As terras do Baixo Miño son de sobra coñecidas en Galicia pola súa fertilidade e o seu microclima idóneo para explotacións agrícolas. Ao longo dos máis de 300 km² de superficie que ten a comarca, esténdense viñedos e plantacións enormes de froiteiras como o kiwi, o mirabel, a mazá e, dende hai seis anos, tamén o aguacate. Aínda que nos concellos de Tui, A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia pódense observar aguacates de máis de 15 metros de altura e de, polo menos, 40 anos de idade, a súa presenza é puntual en vivendas particulares e sempre enfocada ao autoconsumo. Porén, a empresa agrícola Cultivos Miñotos, está a asentar un modelo de negocio arredor desta froita tropical.
A historia detrás da empresa
Como moitas ideas de negocio, Cultivos Miñotos naceu nun momento de crise. No ano 2015, Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione quedaron sen emprego. Empregos, curiosamente, afastados do campo. Un traballaba de comercial no sector da fontanería e o outro como administrativo nunha xestoría. “Eramos e somos moi bos amigos e moitas veces falabamos das inquedanzas que tiñamos sobre a Galicia rural -ou profunda como din agora (ri)-“, explica Juan Ángel. Os dous amigos vivían na comarca do Baixo Miño e observaban como o val do Rosal estaba cada vez máis abandonado: “Aí foi onde empezou a xestarse o proxecto. Aquí a máquina que máis traballa é a desbrozadora para limpar as leiras”, bromea Juan Ángel cun aspecto que se revela sintomático da situación do rural galego.
Cultivos Miñotos naceu nun momento de crise na cabeza de dúas persoas que non tiñan nada que ver profesionalmente co campo
A idea de fundar unha empresa adicada ao cultivo de froiteiras ía collendo forza: “Asistimos a unhas formacións do Concello de Tomiño sobre as potencialidades do rural que foron espertando en nós ideas máis sólidas”. Ao pouco tempo, apareceron outros dous socios interesados en participar e que, ademais, eran amigos. Un era Joaquín Álvarez, un dos fundadores das populares Adegas Terras Gauda e Santos Rodríguez, fundador de Viveiros Río Tollo, unha empresa adicada á produción de plantas ornamentais na comarca. “Coa experiencia deles dous e máis a nosa ilusión arrincamos a empresa e decidimos, entre outras moitas opcións, plantar maceiras enfocadas á sidra e aguacates”, explica Juan Ángel.
O cultivo de aguacate: as especies axeitadas e o manexo
As variedades que máis empregan nos seus cultivos son o hass, a que ten máis representación no mercado; e o bacon, unha especie menos coñecida que a anterior pero tamén popular e caracterizada pola súa pel fina. “Ás veces escóitanse esaxeracións sobre o concepto do microclima, pero no caso do Baixo Miño é certo: aquí danse xenial cultivos exóticos como o kiwi, unha froita que viu das nosas antípodas!”, argumenta Juan Ángel. E o aguacate, por suposto, tamén.
As dúas variedades máis empregadas no cultivo de aguacate en Galicia son a hass e a bacon
Ser unha das primeiras empresas adicadas a este cultivo en Galicia ten vantaxes e inconvintes. Un deses inconvintes é non saber con total certeza cales son as mellores variedades ou como orientar a xestión dos enxertos: “Polo de agora compramos as árbores enxertadas en Málaga, pero estamos en pleno proceso de investigación para poder ir avanzando nesa liña. Os enxertos que fixemos aínda non nos deron resultados, pero de seguro que avanzaremos nese eido”, aclara Juan Ángel.
Ser precursor implica vantaxes como ter un mercado por crear e inconvintes como non contar con referencias cercanas
Aínda que Juan empeza definíndose humildemente como “novatos”, ao longo da conversa o epíteto vai mudando cara o de “pioneiros”: “En realidade, os únicos referentes que temos nós no cultivo do aguacate son os veciños emigrantes. Moita xente que no século XX viaxou dende aquí a países como Porto Rico e volveu, nalgúns dos casos, con sementes desta árbore”. Juan ten constatado entre as testemuñas dos veciños da comarca que o aguacate nunca gozou de popularidade ata ben entrados os anos dez: “Era unha árbore máis”.
A mirada posta na certificación ecolóxica
As peculiaridades do minifundio e da escasa concentración parcelaria de Galicia fan que Cultivos Miñotos teña as once hectáreas de cultivo de aguacate divididas en varias leiras. Como en tódalas explotacións agrícolas, a do aguacate tamén precisa de abonado e eles, dende un comezo, quixeron ir enfocando o cultivo para conseguir a certificación ecolóxica. Por iso, empregan abonos químicos e orgánicos, pero ámbolos dous coa certificación ecolóxica.
