Os produtores de leite galegos inician o calendario de protestas polos baixos prezos

Este xoves arrinca en Lugo a mobilización convocada por Agromuralla diante da Xunta e a Subdelegación do Goberno. Unións Agrarias dará continuidade a vindeira semana ás protestas cunha concentración o día 11 diante de Lactalis e o 16 en Larsa

Tractorada en Lugo no ano 2015 convocada por Agromuralla nun momento de prezos baixos do leite

Tractorada en Lugo no ano 2015 convocada por Agromuralla nun momento de prezos baixos do leite

Os produtores lácteos galegos dan inicio esta semana ao calendario de actos en protesta convocados este outono polo incremento dos custos de produción e os baixos prezos do leite en orixe. A primeira das mobilizacións será a convocada por Agromuralla este xoves en Lugo con saída ás 12 da mañá de diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia. A vindeira semana Unións Agrarias dará continuidade ás protestas cunha concentración o día 11 diante de Lactalis en Vilalba e o día 16 en Larsa en Outeiro de Rei.  

Agromuralla, que engloba a gandeiros e gandeiras das provincias de Lugo e A Coruña, apela á solidariedade do conxunto da cidadanía, á que invita a participar nos actos de protesta, ao igual que apela “á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores”.

Agromuralla apela á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores e UUAA respóndelle acusándoa de ser unha “asociación minoritaria”

Pero semella que as súas peticións caeron en saco roto, vivíndose xa os primeiros enfrontamentos máis ou menos velados. “Neste marco non cabe a politización desta crise cuxos culpables son moi concretos como se pretende desde algunha asociación minoritaria. Este afán de protagonismo estéril solo vai valer para desenfocar os obxectivos sectoriais”, contestou este martes UUAA a Agromuralla nunha nota de prensa. 

Os tractores volverán ocupar a Ronda da Muralla

Os gandeiros sairán á rúa este xoves 4 de novembro en Lugo para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da enerxía, os combustibles e os pensos.

Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido polas rúas de Lugo, onde quedarán estacionados durante todo o día, igual que o estiveran durante semanas no 2015

A protesta arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, previa presentación por rexistro dun escrito coas reivindicacións, e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá, onde os gandeiros e gandeiras rexistrarán un escrito dirixido ao Ministerio de Agricultura coas súas demandas.

Momento “crítico” para as ganderías

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, asegura que “as granxas estamos a atravesar unha situación crítica debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite” e esixe ás Administracións “que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia”.

“Galicia non se pode entender sen o rural e o medio rural de Galicia non se pode entender sen ás 6.500 ganderías que producimos leite e as 11.000 que se adican á produción de carne”, dous sectores “en risco grave de desaparecer” polos baixos prezos en orixe, insiste.

Que a suba do leite nos supermercados se traslade ás granxas

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a “implicación directa” tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir “un prezo digno aos produtores que cubra os custos de produción”, tal como obriga a Lei da Cadea Alimentaria, e “medidas urxentes que eviten que se produzan nos vindeiros meses peches en cadea de explotacións”.

Para salvar o “momento crítico actual”, o presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite que se está a dar nos liñais dos supermercados “se traslade de xeito inmediato ás ganderías que o producen”. “Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño e o repartan entre as industrias e as cadeas de distribución sen que chegue ás granxas”, di, polo que reclama “unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite”.

UUAA manterá a presión sobre as empresas “que bloquean” a suba do leite

Pola súa banda, Unións Agrarias manterá a presión sobre as empresas lácteas “que están mantendo bloqueada” as posibilidades de subas do prezo do leite en orixe. Para acadar estes obxectivos UUAA mobilizarase o vindeiro día 11 diante de Lactalis e o 16 diante de Larsa para denunciar a actitude “intolerable” destas empresas, que están fomentando baixas nas cotizacións lácteas a pesar dos “brutais” custos de produción que están a sufrir as explotacións.

Para a organización agraria non cabe outra estratexia tras lograr que a distribución incremente o prezo de venda ao público e que logo esa suba non se traslade aos gandeiros. Desde UUAA apuntase que Larsa e Lactalis son as principais instigadoras para forzar a baixa as cotizacións lácteas “a pesar da grande rendibilidade que están a obter pola comercialización de produtos industriais”.

As concentracións que terán lugar nas vindeiras dúas semanas nas plantas industriais de Lactalis en Vilalba e de Larsa en Outeiro de Rei, supoñen un primeiro chanzo dun calendario de actuacións que UUAA anuncia “cada vez máis contundente”.  

Corrixir o diferencial negativo con respecto a outras comunidades

Algo no que coinciden Agromuralla e Unións Agrarias é na discriminación que sofren os produtores de leite galegos con respecto aos seus homólogos doutras comunidades. O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera necesario “que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de máis de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado” porque, di, “non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade demostrada se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea”, denuncia.

Desde UUAA insisten tamén en que “no último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional, unha cifra que xa sitúa ás granxas da comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción”, aseguran.

Os gandeiros galegos producen leite de calidade superior, cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal, un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses

“Os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do Ministerio de Agricultura, están a pagar un 20,45% máis pola alimentación das vacas e un 22,45% máis pola enerxía e o combustible. Esta situación dá como resultado que se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 32,73 cts/l, resulta practicamente imposible poder manter a actividade”, conclúe UUAA.

O sindicato agrario lembra que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do Estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal, “un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses e que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media”, conclúen.

Apelación á solidariedade do conxunto da cidadanía

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro pide a toda a poboación, teña ou non vinculación directa co medio rural, que este xoves se mobilice en defensa duns “prezos xustos para os produtores de leite que permitan a supervivencia das explotacións e o mantemento da vida e a actividade económica nas zonas rurais”.

Pérez Barreiro lembra que se trata dun “sector esencial que durante a pandemia sanitaria demostrou o seu compromiso e traballo para alimentar á cidadanía” e que “está en xogo o medio de vida de miles de familias que producen leite e carne e manteñen vivo o medio rural de Galicia”, insiste.

Durante os meses de confinamento seguimos traballando para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos; agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade

“Durante os meses de confinamento e pandemia sanitaria recibimos moitas mostras de apoio e agradecemento porque os gandeiros e gandeiras seguimos traballando todo este tempo para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos. Agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade apoiando a nosa xusta e lexítima reclamación duns prezos dignos que cubran o incremento de custos de produción que estamos a sufrir nos últimos meses as explotacións por unha suba insostible da luz, os pensos e o gasóleo e que está a afogar ás granxas”, asegura José Luis Pérez Barreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información