Os produtores de porcino demandan axudas para baixar a produción

O presidente de Fegapor considera que “unha medida efectiva sería axudas para baixar o censo de porcas nai”. Discrepa da proposta de COAG de pedir liñas de crédito ao Ministerio

Os produtores de porcino demandan axudas para baixar a produción

O presidente da Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR), José Antonio Vidal, denuncia a difícil situación pola que están a pasar as explotacións de porcino non integradas, que supoñen arredor do 80% das existentes na comunidade.

En concreto, recorda que dende hai máis de seis meses están vendendo a perdas polos baixos prezos do mercado español: unha media de 1 euros por kilo vivo cando os custos de produción estímanse en 1,20 euros por kilo. “A perda media en Galicia que están soportando os produtores é de arredor de 25 euros por porco cebado e 8 a 10 euros por leitón destetado”, asegura.

Unha situación que, segundo el, “ven dada polo exceso de produción existente en España”. Neste sentido, considera que unha medida efectiva para axudar ao sector “podería vir por subvencionar o sacrificio de porcas nais, por exemplo con 250 euros por cada unha, para baixar o censo e sacar menos carne ao mercado”.

FEGAPOR: “As axudas deben ser para reducir a produción, non para endebedar máis aos gandeiros”

Neste sentido, amósase en desacordo coa medida proposta esta semana pola Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), quen lle solicitou por carta ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente un paquete urxente de medidas de apoio aos gandeiros de porcino non integrados, entre as que destaca a posta en marcha dunha liña de financiamento a 10 anos de 250 euros por nai, a xuro cero e con dous anos de carencia, para as 24.000 explotacións de porcino de ciclo pechado non integradas.

“É un pequeno parche pero non resolve o problema, que é o exceso de produción no mercado, e ademais non estou a favor dos préstamos porque hipotecan máis ao produtor”, asegura o presidente de FEGAPOR. Asemade, lembra que “un dos requisitos que se solen establecer neste tipo de liñas de financiamento público é a obriga de permanecer coa explotación durante 5 ou 10 anos, algo que na situación actual do mercado os produtores non están en disposición de poder cumprir”.

Posibles axudas por parte da Xunta e da Unión Europea

Ante esta situación, dende FEGAPOR están en conversa coa Consellería do Medio Rural para estudar a posibilidade de establecer axudas indirectas aos produtores de porcino. Trataríase dunha liña de axudas para obras de melloras das explotacións, sobre todo dende o punto de vista medioambiental.

Dende a Unión Europea tamén se están a estudar medidas de apoio ao sector, que atravesa unha crise en boa parte dos Estados Membros dende o veto de Rusia á importación de carne de porcino da UE. Neste sentido, este luns o Consello de Ministros de Agricultura da Unión acordou propoñer medidas de financiamento temporal que representarían unha axuda máxima de 15.000 euros por gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información