Os prezos internacionais do leite repuntan tras cinco meses de caídas

A subasta do Global Dairy Trade experimenta unha suba das cotizacións do 10%, se ben os valores continúan aínda moi baixos

A subasta de produtos lácteos da plataforma Global Dairy Trade, a principal referencia no mercado internacional do sector, experimentou a segunda suba consecutiva dos prezos tras máis de cinco meses de caídas continuas das cotizacións. Os prezos remontaron na sesión de onte un 10%, se ben, as cotizacións dos produtos de referencia no mercado internacional seguen en niveis moi baixos. O leite en po desnatado cotizou onte no entorno de 1,70 dólares o quilo (1,50 euros), un valor inferior ós prezos medios pagados na actualidade en Europa (1,7 euros/ kg.) –segundo os datos do Observatorio Lácteo da UE-.

O Global Dairy Trade, operado pola multinacional neozelandesa Fonterra, unha das maiores industrias lácteas do mundo, experimentou na sesión de onte melloras en case todos os produtos a subasta. O queixo chedddar aumentou un 4%, a manteiga subiu un 8% e o leite en po arredor do 12%.

Evolución do Índice do Global Dairy Trade nos últimos 10 anos.

Evolución do Índice do Global Dairy Trade nos últimos 10 anos.

O repunte consolida un leve cambio de tendencia, logo de que a comezos de agosto o índice do Global Dairy Trade tocase fondo ata o valor máis baixo rexistrado nos últimos dez anos.

Tal situación levou a analistas do sector a propoñer a suspensión temporal da subasta, se ben o operador do Global Dairy Trade advertiu de que a caída das cotizacións era un síntoma do mercado non imputable á subasta e decidiu seguir adiante co calendario de traballo habitual, unha subasta cada dúas semanas. A próxima será o 15 de setembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información