Os produtores de coello advirten que dende 2009 desapareceron o 26% das explotacións galegas

Un grupo de cunicultores trasladáronlle as súas reivindicacións aos grupos do Parlamento de Galicia. Demandan á Xunta axudas de mínimis para dar liquidez ás explotacións e unha campaña de promoción do consumo de coello. O próximo día 24 concentraranse diante da Xunta

Os produtores de coello advirten que dende 2009 desapareceron o 26% das explotacións galegas

Rolda dos produtores de coello

Un grupo de cinco produtores de coello procedentes de distintas comarcas de Galicia, acompañados polo responsable de Gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias, reuníronse esta mañá cos distintos grupos do Parlamento de Galicia para trasladarlles as súas reivindicacións ante a crise de prezos que vive o sector dende hai ano e medio.

A delegación agradeceu a “receptividade” dos distintos grupos ante as medidas propostas para un sector que, segundo recordou Javier Iglesias, “leva dende hai ano e medio, dende o 2014, cuns prezos por debaixo dos custos de produción, cifrados en 1,80 euros o quilo”.

Iglesias lembrou que se trata dun sector moi importante xa que “Galicia é a segunda comunidade produtora de España, e só en empregos directos nas granxas traballan entre 650 e 700 persoas, aos que lles hai que sumar os indirectos en matadoiros, transporte, fábricas de pensos ….etc”.

Javier Iglesias: “As explotacións precisan axudas de mínimis para facer fronte aos pagos”

Neste sentido, os produtores presentaron unha serie de medidas dirixidas á Xunta de Galicia para darlle liquidez ás 300 explotacións que, con datos do mes de abril -e antes das máximas caídas de prezos de xullo e agosto-, aínda quedan en Galicia, un 26% menos que as que había en 2009.

En concreto, a curto prazo demandaron unha liña de axudas de mínimis para dotar de circulante a estas explotacións e que podan fronte aos pagos, así como unha compaña de promoción do consumo de coello, “unha carne moi saudable e a bo prezo, que a Xunta tamén podería apoiar introducíndoa nos menús dos colexios”, subliñou Iglesias.

María Antonia, produtora de Rodeiro: “Os prezos do coello na Lonxa de Madrid establécense de forma arbitraria”

E a medio-longo prazo, os produtores reclamaron a intervención da Administración Galega para dotar de transparencia á Lonxa de Madrid, o referente de prezos para Galicia.

Neste sentido, María Antonia Ramos, produtora de coello de Rodeiro (Pontevedra) criticou que actualmente na Lonxa de Madrid “non existe paridade na conformación dos prezos entre os produtores e os matadoiros, senón que se fixan de forma arbitraria” pola parte industrial.

 “O consumo per cápita de coello pasou de 3,1 kilos en 1988 a 1,2 kilos en 2015”

Así, esta gandeira lembrou que “durante este verán chegouse a pagar o coello ao produtor a 1,30 euros o quilo, cando só os custos de alimentación son de 1,40 euros por kilo”. Nas últimas semanas houbo unha recuperación dos prezos ata os 1,85 euros da pasada semana, que segundo María “non solucionan as perdas que vimos arrastrando ao longo de todo o ano”.

Igualmente, alertou sobre o descenso no consumo de carne de coello en España, “xa que se no ano 1988 estaba en 3,1 kilos por habitante e ano, neste momento está en 1,2 kilos”. A este respecto criticou que “nunca se dea carne de coello nos menús escolares, o que sería unha forma de promoción e permitiría que as novas xeracións se alimenten de forma saudable”.

Ante esta situación, os produtores de coello, que tamén teñen previstas mobilizacións no resto do Estado, concentraranse diante da sede da Xunta de Galicia en Santiago o próximo dia 24.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información