José Antonio Vidal é o presidente de FEGAPOR, unha organización que agrupa á maioría dos produtores galegos de porcino, un sector no que Galicia se sitúa nos primeiros postos, só por detrás de Cataluña.
Cal é a situación do sector porcino galego?
Hai sobre 1.000 produtores en ciclo pechado. Do entorno de 2.500 cebadeiros, onde uns están a funcionar con gando integrado que ven de fora de Galicia, e outros ceban o que nace nas propias explotacións.
Isto está a cambiar cada día máis, porque o produtor pequeno practicamente vai desaparecer, dada a gran demanda de partidas grandes de leitóns. Deste xeito, as antigas granxas estanse a transformar en cebadeiros, e as grandes granxas estanse a especializar na produción de máis leitóns.
Hai unha terceira figura que en Galicia até agora non estaba presente, que son os isowi?: explotacións que cumpren o cometido de facer o destete do leitón desde 6 kg até 20 kg, para a partir de aí saír en partidas máis uniformes e máis grandes para os cebadeiros.
Dentro de España, Galicia posiblemente sexa a segunda ou senón a terceira produtora, por detrás de Cataluña, e tamén pode que de Murcia.
Dende o mes de agosto o prezo do porcino baixou case un 50%
Como están os prezos do porcino?
Este é o peor momento, pola estación do ano na que nos atopamos, e en segundo lugar padecendo a crise que provocou o peche das exportacións a Rusia.
Para facerse unha idea, se no mes de agosto tiñamos un prezo de 1,46 -1,48 € quilo vivo, agora estamos movéndonos entre 0,95 e 1,00 € quilo vivo. Se temos en conta que o custo de explotación é de entorno a 1,15-1,20 € de kilo vivo. Polo tanto, o diferencial é o diñeiro que estamos a perder os produtores.
Dada esta situación, hai ameaza de peche de explotacións?
O noso sector está saneado, porque as explotacións que tiñan que pechar fixérono na anterior crise de hai dous anos, provocada pola suba do prezo dos cereais. Entón xa se fixo unha peneira importante, polo tanto o que aguantou agora ten que adaptarse, seleccionando a liña de traballo á que se quere dedicar: ben como produtor de leitóns ou como prazas de cebo.
Cal é o destino da produción de porcino de Galicia?
En Galicia consúmese aproximadamente un 60% e o resto expórtase para o sacrificio en Portugal ou en Castela, tanto en León como en Burgos.
Exportamos un 40% dos animais, mentres que o maior vendedor de Galicia é El Pozo-Murcia
Sería aconsellable que ese 40% se sacrificase en Galicia para quedar aquí con máis valor engadido?
Desde logo. Os produtores incrementamos e melloramos os censos ,chegando a un nivel moi alto. Pero o noso gran hándicap é que a industria non nos acompañou e seguimos tendo a mesma ou menos industria cárnica que hai 20 anos. Eso deu paso a que entraran industrias foráneas. Non é lóxico que vaimos vender os animais a Castela e nos estea entrando como maior vendedor en Galicia El Pozo, de Murcia.
Estase dando algún paso para corrixir esta situación?
Dende a parte dos produtores non temos moito que facer, porque temos traballo suficiente en atender a nosa labor sen ter que pensar en facer industria para defender o noso produto.
Onde se marcan os prezos do porcino en Galicia?
Os prezos do porcino, como en toda España, veñen marcados por Mercolleida, que é a lonxa de referencia, pero que á súa vez veñen fixados por Alemaña, que é o maior país produtor e exportador de porcino de Europa, e son os que fixan os prezos nas lonxas.
Esperamos que en 2015 suba o prezo e que o 2016 sexa mellor
Cales son as previsións de prezos para este ano?
A nosa esperanza é que se levante o veto de Rusia ás exportacións de porcino da Unión Europea. Pensamos que o 2015 pode ser un ano de transición, porque dados os prezos moi baixos cos que arrancamos é moi difícil que a media non suba.
Esperamos que se arranxe o de Rusia e se volva abrir a exportación a China e, se isto se produce, o 2016 xa sería un ano máis beneficioso.
Como lle están a afectar as cotizacións dos cereais e demais materias primas?
En Galicia dependemos principalmente de fábricas de pensos, porque non hai explotacións do calibre suficiente para ter fábricas propias.
Estamos nun momento en que con respecto a hai dous anos os prezos dos cereais baixaron nunha contía considerable pero están máis altos do que se prevía. É dicir, esperábase que o penso, que costa uns 280 € tonelada, estivera a entorno aos 240-250 € por tonelada.
Levamos dous meses nos que, sen saber o motivo, houbo un repunte na materia prima de novo. Existe incerteza e ninguén se atreve a prever o futuro.
A maioría dos fabricante de pensos teñen os acordos pechados para todo o ano, sobre todo en trigo, cebada e millo. A soia, é moi dependente e non é fácil prever o prezo.
Por último, estase disparando o prezo dos aditivos minerais.
A lei de pago a 30 días incúmprese de forma xeneralizada: cobramos de media a 60 días
Como está o prazo de pagamento dos matadoiros e industria aos produtores?
Estamos nunha media de 60 días, con algunha industria que paga a 45 días e moita a 90. É un prazo moi longo, porque calquera fabricante de pensos que nos dea ese prazo de cobro de 60 días incrementaríanos o prezo, pero neste sector non temos a capacidade de impoñer nos os prazos de pago.
Existe unha lei que establece que hai que pagar aos 30 días pero non se cumpre. Hai denuncias pero ao final non chegan a nada.
Ademais, producimos un produto non almacenable e se esiximos o cumprimento da lei en canto a pagos o que nos pode supor é atraso de saída dos animais ou un aprazamento de matanzas…etc. Unha serie de problemas que o único que nos vai provocar é un cargo económico.
Como se está a aplicar a normativa europea de benestar animal?
Creo que por parte de todas as asociacións, e entre elas FEGAPOR, tratouse de demostrar que varias das cousas que se pedían era imposible cumprir co requisito e que, nalgúns casos, máis que beneficioso era prexudicial. Chegouse a un acordo e podo asegurar que en Galicia o 100% das explotacións están a cumprir a normativa de benestar animal.
Cal é a situación a nivel sanitario?
A enfermidade máis preocupante en Europa é a diarrea epidémica. Aparece en Estados Unidos, onde provocou unha verdadeira debacle. Foi chegando a Europa, pero en moi poucos sitios. É certo de que a raíz da situación de Estados Unidos, na Unión Europea preparámonos para combatela mellor. E en Galicia non coñezo ata agora que se dera ningún caso.
Polo demais, non existe ningún problema sanitario destacable na cabana porcina galega.