Os prezos do leite seguen subindo pola baixada da produción e a ‘guerra’ entre industrias

En Galicia, as empresas pagaron de media en xullo 44,6 céntimos por litro, pero existen amplas diferenzas no campo, o que favorece os movementos de industrias e primeiros compradores que queren captar un maior suministro

Os prezos do leite seguen subindo pola baixada da produción e a ‘guerra’ entre industrias

Falta leite no mercado, tanto en España como no resto de Europa e a nivel mundial. É unha situación que vén marcada polo aumento dos custos de alimentación e polas secas estivais, que reduciron a produción en Europa. A consecuencia é que os prezos do leite continúan á alza.

O informe de prezos en España do mes de xullo, que vén de publicar o Ministerio, cifra o prezo medio de xullo en 46,3 céntimos (+ 2,5 céntimos en relación a xuño). No caso galego, o prezo situouse en xullo en 44,7 céntimos (+ 1,6 céntimos sobre o mes anterior).

A tendencia á alza é previsible que se manteña alomenos durante setembro, pois o verán veu marcado por unha significativa reducción da produción. Durante o mes de xullo, as entregas baixaron en España de media un 5% en comparación con xullo do ano pasado, en tanto a nivel galego reduciuse a produción arredor dun 3,2 %. Só en Galicia foron 8.000 toneladas menos entregadas en relación a xullo do pasado ano.

O problema para as industrias lácteas é que a caída de produción é a nivel mundial, co cal non se atopa leite no mercado para abastecer a demanda. Grandes zonas produtoras mundiais como Estados Unidos, Australia ou Nova Zelanda produciron menos leite nos últimos meses en comparación cos mesmos meses do pasado ano. En Europa, a maioría de grandes países produtores, como Alemania, Francia ou Irlanda, tamén reduciron entregas no que vai de ano en comparación co pasado exercicio.

Competencia entre industrias
O escenario é pois propicio para que exista no campo unha disputa real por captar granxas. Tanto industrias lácteas como primeiros compradores están nos últimos meses a trasladarlle ás ganderías ofertas mesmo no entorno dos 50 céntimos / litro, sobre todo a grandes explotacións coas que buscan asegurarse un maior abastecemento.

O problema é que, en paralelo, esas mesmas industrias e compradores manteñen contratos a prezos moi inferiores con outras ganderías, o que leva a que exista un amplo diferencial de prezos. “Con industrias como Reny ou Río constatamos este verán que teñen contratos no campo desde 35 céntimos a 47 céntimos, cun diferencial de 12 céntimos”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias.

A cuestión é que os contratos anuais asinados na primavera tiñan inicialmente un prezo moi inferior ó que é hoxe en día o prezo do leite. Parte das industrias, como Lactalis ou Celta, foron actualizando esos prezos dos contratos anuais en función da evolución do mercado, pero outras industrias foron máis reticentes a facer cambios “e hoxe quedáronse atrás en prezos”, valora Pose, que apunta nesa liña casos como o de Larsa.

Na organización de produtores de Unións, Ulega, as granxas que están con Lactalis ou Celta optaron por asinar contratos trimestrais que se revisarán a finais de setembro. “A perspectiva que temos é que haxa un incremento de prezos, xa que as entregas de leite mantéñense baixas e o leite nos supermercados chegou xa nas marcas brancas a arredor de 80 céntimos / litro (polos 60 céntimos de hai un ano), en tanto as primeiras marcas sitúanse por riba do euro”, sinala Pose.

O mercado mundial tamén acompaña, pois manteiga, leite en po e queixos seguen en cotizacións récord, se ben con algunha lixeira baixada nas últimas semanas, sobre todo no caso do leite en po. No campo, en Europa en xullo o prezo seguiu a tendencia á alza (+ 0,9 céntimos) e rachou a barreira dos 50 céntimos de media (50,3 céntimos na UE-27), segundo os datos do Observatorio Láctea da UE.

Alimentación animal e colleita de millo
Malia os bos prezos do leite, o horizonte para as granxas é de incertidume, pois os altos custos de alimentación animal son un serio condicionante. A iso hai que sumar a previsión dunha mala colleita de millo.

“En Mazaricos, o treito alto de prezos do leite nas granxas sitúase arredor de 47 céntimos / litro, algo por riba da media galega, pero coa alimentación animal as perspectivas non son boas. En millo, probablemente perdamos arredor dun 30% en comparación co pasado ano”, valora Óscar Blanco, da asociación Gandeiros de Mazaricos.

En zonas da Galicia central, as perdas na colleita de millo poden ser aínda maiores, o que abre a posibilidade de que unha parte das granxas decidan reducir cabezas, ben cunha menor recría ou mandando un maior número de vacas ó matadoiro.

“Polo de agora, en Galicia non se produciu esa situación de ter que matar animais polo aumento de custos, pero este ano a situación do millo é a que é. En zonas onde se sementase tarde, con solos lixeiros, as perdas na colleita van ser moi importantes” -sinala Óscar Pose-. “Outros anos podíase substituír ese millo coa compra de materias primas, pero ós prezos que teñen hoxe en día, é complicado”, valora.

Os prezos do penso tenden á estabilidade nos próximos meses

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información