Os produtores de coello consideran insuficientes as axudas anunciadas pola Xunta

Os produtores de coello consideran insuficientes as axudas anunciadas pola Xunta

Produtores manifestándose en Santiago o pasado mes de outubro

A Xunta achegará un total de 250.000 euros en axudas para mellorar a liquidez das explotacións galegas de cunicultura. Así o anunciou este mediodía a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras asistir en Madrid ao Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. A conselleira sinalou que estas achegas terán a consideración de axudas de mínimis e servirán para amparar a “situación delicada” pola que está a atravesar este sector.

E precisamente a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse hoxe en Santiago con representantes do sector cunicultor para trasladarlles os detalles desta convocatoria, que se fará efectiva en breve prazo a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Poderán beneficiarse destes fondos as granxas con censo actualizado a 31 de decembro de 2015 e que posúan máis de 200 reprodutoras. Calcúlase que serán unhas 230 explotacións en toda Galicia, que recibirán unha axuda aproximada de 3 euros por cabeza reprodutora.

As axudas convocaranse en réxime non competitivo e a súa contía establecerase seguindo uns criterios acordados co sector en función do número de femias reprodutoras censadas en cada explotación.

O sector considera as axudas insuficientes

Sen embargo pola parte dos produtores que participaron na reunión consideran estas axudas “claramente insuficientes”. Así, dende Progacun, unha organización de produtores que agrupa a unhas 50 das 230 granxas de coello que quedan en Galicia, a súa representante, María Antonia Ramos, estima que “tocaremos de media a uns 1.000 euros por explotación e de máximo a 1.500, unha cantidade que non resolve a grave falta de liquidez que están a padecer moitas explotacións”. En comparación, lembra que “no ano 2007, nunha crise de prezos que non era tan grave coma esta, daquela a Xunta de Galicia concedeunos entón unha axuda de ata 7.500 euros por explotación”.

Progacun: “En 2007 a Xunta deunos un máximo de 7.500 euros por explotación, mentres que desta vez será un máximo de 1.500 euros”

A representante de Progacun advirte de que “no que vai de 2016 o prezo medio en orixe do coello para o gandeiro está en 1,42 euros o quilo, mentres que no mesmo período de 2015 foi de 1,59 euros e en 2014 situouse en 1,74 euros o quilo”. Cuns custos de produción que roldan os 1,85 euros o quilo, María Antonia Ramos advirte de que “todos os cunicultores están moi afogados, e mesmo hai algúns aos que as empresas de penso xa non lles van servir penso se non lles pagan”.

Polo demais, na reunión de hoxe a Directora Xeral de Gandería informoulles aos representantes do sector de que a Consellería segue a traballar no establecemento de liñas de financiamento para as granxas, nunha campaña de promoción do consumo de carne de coello ou na redución dos custos para os produtores da retirada de cadáveres, aínda que sen concretar máis polo momento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información