Os produtores de porcino reclaman axudas para exportar a terceiros países

O presidente de FEGAPOR considera que as axudas ao almacenamento privado de carne de porco aprobadas pola Unión Europea “só benefician aos industrias pero non aos produtores”

Os produtores de porcino reclaman axudas para exportar a terceiros países

Leitóns nunha explotación

A Comisión Europea aprobou o pasado mércores un novo paquete de axudas para o almacenamento privado de carne de porcino co obxectivo de conter a forte caída de prezos aos produtores, que xa perciben menos de 0,90 euros por quilo.

Con todo, os produtores de porcino galegos non están de acordo con esta medida, ao considerar que “está máis pensada para axudar á industria que aos produtores”.

“A industria vai almacenar esta carne e dentro de catro ou cinco meses, cando os prezos empecen a subir para os produtores ata 1,30 euros quilo, vaina quitar ao mercado para baixar os prezos de novo a un euro”, lamenta José Antonio Vidal, presidente da Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR).

“É o que sucedeu coas axudas de marzo e vai pasar tamén agora. Con estas axudas ao almacenamento o gandeiro sempre perde e a industria sempre gana”, prognostica.

José Antonio Vidal advirte de que a situación para os gandeiros de porcino “é desastrosa, con prezos reais que están entre os 0,85 e 0,80 euros o quilo”.

Fegapor: “As axudas ao almacenamento privado só benefican á industria”

Como solución efectiva para retirar do mercado español o exceso de carne de porco, o presidente de FEGAPOR propón “axudas á exportación a terceiros países como Corea do Sur, China ou Xapón, de forma que non nos fagamos competencia interna dentro da Unión Europea”.

Vidal pide que se actúe nesa dirección xa que, segundo prevé, o aumento de stock de porcos cebados vai aumentar nas próximas semanas debido a que os matadoiros estarán menos días abertos polas festividades de Nadal.

UPA demanda axudas directas aos produtores

Ademais, o presidente de FEGAPOR móstrase contrario ás axudas directas aos produtores, “pois non debería habelas nun mercado libre”.

Pola contra, o sindicato UPA si que pide axudas directas ao porcino para complementar o almacenamento privado. “As explotacións de porcino con maiores dificultades deben recibir axudas directas para evitar a súa ruína e compensalas pola caída de prezos da carne de porco dun 30% desde o mes de agosto”, aseguran. Actualmente os prezos do porco cebado en lonxa están en menos de 0,90 euros o quilo, mentres que o custo de produción segue en 1,20 €.

En Galicia hai preto de 1.000 produtores de porcino en ciclo pechado e uns 2.500 cebadeiros de porcino. España é o cuarto produtor a nivel mundial despois de China, EEUU e Alemaña. É o segundo produtor máis importante da UE, cunha produción de máis de 6.000 millóns de euros e un censo de 25 millóns de cabezas.

Novidades das axudas ao almacenamento privado

Como novidades das axudas aprobadas pola Comisión Europea, a contía increméntase de media preto dun 20% respecto ao anterior almacenamento, en marzo deste ano. A cantidade mínima por contrato será de 10 toneladas para os produtos desosados e 15 toneladas para o resto, mentres que se esixirá unha fianza do 20% do valor da axuda concedida aos produtos contratados.

Ademais, nesta ocasión inclúense as graxas subcutáneas (touciño) con ou sen cortiza, quedando fóra o resto de subprodutos e refugallos e por primeira vez inclúense os leitóns de ata 20 quilos.

Permítese así mesmo a saída anticipada desta carne sen penalización, sempre que o seu destino sexa a exportación a terceiros países e cumpra un mínimo de 60 días de almacenamento. Neste novo período de almacenamento, que comezará o 4 de xaneiro, recupéranse os suplementos diarios, que foron suprimidos na operación de marzo de 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información