A Unión Europea (UE) non vai incluír o principio de “tolerancia cero” para os residuos de pesticidas no regulamento europeo sobre agricultura ecolóxica que está a preparar.
Así o acordaron esta semana en Riga (Letonia) os ministros de Agricultura dos 28 Estados membros da Unión Europea nunha reunión informal, na que se decidiu non considerar a “tolerancia cero” no novo regulamento comunitario que debería ser aprobado polo Consello de ministros de Agricultura, que se reunirá formalmente o próximo 16 de xuño. Antes diso, o día 5 de xuño ten lugar outro encontro para pechar o compromiso en torno aos residuos de praguicidas.
Aínda que en termos xerais se permitirá certa presenza de restos de pesticidas, os países partidarios desa “tolerancia cero” poderán aplicar esa cláusula nos seus mercados nacionais, aínda que nas importacións doutros estados membros ou de terceiros países deberán aceptar uns niveis máis altos.
O argumento para non incluír a cláusula de “tolerancia cero” é a de que algúns cultivos poden ser lixeiramente contaminados por produtos utilizados en explotacións próximas, quedando por iso automaticamente descartados do certificado ecolóxico.
O novo regulamento deberá ter antes da súa entrada en vigor o visto e prace do Parlamento Europeo (PE), o Consello Europeo e a Comisión Europea (CE).