A Comisión Europea publicou recentemente un informe polo cal se prevé que os prezos da carne, en termos xerais, continúen nun incremento sostido despois do pico rexistrado ao longo deste ano. Para 2031, as expectativas europeas céntranse en que o consumo de carne siga medrando a nivel mundial a razón dun 1,4% por ano. Isto reflexarase sobre o mercado, pero aínda así as fendas entre países sobre demanda e prezos estarán latentes.
O papel da sustentabilidade na produción de carne e a conciencia ambiental no seu consumo será un factor que cada vez collerá maior importancia, segundo describe o informe europeo. Neste sentido, a modernización, a innovación tecnolóxica e os cambios nas prácticas agrogandeiras xogarán un rol fundamental para guiar a produción cara horizontes máis eficientes e ecolóxicamente sostibles.
A pesar das tendencias mundiais esperadas en canto ao consumo de carne é necesario destacar que o contexto europeo é diferente: entre 2018 e 2031 os kg de carne por persoa caerán dos 70 aproximadamente aos 67. Ademais, a Comisión Europea salienta o incremento na diversificación do consumo, moito debido ás tradicións relixiosas e a migración que aumentará a demanda da carne de ovella ou cabra en detrimento da de porco.
A evolución dos prezos da carne de vacún
O prezo da carne de tenreira seguirá a tendencia dos prezos mundiais. A actual reposición de existencias en Brasil e Australia exercerá presión sobre os prezos a curto prazo, tal e como afirma a Comisión Europea. A este factor é necesario engadirlle as restricións nas exportacións en Arxentina, cuestión que se representará no mercado durante os vindeiros meses.
A previsión de prezos da carne de vacún asentarase en torno aos 3700 euros/tonelada con oscilacións ata os 3800€/t, en función da taxa internacional de demanda. No marco europeo, remitíndose ás cantidades, os consumos de carne de tenreira diminuíron entre 2020 e 2021 pola pandemia. Esta baixada continuará levemente, e en 2031 significará 1kg menos de carne demandada por persoa, e un 8% menos de cabezas de gando solicitadas para o mercado europeo.
A carne de porco
A Comisión Europea espera que China recupere a súa capacidade de produción case por completo para 2026, o que reducirá drasticamente a súa dependencia de importacións. As consecuencias para a UE serán masivas, pero a curto prazo non terán o seu efecto sobre o mercado internacional. Mentres que as exportacións aumentaron un 5,3% anual entre 2011 e 2021, prevese un efecto rebote que non só freará este avance, senón que reducirá en case un 2% anualmente as exportacións deste continente.
O mercado sentirá estes cambios. A curto prazo a demanda asiática e doutras rexións manterá os prezos nunha tendencia alcista pero despois esperase que diminúan progresivamente, en paralelo á cantidade que o se demande. A este fenómeno cómpre engadirlle un previsible aumento da oferta mundial da carne de porco que se traducirá nun prezo aproximado aos 1500€/t para 2031.
Tendencia no consumo e prezos das aves de curral
A Unión Europea rexistrou un aumento de demanda dun 2% anual entre 2011 e 2021. As previsións do informe fan alusión a un aumento paulatino dun 0,5% máis entre 2021 e 2031. Esta continuidade está motivada por un cambio nas preferencias do consumidor debido “ás connotacións saudables da carne de polo ou a abstención no consumo doutro tipo de carnes por persoas de certas relixións”, así o describe o documento europeo.
En canto aos prezos é destacable que tras a caída sufrida pola COVID-19 e a posterior recuperación, as expectativas plásmanse nunha estabilización económica do mercado ao longo do próximo ano nos importes actuais do mercado. A partir de aí, cara a 2031 esperase que avancen lentamente chegando aos 2000€/t.
Os cambio de consumo na carne de gando cabrún e ovino
A diversificación na demanda de carne no marco europeo beneficia o sector cabrún e ovino. As previsións da Comisión revelan un incremento lixeiro sobre a demanda, o cal entre 2021 e 2031 representará unhas 660.000 toneladas máis. España, Grecia, Francia ou Irlanda representaron máis da metade da produción total da Unión Europea en 2020.
Despois de 2021, os prezos da UE seguirán unha tendencia á alza en consonancia coa evolución dos prezos do mercado mundial. Marcarase unha brecha de prezos entre a UE e os prezos doutros produtores como Nova Zelanda ou Australia. Os prezos a partir deste ano e ata 2031 evolucionarán, con cambios, entre os 7000 €/t e os 5900€/t.
Descarga aquí o informe completo