Os prezos do leite manteñen a tendencia á alza

Galicia sitúase en 46,2 céntimos de media no campo, en tanto ráchase a barreira dos 50 céntimos en comunidades como Andalucía ou Cataluña

Os prezos do leite manteñen a tendencia á alza

Sala de muxido dunha granxa. / Arquivo.

O último informe de prezos do leite do Ministerio de Agricultura, correspondente ó mes de agosto, presenta un novo aumento de prezos do leite no campo, que chegan de media en España ós 47,6 céntimos (+1,3 céntimos en relación a xullo). En Galicia, o prezo medio en granxa situouse en agosto en 46,2 céntimos (+1,5 céntimos en relación a xullo).

A baixada da produción de leite nas granxas, lastradas pola seca e polos prezos dos pensos, é un dos factores que favorece este aumento de prezos do leite no campo. En España, no mes de agosto a produción caíu un 3,9% en comparación co mesmo mes do pasado ano, en tanto no global do que levamos de ano acumúlase un descenso do 1,7%.

Galicia mantén unha liña similar de descenso das entregas de leite, se ben inferior á media estatal, cunha baixada da produción en agosto dun 2,5%.

A contención da produción é común a nivel internacional, pois na UE 27 as entregas baixaron un 0,5 % no periodo xaneiro – xullo, en Estados Unidos un 0,6% e noutras grandes zonas produtoras, como Nova Zelanda, os descensos son maiores, cun -3,2 % no caso kiwi no que vai de ano.

Esa situación permite que se estean mantendo tanto bos prezos do leite no campo como cotizacións históricas dos lácteos industriais (manteiga, queixo, leite en po desnatado, etc.), que no último mes continuaron encarecéndose.

No campo, en España o leite xa superou a barreira dos 50 céntimos de media en comunidades como Cataluña (50,1) ou Andalucía (50), en tanto en Europa o valor medio previsto para agosto do leite en granxa é de 51,9 céntimos, segundo os datos do Observatorio do Mercado Lácteo da UE.

Perspectivas de produción
Ata cando se pode manter esta tendencia á alza?. Cómpre ter en conta dous factores principais, a evolución da produción e a situación de mercado.

Sobre a evolución da produción, tanto a UE como Estados Unidos presentaron en xullo un cambio de tendencia, cunha suba do 0,4% da produción europea ese mes, en comparación co mesmo mes do ano pasado; e cun aumento en Estados Unidos do 0,2 %, tamén en comparación con xullo do pasado ano. Se esa tendencia de aumento das entregas se consolidara, existe a posibilidade dunha baixada de prezos no campo, algo que xa sucedeu no último mes en Estados Unidos.

Outras grandes zonas produtoras, en cambio, mantiveron en xullo a tendencia de baixada das entregas e de aumento de prezos do leite en granxa, caso de Nova Zelanda ou Australia.

Mercado internacional
A segunda cuestión a ter en conta é a evolución do mercado internacional. China reduciu sensiblemente as súas compras no mercado internacional no primeiro semestre do ano, afectada aínda pola crise da Covid, con peches domiciliarios en grandes cidades que afectaron ó consumo. Queda por ver se o consumo chino comeza a repuntar ou asenta nos próximos meses esa liña descendente na compra de lácteos.

O principal suministrador de China é Nova Zelanda, pero a baixada da demanda china deixouse notar tamén en Europa, onde as exportacións en leite equivalente baixaron en volume un 11% no periodo xaneiro – xullo, en comparación cos mesmos meses do pasado ano. Con todo, a contención da produción europea, unida a unha demanda interior consistente, permitiu soster a tendencia de crecemento de prezos do leite no campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información