Os produtores de carne de vacún levan perdidos nos últimos 2 anos 12 millóns de euros polo incremento dos custos de produción

Unións Agrarias denuncia que a suba do prezo do penso e o gasóleo supón entre 50 céntimos e un euro de sobrecusto en cada quilo de carne producido

Un momento da concentración diante do edificio da Xunta de Galicia en Lugo

Un momento da concentración diante do edificio da Xunta de Galicia en Lugo

Un cento de gandeiros de vacún de carne da provincia de Lugo concentráronse este venres, convocados polo sindicato Unións Agrarias, diante dos edificios da Xunta de Galicia e a Subdelegación do Goberno para demandar medidas urxentes que palíen a situación que están a sufrir as súas explotacións como consecuencia do incremento dos custos de produción e a baixada de prezos da carne. 

Con este acto Unións Agrarias quixo poñer de manifesto a falta de rendibilidade das ganderías e o risco de peche e abandono da actividade que supón que esta situación se manteña nos vindeiros meses. “Son explotacións que case non alcanzan o salario mínimo interprofesional, pero de dan de vivir a 11.000 familias en Galicia”, destacou o  secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

O calendario de protestas continuará a vindeira semana en Ourense e a seguinte na Coruña

O calendario de protestas continuará a vindeira semana en Ourense e a seguinte na Coruña. “Non pararemos ata que polo quilo de carne se pague por enriba do que custa producilo, que é 5,35 euros”, avanza UUAA.  

“Desde fai máis de dous anos as explotacións de vacún de carne están vendendo por debaixo dos custos de produción. O peche da hostalaría e do turismo provocou unha baixada de prezos de máis dun 20% e esa situación viuse agravada polo incremento brutal que están a ter neste momento os pensos, a enerxía e o gasóleo e que vai a continuar nos vindeiros meses”, considerou Roberto García. 

O sector viña dunha situación, desde o 2015, de prezos baixos, que se agravou a raíz da pandemia

“As explotacións non poden continuar nin un día máis perdendo cartos. Os únicos elos da cadea de valor que están a manter os seus ingresos son os tratantes, os matadoiros e as cadeas de distribución, mentres que as explotacións non o están a facer”, denunciou.

Sector estratéxico

Das 11.000 explotacións de vacún de carne en base a vacas nodrizas que hai en Galicia arredor dunhas 6.000 ubícanse na provincia de Lugo. Son pequenas explotacións cunha media de entre 25 e 30 vacas situadas nas zonas demograficamente máis sensibles e onde a produción de carne é unha das actividades que contribúe a fixar poboación ao territorio.

“Estamos ante un sector maltratado polo Goberno e maltratado pola sociedade, criminalizado inxustamente e sen valorar o que fan as explotacións familiares en extensivo, que non só producen carne de extrema calidade, senón que xogan un papel contrario ao que se lles acusa, de xestión do territorio, de mantemento do medio ambiente e de loita contra o lume”, defendeu Roberto García. 

Demandas: axudas covid, Observatorio de Prezos e cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

A protesta, que se iniciou diante da Xunta, trasladouse a continuación á sede da Subdelegación do Goberno

A protesta, que se iniciou diante da Xunta, trasladouse a continuación á sede da Subdelegación do Goberno

UUAA demanda a posta en marcha de distintas medidas por parte da Xunta e o Ministerio para paliar a situación de falta de rendibilidade pola que atravesan as explotacións de produción de carne galegas.

Dunha banda, á Administración autonómica esíxenlle a posta en marcha tamén neste exercicio das axudas covid impulsadas o pasado ano para paliar os efectos da baixada das cotizacións e a posta en marcha dun Obsevatorio de Prezos.

Unións Agrarias calcula que cada explotación está a ingresar 200 euros menos en cada becerro que vende con respecto a antes da pandemia

Pola súa banda, ao Ministerio esíxenlle o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a asinar contratos homologados e impide a compra de produtos no campo por debaixo dos custos de produción. 

A suba dos pensos e os abonos está a repercutir nun encarecemento dos custos de produción en cada quilo de carne de entre 50 céntimos e un euro, en función das explotacións, mentres que a baixada de 40 céntimos en quilo no prezo de venda dos xatos fai que cada animal se pague uns 200 euros menos que fai dous anos. 

A suba dos pensos e os abonos encareceu entre 50 céntimos e un euro o custo de producir cada quilo de carne, uns 150 euros máis en xato

“A situación esixe non só medidas puntuais de axuda á renda destas explotacións, anticipando de xeito inmediato o cobro da PAC e pagando os danos que causa o lobo e o xabarín, senón outras de carácter estrutural”, reclamou Roberto García. “O que o gandeiro de carne quere, máis que lle dean subvencións, é que lle paguen polo seu produto o que realmente vale”, asegurou. 

O que o gandeiro de carne quere, máis que lle dean subvencións, é que lle paguen polo seu produto o que realmente vale

“Non pode ser que o quilo de carne de Ternera Gallega Suprema que sae da explotación pagado a 4,5 euros acabe chegando ao consumidor a 14 ou 15 euros, un 300% por enriba do prezo en orixe, unha ganancia que acaba nas mans de quen non aporta nada no sector”, concluíu o secretario xeral de UUAA.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información