A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou, por cuarta semana consecutiva, os seus prezos medios máis altos tanto na categoría de becerros de recría, con 525 euros, como na de vacún maior, con 2.026 euros. Ademais, tamén alcanzou o seu máximo prezo medio na categoría de becerros carniceiros, con 1.397 euros.
Estes prezos medios supuxeron altas cifras de transaccións nas diferentes categorías, entre elas o terceiro maior volume de transaccións en becerros de recría, con 474.928 euros. Por riba só están os 500.430 da sesión do pasado 21 de xaneiro e os 503.556 da do pasado 17 de decembro. A Central tamén rexistrou o seu terceiro maior volume de transaccións conxuntas nunha sesión, con 1.384.388 euros.
Estas cifras son consecuencia da alta demanda que está a experimentar a Central, que o achaca tanto pola optimización de prezos do seu sistema de poxa informatizado como pola escaseza deste tipo de animais no mercado nacional.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 286 euros, 41 euros máis que na da semana pasada; os de 21 a 50 días incrementaron o seu valor 9 euros, até os 327euros; finalmente, os de máis de 50 días pagáronse de media a 395 euros (+9 euros).
En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 544 euros (+26 euros), e as femias vendéronse a 367 euros, cun incremento de 18 euros. Os de 21 a 50 días chegaron aos 645 (-9) e as femias a 435 euros (+31). Os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 808 euros (+9 euros) e as femias de 633 euros (+76).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial incrementaron o seu valor medio 133 euros e chegaron aos 1.502 euros con respecto á poxa pasada, mentres que as femias fixérono en 80 euros e fixaron un prezo medio nos 1.254 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.576 euros de media os machos (+178 euros) e a 1.328 euros as femias (+145). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema presentan un incremento do seu valor medio de 60 euros e quedan nos 1.525 euros por animal.
No vacún maior os prezos medios rexistraron subidas en todas as categorías, fóra da primeira, que baixou 20 euros e fixouse nos 1.176 euros. Os demais quedaron da seguinte maneira: a categoría extra en 2.271 euros (+79), a categoría segunda en 788 (+6) e a de desfeito en 429 euros. Os prezos dos animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia presentan unha suba 48 euros e quedan cun prezo medio de saída de 1.994 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan unha suba de 0,03 nas seguintes categorías: o selecto, que alcanza os 1,625 euros/kg e o normal, quedándose nos 1,6. O de canle II sobe 0,039 e chega aos 2,078. O de desvelle queda nos 0,63/0,69.
Nos leitóns hai suba de 4 euros e os exemplares chegados dunha única granxa chegan aos 82 euros (cun prezo de 4,1 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 77 euros e cun prezo por quilo de 3,85 euros.
No mercado do ovo, os prezos sóbense 0,02: os da XL chegan a 3,09 euros, os da L aos 2,55, os da M aos 2,35 e os da S a 2,05.
O prezo do coello continúa nos 2,40 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).