Os produtores de coello preparan mobilizacións para as vindeiras semanas

Este venres acordaráno calendario de mobilizacións en Galicia . Unións Agrarias e as cooperativas COGAL e AGACA demándanlle á Consellería do Medio Rural un plan de apoio ao sector cunícola con axudas de mínimis e medidas de apoio financeiro.

Os produtores de coello preparan mobilizacións para as vindeiras semanas

Os produtores de coello preparan mobilizacións a nivel de todo o Estado en protesta pola crise de prezos que atravesa o sector, cunhas cotizacións que dende o ano 2014 non cobren os custos de produción, situados en 1,80 € por kilo. En Galicia, comunidade que produce o 15% da carne de coello de España, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego convocarán este venres aos produtores a unha asemblea na que decidirán o calendario de protestas que terán como un dos seus obxectivos á gran distribución, á que acusan de banalizar a carne de coello.

Fracaso da reunión do Ministerio con Intercún debido aos desacordos entre produtores e matadoiros

Para buscar unha saída á crise do sector cunícola, reuníronse esta mañá en Madrid representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, primeiro por separado e logo en conxunto, coas dúas partes da Interprofesional do Coello (Intercun): produtores e matadoiros. O enfrontamento entre as dúas partes ten paralizada Intercun dende hai meses, xusto nun momento de crise de prezos do sector, e o Ministerio está a mediar para restablecer as relacións na interprofesional para que esta negocie cunha soa voz coa distribución.

Sen embargo, segundo o representante de COAG e do Sindicato Labrego Galego en Intercun, Xosé Luis Santaclara, o resultado da reunión desta mañá foi decepcionante. “Na primeira reunión dos sindicatos e de Conacún co Ministerio pedímoslle a este que tutelase Intercun durante un período transitorio para restablecer o equilibrio entre produtores e matadoiros, e tamén que se establecese unha paridade na extensión de norma, xa que os produtores achegamos 0,01 euros por quilo e os matadoiros só 0,002 euros ou a súa paralización se non hai acordo”, explica Santaclara.

“Porén -lamenta- a resposta do Ministerio foi que non pode tutelar Intercun e que a extensión de norma é difícil modificala”.

Tampouco houbo avances na reunión posterior entre o Magrama e industrias e produtores. Neste sentido, COAG e Conacún anunciaron que “se na vindeira reunión do 18 de novembro non chegamos a un acordo de paridade na extensión de norma e de entendemento para o futuro do sector dentro de Intercún imos pedir a disolución da interprofesional do coello”, asegura Xosé Luis Santaclara.

Mentres se celebraba a reunión un grupo de cunicultores de Tarragona, pertencentes a ASAJA, protestaba ante as portas do Ministerio esixindo solucións para o sector.

Unións Agrarias, AGACA e COGAL reclaman á Xunta un plan de apoio ao sector

En paralelo ás negociacións en Madrid, o sector cunícola está a demandar tamén unha actuación por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, a finais do pasado mes unha delegación de representantes de COGAL, a principal cooperativa cunícola galega, da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e de Unións Agrarias reuníronse en Santiago de Compostela coa nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para trasladarlle as demandas dun sector no que Galicia produce o 15% da carne de coello de España.

Santalla: “O sector cunícola galego corre gran risco de quebra”

Román Santalla, responsable de Unións Agrarias, e presente na reunión, advirte de que “aínda que na última semana melloraron algo os prezos, hai grande preocupación no sector porque as previsións para decembro e xaneiro non son boas, co cal volveríamos a unha situación de non cubrir custos”.

Neste sentido, Santalla advertiu de que “ou desde a Consellería se toman medidas no asunto e a situación actual se ve como algo conxuntural ou senón o sector cunícola galego corre gran risco de quebra, aínda que dispoña de grandes cooperativas”.

Para iso, os representantes do sector pedíronlle á Consellería de Medio Rural un plan de apoio, similar ao posto en marcha para as explotacións lácteas, que inclúa axudas directas baixo forma de mínimis; liñas de apoio financeiro que inclúan a refinanciación dos créditos; retirada de carne de coello do mercado para destinala a axuda humanitaria e social e unha campaña de promoción de consumo do coello galego, pois o consumo medio baixou nos últimos anos ata os 1,3 kilos per cápita en Galicia.

O Sindicato Labrego Galego e Cunigalicia tamén veñen de solicitar unha reunión coa conselleira para trasladarlle a situación do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información