Cabe contextualizar que as producións ao abeiro destes selos de calidade son só unha parte minoritaria da produción agraria galega -menos do 15 % do valor-, pero supoñen a panca de acción do sector alimentario por trasladar a el prestixio e reputación.

Galicia é un referente no conxunto de España en canto a producións con certificación de calidade, sendo a terceira comunidade autónoma con máis DOP e IXP co 10 % de todas as rexistradas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información