“Os produtos auténticos, que nacen da terra, van ser un luxo”

Falamos con Juan José Delgado, o creador de Bigcrafters, a plataforma de e-commerce de Hijos de Rivera que acolle a un cento de pequenos produtores agroalimentarios

“Os produtos auténticos, que nacen da terra, van ser un luxo”

Juan José Delgado, xeral manager de MOVE Estrella Galicia e creador de Bicrafters

Bigcrafters Grandes Artesanos defínese como a plataforma de e-commerce dixital de produtos artesáns, impulsada por Hijos de Rivera. Naceu en 2020 coa pandemia pola necesidade da marca cervexeira de reinventarse e introducirse na venda online de produtos, pero no 2021 abriron o seu espazo aos pequenos e medianos artesáns, que necesitaban axuda para poder competir nun mundo tan dixitalizado. Actualmente xa son máis de 100 produtores con espírito artesán e máis do 50 % están localizados en municipios por baixo dos 30.000 habitantes.

Juan José Delgado, xeral manager de MOVE Estrella Galicia e creador de Bigcrafters, lembra que cando naceu o seu proxecto “moitos medianos e pequenos artesáns achegábanse a nós para pedirnos participar na venda dixital de produtos que son diferentes, que teñen un espírito artesán e que contan con historia”. Por iso, transformaron a plataforma inicial de La Cervecería da Resistencia, na que só había produtos de Hijos de Rivera, a Bigcrafters Grandes Artesanos, onde eses produtores poderían vender online, “xa que pola súa conta sería case imposible”.

Delgado indica que os artesáns téñeno todo: un produto diferencial, de alta calidade e con historia. O único problema está en como ser competitivo nunha era na que a dixitalización arrasou con todo e é complexa, “por iso creamos Bigcrafters”.

O obxectivo principal desta plataforma é axudar aos pequenos e medianos artesáns a poder contar a súa historia, á parte de permitirlles levar os seus produtos ás casas. “É unha xanela de oportunidades para estes produtores que son incapaces de chegar a un volume de público considerable para contar a súa historia e dicir que son diferentes”.

“Os pequenos produtores artesáns téñeno todo: un produto diferencial, de alta calidade e unha historia”

Desenvolvemento do proxecto
Durante case un ano, Hijos de Rivera vendeu os seus produtos baixo La Cervecería da Resistencia, que era o Marketplace propio. En 2021, “tras a petición dos artesáns, abrimos a nosa área a eses produtores e lanzamos Bigcrafters”.

O crecemento foi de maneira gradual, pero segue aumentando aos poucos. Actualmente xa contan con máis de 100 produtores cos que buscan potenciar a “España baleirada” “e que eses produtores poidan seguir sendo competitivos na era dixital”.

Polo momento, os artesáns teñen a oportunidade de vender en España, pero a ambición é chegar a un mercado máis amplo. O creador da plataforma indica que para os produtores xa é un mercado bastante amplo: “Soamente con chegar ao mercado nacional é un salto importante. Seguimos construíndo o proxecto nacional, pero non descartamos a internacionalización”.

Imaxe de como se ve a plataforma ao abrir a páxina web

Imaxe de como se ve a plataforma ao abrir a páxina web

Requisitos para formar parte da plataforma
“Ser inconformista, artesán e diferente”, así resume Juan José Delgado os requisitos para entrar na plataforma. Estas son o tres principais calidades que buscan para formar parte de Bigcrafters. Ademais, unha das grandes recomendacións que realizan para entrar neste proxecto é “que se deixen axudar, que se rodeen de xente, ben de Bigcrafters ou doutros profesionais, que lles brinden axuda, porque ir a un mercado tan competitivo é moi complexo”.

Unha cousa é comercializar e levar os produtos e outra é competir nun mercado online

O impulsor da plataforma destaca que o comercio electrónico cada vez está máis aberto e desde a pandemia moitos artesáns comercializan online, “pero para min o factor diferencial é a comunicación”. Destaca que Bigcrafters é unha canle moi boa de comunicación e de contar a historia, “que é o máis difícil”, e así poder captar a atención dos consumidores.

A plataforma alcanza máis dun millón e medio de visitas, polo que brinda un volume que un artesán é difícil de que chegue. “Vendéronnos que enseguida se comercializa online, pero unha cousa é comercializar e levar os produtos, e outra é competir nun mercado online”, subliña Delgado.

Proxecto colaborativo
Ao longo destes anos, creouse unha comunidade que actualmente participa na toma dalgunhas decisións. “É unha plataforma centralizada, empuxámola nós como iniciativa propia, pero ten a ambición de abrirse”, indica o creador. Recalca que co paso do tempo seguirán abrindo máis decisións á comunidade para que “acabe sendo un proxecto da xente”.

O compromiso que ten a plataforma é que de todas as vendas que se fan, o 5 % reverte sobre os artesáns. Faino a través do programa de aceleración dixital de artesáns.

“Démonos de conta da gran necesidade que teñen estes artesáns por conseguir visibilidade nas contornas dixitais”, explica Delgado. Engade que con este programa selecciónanse aos mellores artesáns que están na plataforma e bríndaselles unha visibilidade extra, con máis espazo na web, na newsletter e mesmo con campañas para que a xente coñeza estes proxectos, “que son descoñecidos”.

Aquilo que é auténtico, que se fai con agarimo e con ese espírito artesán vaise a converter no luxo da próxima década

Este programa realizouse por primeira vez o pasado ano e seleccionáronse 4 gañadores dos 16 finalistas. O único requisito para participar é formar parte da plataforma e ter apoio da comunidade. “É un proxecto colaborativo e aqueles que son seleccionados terminan sendo apoiados pola comunidade. Os actuais gañadores teñen en activo un plan específico de comunicación para poder contar as súas historias e para o ano haberá novos gañadores”.

O futuro do rural
“Hai unha oportunidade moi clara no rural”, sentencia o creador da plataforma e engade que poder consumir un bo produto de orixe galega “non sei se vai ser para o día a día ou vai ser un luxo”. Indica que o rural ten moito futuro e que a industrialización xa arrasou con todo “polo que aquilo que é auténtico, que nace da terra, que se fai con agarimo e con ese espírito artesán vaise a converter no luxo da próxima década. No futuro é onde hai que estar, en ter esa autenticidade que cada vez se perde máis”.

Para conseguir estar nese punto, Delgado resalta que a clave está na marca, o posicionamento e en saber transmitir a mensaxe. “Moitas veces, a xente cando vai á o mercado di “isto é moi caro”, pero realmente non saben ou non lles soubeches contar a historia de porqué ten ese valor o produto”. Conclúe afirmando que o reto actual é pór uns atributos á marca e contar a historia aos consumidores, para así conseguir uns produtos diferenciais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información