O mercado da madeira encara o comezo do 2017 en Galicia con perspectivas de estabilidade. En eucalipto, Ence trasladoulle ás asociacións de propietarios que mesmo considera posible un repunte, tras a baixada de 2-3 euros que houbo ó longo do 2016. O piñeiro, pola súa banda, mantén as cotizacións dos últimos anos e recupérase das consecuencias dos lumes do verán.
Para analizar a situación do mercado, falamos con Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e tamén con Óscar Piñón, secretario de Promagal, o colectivo que agrupa ás asociacións de propietarios de eucalipto do norte galego.
Mercado tras os lumes
Comezando polo piñeiro, a maior novidade nos últimos meses veu derivada dos lumes do verán, que afectaron en especial a masas de piñeiro que estaban próximas a chegar a turnos óptimos de corta. Os lumes obrigaron a axilizar a saca da madeira afectada, para evitar no posible a súa perda de valor. Sen embargo, os prezos chegaron a caer ata 8-10 euros por tonelada en relación ó prezo que tería esa madeira en verde, polos datos que manexa a AFG.
A madeira de piñeiro afectada polos lumes vendeuse por 8-10 euros menos por tonelada do que valería en verde
A comercialización da madeira queimada xerou unha lixeira saturación do mercado que levou a propietarios, comunidades de montes e particulares, a retrasar poxas e vendas que tiñan previstas, se ben nos comezos do 2017 xa se está a normalizar a situación, segundo apunta Xosé Covelo.
En canto a prezos, continúa o diferencial entre o norte galego e o sur da comunidade, que presenta un maior dinamismo. Se na metade norte, os prezos por lote, con árbores para serra e para trituración, rondan de media os 28 euros, no sur pódense mover nunha media de 34, cun arco de 30-38 euros tonelada.
A madeira máis delgada, o puntal de piñeiro procedente de rareos, ronda os 14 euros de media, con cotizacións superiores no entorno da fábrica de cartón de Viana do Castelo (Portugal), que emprega pasta de coníferas.
A madeira para trituración certificada cos esquemas PEFC e/ou FSC tamén pode acadar pagos adicionais de 1-1,5 euros tonelada.
Perspectivas para o eucalipto
No eucalipto, as industrias aplicaron no 2016 unha baixada de 2-3 euros por tonelada que xustificaron na caída dos prezos da pasta de papel. De cara ó 2017, existe a incógnita de como evolucionarán as cotizacións da pasta, se ben Ence anuncioulle ás asociacións de propietarios do norte galego, agrupadas en torno a Promagal, que cría posible un repunte de prezos pola variación do cambio euro dólar.
A moeda europea, que nos últimos anos mantiña unha valoración por riba do dólar, vaise achegando a un cambio 1 euro = 1 dólar, o que é positivo para as industrias da pasta de papel, pois o mercado internacional traballa en dólares.
A diferenza mínima de prezo entre o ‘eucalipto globulus’ e o ‘nitens’ sitúase nos 7 euros por tonelada
Na actualidade, tras as baixadas do último ano, o prezo da madeira do eucalipto globulus móvese no entorno dos 27-31 euros (madeira en pé sen Ive), sempre falando de madeira con dobre certificación PEFC – FSC. En madeira sen certificar, os prezos rondan os 23 – 27 euros, dependendo de factores como o volume total do lote e a accesibilidade e características da parcela, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia.
Eucalipto nitens
O eucalipto nitens afondou nos últimos meses no diferencial co globulus. Se hai un ano, a diferenza mínima rondaba os 6 euros tonelada, agora sitúase nos 7 euros por baixo, movéndose o prezo da madeira desta especie nun tope de 24 euros por tonelada en lotes con dobre certificación.
Papel da certificación
Desde a Asociación Forestal de Galicia explican como a certificación da madeira, necesaria para as industrias para acceder ós mercados internacionais, xa se foi convertindo nunha obriga para os propietarios, pois de non contar o monte cunha certificación dual (FSC e PEFC) no caso do eucalipto, as industrias están a descontar ata 4 euros. Se se xestiona unha única certificación (FSC ou PEFC) o desconto pode quedar arredor dun euro tonelada.
“Desde a perspectiva da industria, fálase de primas por certificar o monte, pero tendo en conta que os prezos da madeira certificada son similares ós de hai uns anos da madeira sen certificar, deberiamos falar máis ben de penalizacións no caso de non certificar”, sinala Xosé Covelo.
Maior competencia no mercado do eucalipto
As maiores expectativas no mercado do eucalipto veñen dadas polo inicio de movementos de madeira en portos do norte galego que permaneceron parados ou con escasa actividade nos últimos anos, caso do de Burela (Lugo) e do de Cariño (A Coruña).
Os produtores de eucalipto agardan maiores movementos de madeira polos portos da Mariña
A firma portuguesa BSL, xestionada por Estima Reis, enviou este mes dous buques que sumaban máis de 10.000 toneladas con destino ó País Vasco. As perspectivas apuntan a que BSL continuará a actividade nos próximos meses tanto en Cariño como en Burela.
As asociacións de propietarios agrupadas en torno a Promagal consideran unha moi boa noticia o maior movemento de buques, pois entenden que a competencia é san para o mercado. Agardan ademais que BSL ou outros compradores lusos retomen a exportación de madeira a Portugal desde os portos da Mariña, que se paralizara no 2014.
“As pasteiras portuguesas, Portucel e Celvi, precisan de madeira e non teñen suficientes existencias en Portugal, polo que é previsible que retomen as compras en Galicia”, valora Óscar Piñón, secretario de Promagal.
Prezos en montes conveniados
A análise do mercado feita ata o de agora corresponde ós prezos que poden recibir particulares, asociacións de propietarios e comunidades de montes. Outra valoración merecen as cotizacións das poxas dos montes conveniados coa Xunta, pois no sector hai a dúbida de se eses lotes non se estarán a vender a prezos inferiores ós medios de mercado.
Os baixos prezos de partida nas poxas de montes conveniados xeran dúbidas sobre os importes das adxudicacións finais
Consultado sobre esta cuestión, Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia, recoñece o problema. “Á hora de facer valoracións dos prezos de mercado, nós sempre consideramos os prezos da Xunta con moita prudencia, pois nos montes conveniados adóitanse iniciar as poxas en valores baixos para facilitar a venda da madeira” -explica Covelo.- “Hai que recoñecer que ás veces os montes conveniados son superficies menos axeitadas para a produción e con lotes difíciles, pero outras veces trátase de lotes óptimos que tamén saen na poxa a prezos baixos”.
A cuestión é se os prezos baixos de partida desembocan nunha adxudicación final a un prezo menor ó que se podería acadar. É o interrogante que existe no sector.