Os agricultores e gandeiros galegos poderán incrementar ata en 1,3 millóns de euros a axuda básica á renda da PAC grazas aos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, tal e como se explica nun informe da Consellería do Medio Rural avaliado hoxe polo Consello da Xunta.
Así, os que participen en iniciativas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario ou as agrupacións de xestión conxunta poderán acceder aos dereitos de apoio á renda básica para a sustentabilidade da reserva nacional. Xa que logo, isto poderá beneficiar os xefes de explotación que participen en programas de reestruturación, no marco dunha intervención pública legalmente regulada, cuxo obxectivo sexa evitar ou reverter o abandono de terras, é dicir, neste caso, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Esta medida podería beneficiar actualmente os arrendatarios das 2.469 hectáreas alugadas (ou en proceso de arrendamento) a través do Banco de Terras para usos agrogandeiros e no futuro os arrendatarios das 1.255 ha actualmente dispoñibles no Banco con usos vinculados a aproveitamentos agrícolas e/ou pecuarios.
Desta forma, establécense máis incentivos e facilidades para a posta en produción de terras que se encontran actualmente en estado de abandono ou infrautilización tanto por parte de agricultores xa establecidos como de novos entrantes.
Do mesmo xeito, poderán acceder a estes dereitos os produtores dos terreos destinados a usos agrogandeiros nas 574 hectáreas das 21 aldeas modelo actualmente declaradas en Galicia, das cales unhas 350 ha xa poderían incorporarse na convocatoria da PAC deste ano.
Así mesmo, terán acceso ás axudas da reserva nacional algo máis de 4.800 ha das máis de 9.300 en que se están a desenvolver os 34 polígonos agroforestais, xa que esa é a superficie prevista nestes instrumentos para usos agrogandeiros.
Así, co obxecto de evitar o abandono de terras, poderán solicitar dereitos á reserva nacional os agricultores cuxas explotacións estean acollidas a programas de reestruturación relativos a algún tipo de intervención pública regulada por unha norma autonómica de rango de lei para ese fin, tales como bancos de terras ou instrumentos de mobilización, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas.
Os agricultores en activo que desexen solicitar dereitos de apoio á renda básica para a sustentabilidade con cargo á reserva nacional deberán presentar a correspondente solicitude, xunto coa documentación requirida, no prazo de presentación cada ano e ante a autoridade competente correspondente.