Os produtores de Suprema convocan protestas polos baixos prezos da carne e os recortes na PAC

Manifestaranse cos seus tractores o día 18 polas rúas de Lugo e manteranse concentrados despois de xeito permanente diante do edificio da Xunta e da Subdelegación do Goberno

A entrada e saída de camións de Novafrigsa permanece cortada desde as 10 da noite deste luns. Os gandeiros non deixan nin entrar animais nin saír carne procesada. Na imaxe, bloqueo dun camión frigorífico da empresa Valín e Hijos cargado de carne

Os produtores de Suprema mantiveron bloqueados os matadoiros hai un ano durante a folga do transporte. / Arquivo.

“Non temos nin prezo nin axudas”. Con esta frase resume Santiago Rego, presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, a situación na que se atopa o sector produtor de carne de vacún e os motivos que levan aos produtores amparados pola IXP Ternera Gallega a convocar accións de protesta a partir do martes 18 de abril.

Despois de meses agardando a que a situación mellorase e tras recibir promesas de todo tipo por parte das Administracións, aos gandeiros de Suprema esgotóuselles a paciencia e sairán á rúa cos seus tractores a facer oír a súa voz.

Será nunha manifestación en Lugo que partirá o martes 18 ás 11:30 horas do Polígono industrial das Gándaras para percorrer as principais rúas da cidade, como a Avenida da Coruña ou a Ronda da Muralla, e rematar diante da sede da Subdelegación do Goberno e do edificio administrativo da Xunta de Galicia, onde os gandeiros teñen intención de permanecer despois de xeito indefinido.

Os gandeiros acudirán a Lugo cos seus tractores e os seus animais

As protestas están organizadas pola Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que foi a lista máis votada nas recentes eleccións á IXP Ternera Gallega, aínda que o presidente do colectivo convocante móstrase aberto a que participen outras organizacións. “Non pechamos as portas a ninguén nin excluímos a outros colectivos que se queiran sumar, porque nós o que estamos defendendo é ao sector no seu conxunto”, afirma.

Prezos en orixe que non cubren os custos de produción

Entre os motivos para saíren á rúa están os baixos prezos, os altos custos de produción e o “recorte” nas axudas da nova PAC. “O problema de baixos prezos non se resolveu, seguimos sen chegar aos custos de produción, que a propia Xunta fixou, con datos do 2021 que xa están obsoletos, en 6,20€ por quilo, cando neste momento os prezos de venda móvense entre 5,70 e 5,80 euros/kg”, explica Santiago Rego.

Está a entrar carne doutros países de dubidosa trazabilidade e control

O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema quéixase de que ao consumidor subiulle a carne nos supermercados e carnicerías un 20%, mentres aos produtores non lles foi repercutida na mesma medida esa revalorización, polo que piden á Administración que faga un seguimento da cadea de valor para identificar os elos nos que se está a producir o incremento.

Fannos asinar contratos nos que se di que os prezos que nos pagan cubren os custos de produción cando non é certo

Os gandeiros séntense “atrapados nun sistema dominado polos matadoiros e a distribución” no que non teñen “ningún tipo de marxe de manobra”. “Existe unha presión enorme da industria, por parte de distintos operadores, para que asinemos contratos con cláusulas que din que os prezos que nos pagan cubren os custos de produción, tal como establece a Lei da Cadea Alimentaria, cando non é certo, pero se non os asinamos ameázannos con non levarnos os becerros”, denuncian.  

Do mesmo xeito, quéixanse de que non existe por parte nin da Xunta nin do Ministerio control de ningún tipo sobre os custos de produción, dado que “os cereais pegaron unha baixada significativa pero o prezo do penso séguennolo cobrando a 500€ a tonelada”, din.

Recortes na nova PAC

Outro dos motivos que desencadeou as protestas é a entrada en vigor da nova PAC, na que o sector do vacún de carne se sente “prexudicado e marxinado”. “Non acabamos de entender por que a nós se nos paga por vaca nodriza unha prima de 85€, moito menos que no caso dunha vaca de leite”, comparan.

 A axuda asociada por vaca nutriz leva unha década estancada, non se subiu desde o 2014

Outro dos “recortes” que critican é o das axudas agroambientais para fomento de pastos e  produción ecolóxica, onde se aplica un criterio de degresividade a partir das primeiras 50 hectáreas de superficie. “Afecta ás explotacións máis profesionais. A Consellería fala sempre de que quere profesionalizar o sector pero despois todas as medidas van en contra dos que vivimos disto”, denuncia Santiago Rego.

“Quen é o que vai producir os alimentos?”, pregunta. “Porque ao produtor non nos saen os números e se non se quere castigar ao consumidor vía prezo, debemos recibir unhas axudas da PAC que nos compensen esa diferenza”, argumenta o presidente dos produtores de Gandeiros Galegos de Suprema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información