A Feira Internacional para a Produción Animal (Figan) comeza a pechar todos os detalles da súa próxima edición, que se celebrará en Zaragoza do 28 ó 31 de marzo. A falta de mes e medio para o certame, a organización xa deu a coñecer os premios Figan 2023 á Excelencia, que distinguen a 4 ganderías.
Os premios buscan amosarlle ó sector elementos innovadores e que resalten aspectos como a innovación, a trazabilidade, a sostibilidade, a proxección de futuro e o compromiso co sector. Estas foron as empresas premiadas:
• Na “categoría ovino” foi recoñecida co Premio Excelencia FIGAN 2023 a Granxa de Desenvolvemento AGM Ovino (Olmedo, Valladolid). Presenta diversos premios anteriores que demostran o seu alto investimento en I+D+i e a súa actividade resalta en aspectos como sustentabilidade, bioseguridade, redución dos antibióticos e, ademais, pon en valor o sector de ovino de leite. O xurado avaliador tamén quixo destacar que, como explotación pecuaria, ten propiedade industrial.
• Na “categoría porcino” recibiu a distinción o Complexo Millán- Millán 6 (Poboa de D. Fadrique y María, Granada y Almería). A documentación presentada acredita un esforzo no control do benestar animal, así como a optimización do manexo animal, o xurro, xestión de xurros e control de emisións GEI e do gasto enerxético. Ademais, o xurado destacou que pode ser un exemplo de como unha granxa de elevada dimensións pode responder ós principios da excelencia desde unha perspectiva zootécnica.
• Na “categoría avícola”, Granxa Finet (Arbeca, Lérida) foi a explotación premiada. Dita empresa demostrou un esforzo en incorporar as mellores tecnoloxías dispoñibles nas súas instalacións, en mellorar a eficiencia enerxética dos seus procesos, sendo unha granxa autosuficiente (97%), e en redución de produción de nitróxeno, benestar animal e aproveitamento da auga, converténdose por todo iso nunha “explotación excelente”, segundo declaracións do xurado.
• Por último, o Premio Excelencia na “categoría equino” foi para o Centro Militar de Cría Cabalar de Zaragoza. Trátase dun sistema modelo público de referencia en varias especies particulares e cun funcionamento global en canto a a xestión de residuos, economía circular, alimentación e reprodución. Destaca o seu valor na conservación das razas equinas, asnais e caninas. O xurado quixo apuntar o esforzo que fixo a explotación para adaptarse aos novos sistemas e técnicas aplicándoo de forma eficiente e eficaz con visión de futuro.
O certame Figan ten xa confirmadas máis de 950 marcas participantes en 77.000 metros cadrados de exposición. A feira contará ademais con 850 cabezas de gando de diversas especies. Haberá representación de 10 razas de vacas, 12 de ovellas, 5 de cabras, 1 avícola e 10 equinas, procedentes de máis de 100 ganderías distintas. Todos estes datos convirten á Figan na feira gandeira de referencia na Península Ibérica.