Dende o comezo do proxecto, Cultivos Miñotos vinculouse ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), o órgano encargado do control e certificación das produccións ecolóxicas na comunidade. Pero os tempos dilátanse: “No CRAEGA non che dan as certificacións tan rápido, é necesario un tempo de conversión, pero nós tiñamos claro dende o principio que queriamos seguir esa vía”. A conciencia ecolóxica é manifesta en toda a conversa con Juan Ángel: “Na nosa opinión non hai outra forma de entender a agricultura. Que mundo imos deixarlle aos nosos fillos?”. De feito, Europa vén de anunciar como obxectivo para o 2030, que o 25% da agricultura da Unión estea en ecolóxico.
Marcos de plantación, coidados fundamentais e principais riscos
Das once hectáreas de aguacates coas que contan, seis están concentradas nunha soa leira e as outras algo máis dispersas en pequenas parcelas: “Ás veces complica un pouco o traballo, pero, aos poucos, algunhas das parcelas convertiránse nunha soa e seguiremos alugando algunha máis”, explica Juan Ángel, que puntualiza o feito de que non teñan en propiedade ningunha das leiras: “Ou plantamos árbores ou mercamos terras, non temos cartos para as dúas cousas”, ironiza.
Un dos aspectos técnicos nos que fai fincapé Juan Ángel é no dos marcos de plantación. Nas súas parcelas, a separación entre liñas é de sete metros e entre árbores recoñece que é algo máis variable, pero que soe estar arredor dos catro metros. Aínda así, tamén están a experimentar cos marcos. Nalgunha das leiras están a probar o cultivo en tresbolillo (pata de galo ao outro lado da raia). É dicir, plantar as árbores de tal xeito que formen triángulos equiláteros para que non coincidan en paralelo entre liñas e si o fagan en diagonal.
O principal risco do aguacate é a auga. No sur de España por defecto e en Galicia por exceso
“Hai un mantra repetido ata a saciedade sobre o cultivo do aguacate e di que o principal problema do cultivo é a auga”, explica un dos socios de Cultivos Miñotos, mais puntualiza: “En Málaga pode ser que o principal problema sexa a carencia hídrica, pero aquí, o problema é o oposto, un posible exceso”.
As plantacións de Cultivos Miñotos ubícanse a non máis de 200 metros do río Miño, nunhas zonas extremadamente húmidas e con sustratos moi areosos. A partir da tempada outono-inverno, chega o momento crítico do cultivo de aguacate en Galicia, condicionado principalmente polas precipitacións. Porén, Juan recoñece non ter experimentado graves problemas: “Nós temos rego por goteo durante todo o ano e preocupámonos de que o terreo teña unha boa filtración”.
Un aspecto fundamental a ter en conta no cultivo do aguacate é que a temperatura das explotacións estea entre os 4 e os 30 graos
Aínda que o aguacate é unha especie tropical, non tolera ben nin as temperaturas que soben dos 30 graos, nin as que baixan de 4. Saírse dese abano pode traer problemas graves que dificulten a supervivencia das árbores. Para previr eses riscos, na parcela de seis hectáreas que cultiva, xa teñen instalado un rego antixeada que lles serve tamén para aportar humidade no verán. Agora mesmo, nesa leira contan cunhas pértegas que crean unha choiva artificial que evita que a xeada calle.
Como noutros aspectos do cultivo, na poda tamén teñen moito por experimentar e aprender: “Non podemos seguir exactamente as referencias que temos de cultivos no sur de España. En Málaga, por exemplo, igual están colleitando nun mes e nós ata marzo non comezamos”, explica.
Perspectivas de futuro e circuíto de venda
Juan Ángel non se atreve a facer unha predición de cantidades da próxima colleita, pero si que recoñece que “apunta ben”. O que si teñen en mente en Cultivos Miñotos é seguir ampliando as zonas de explotación e concentrar máis e mellor as parcelas. “Temos que seguir negociando cos veciños. Hai de todo. Xente encantadora que entende a importancia de darlle pulo ao sector primario e que nos facilita todos os procedementos e outra que lle custa algo máis”. A día de hoxe, están a alugar as leiras de cultivo no entorno de sete céntimos o metro cadrado. “É un prezo algo caro que ao final repercute nas marxes e mais no prezo final. Ás veces, cando falamos con agricultores andaluces bromeamos dicindo que a palabra hectárea non existe en galego. Aquí hai ferrados, estadales e cuncas”, ironiza Juan sobre a situación parcelaria en Galicia.
Sobre o circuíto de venda, polo de agora, en Cultivos Miñotos están a vender directamente a comercios de proximidade, nunca fóra da provincia de Pontevedra e, nomeadamente, en Vigo e no Baixo Miño. “En calquera caso é algo temporal. En canto esteamos en plena produción daremos o salto a unha distribución máis grande”, explica Juan Ángel. Ademais, aos propietarios da empresa gustaríalles crear, xunto con outros produtores, unha cooperativa de venda coa que ter controlados os procesos de distribución.